Por Pepe de Rocaforte
Supoño que cantos nos dedicamos a
escribir de vez en cando sobre calquera cousa que se nos poida vir á cabeza,
imos sempre pola rúa ou sentámonos nun café coa orella disposta a captar unha
palabra ou unha frase aquí e acolá (como a herba de Cunqueiro) que nos poida
servir de punto de arranque para desenvolver unha historia ou unha reflexión,
xeralmente sen maior transcendencia, que a maioría das veces ficará enterrada
para sempre nun recanto escasamente visitado do noso cerebro. E, agora que o
penso, ocórreseme que tal vez a perda de oído que experimentamos co paso dos
anos poida ser unha das causas de cada vez encontrarmos menos cousas sobre as
que lle dar ó teclado ou ó bolígrafo.
Nestes últimos tempos o tema case
único que me chega á antena cando ando por aí é o desa gripe á cal lle deron o
estúpido nome de “coronavirus” (¿canto máis suxerinte non era o de “gripe
aviar”, ou aínda o de “gripe A”, ou “Z”?). Así como se fala do “ano da gripe”,
ou do “ano da peste”, ¿non lle parece ridículo en cambio falar do “ano do
coronavirus”? Pois aí temos a eses, e esas, que pasan ó noso lado pola rúa, ou
están sentados na terraza da cafetería, contando que en Porteliño de Arriba xa
houbo sete mortos, e no reino de Madrid vinte e nove e tropecentos corenta e
tres infectados, e que se non andas listo pódenche cuspir o virus no lugar
menos pensado e cando menos o esperas, e que as boliñas contaxiadoras da
enfermidade, cando caen ó chao, aínda que sexa duro e lousado como o da rúa
Real, non rebentan, senón que quedan por alí tres ou catro días dando voltas
ata acabaren por morrer se antes non pillan un receptor axeitado que lle
permitan continuar infectando á xente.
E despois de todo esto aquí me teñen
a min caíndo no tema que tanto me aborrecía, porque acaban de me amolar ben
amolado anunciándome a anulación dunha viaxe que ía facer a semana que vén. A
vostedes poderalle facer gracia (a “graza” déixoa para os académicos), pero a
min non me fai ningunha, sobre todo despois de un amigo me contar que o seguro
de cancelación que fixen no seu día non é válido en casos de epidemias e
similares. E aínda peor: púxenme a buscar a póliza, para ver que di sobre o asunto
e non a encontro por ningures. Como era algo rutineiro no cal non volvía pensar
máis...
En fin: tereime que quedar na casa
lendo “A peste” de Camus e esperando que a cousa non vaia demasiado a maiores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario