luns, 30 de marzo de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (64)


                                    Prensa galega en Montevideo
                                                            O Curmán de Undochán

  
Montevideo, 1917
         
Os galegos de Montevideo téñense expresado, a través das suas institucións societarias, polos órgaos de prensa destas, das maneiras máis dispares. Este tema está exaustivamente tratado polo noso tan citado Zubillaga nun ensaio específico: A prensa galega de inmigración en Uruguai (1996). Desde 1880 a 1980 e aínda máis, desenvolveuse esta actividade publicista, acorde coa selva de xornais e periódicos que daban voz a toda a inquieta sociedade durante os dous primeiros tercios de dito período.
            Perto de 35 cabeceiras, a maior parte en idioma español, móstrannos esa inquedanza expresiva dos nosos connacionáis na diáspora uruguaia. Desde a pioneira e efímera La Voz de Galicia (1880, pouco anterior á homónima coruñesa), compre destacar La Unión Gallega (1881), Centro Gallego (xa en 1917) ou El Eco de Galicia (1925), esta última órgao de Casa de Galicia, así como antes Alma Gallega (1919). (Algunhas reeditadas aí na primeira década da presente centuria… e para iso recorrendo á Biblioteca Nacional del Uruguay, cunha hemeroteca máis ricaz, nese campo, que a propia ben surtida da Real Academia Galega).
Montevideo, 1922, celebrando, moi españolamente,
a C. Arenal e nós recuncando neste seu bicentenario.
            O Irmandino (sic, 1934) foi órgao da Irmandade Galeguista do Uruguai, á par de Raza Celta (do mesmo ano) que o foi do Comité Autonomista Gallego del Uruguay, ambas durando pouco, sendo aquela a única íntegramente en galego e da que poderíamos considerar ideolóxicamente antecedente O Fungueiro (apenas de 1918). Agunhas cabeceiras, malia dilatadas interrupcións, prolongáronse ata fins do XX.
            O nivel desta literatura xornalística foi ben diverso: desde xornalistas de raza (dos que excusamos dar nomes que atoparedes en internet), ata simples reprodutores de textos peninsulares, aquí e tamén nas outras colectividades das demáis cidades americanas con presenza galega. Canto a ideoloxía, tema que non é do noso abreviado informe, podedes supor que “había de todo na viña d-El Señor”…
            Caso singular é o da breve Arazua (1929-30), “Boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega” (vése que para eles a língua non formaba na cultura). O nome (que nós, errando ao lle trocar o acento, acháramos versión primitiva do topónimo Arzúa!), explícase na editorial de arranque ser “una voz celta” cuxo “equivalente en castellano se encuentra en el vocablo tumulto”, e, adoptando eles o último significado: inquietud, “la inquietud aplicada a las altas especulaciones del espíritu”.
    
Montevideo, 1934
        Mosquera, Sigüenza ou Morenza (aquí) son algunhas das firmas que lle dan certo cariz cultural e galeguista… daquela maneira, e responde á mentada asociación fundada ese mesmo ano, e que foi saudada en Galicia por xentes como Peña Novo e propendía, na sua curta vida, a apoiar a Universidade compostelá, o Seminario de Estudos Galegos e máis a Real Academia Galega.

É un feito –e que llo pregunten ao noso amigo E. Santos Gayoso- o nada doado que é facer a historia desta faceta literario-comunicacional, dada a limitada conservación e mesmo a reiteración dos títulos no tempo e no espazo: así a que sería a primeira Tierra Gallega (inda que “La Tierra Gallega”) nada na Habana (1894)… tivo homónima na Coruña (1903) e outra montevideana (1917), sendo a habaneira, segundo nos informaran hai décadas, inspiración para o comercio dese nome que ata hai pouco operaba na cidade herculina.
Para rematarmos con tema algo esgrevio, digamos que aínda vos é o día que se senten no ar os aleteos das follas dalgunhas das máis recentes publicacións tales Ecos da Terra e Guieiro
       “El gallego es: Probidad limpia, absoluta, sustancial; lealtad, laboriosidad, perseverancia; sabe dar, compartir y practicar la solidaridad. La fuerte mujer gallega, de soberana belleza, y de torrencial dulzura…” (Algúns dos retóricos xuízos do escritor uruguaiano Constancio C. Vigil -1876-1954- tentando compensar a visión pexorativa do seu tempo sobre o noso paisano).

Ningún comentario:

Publicar un comentario