mércores, 11 de marzo de 2020

Ulisíada (VI)

Por Far O'McKwoo
De cales son as verdadeiras aspiracións de Antínoo
     Antínoo ten un veleiro atracado no porto de Ítaca, pero poucas veces iza a vela e prefire gastar gasolina para ir máis rápido e máis cómodo, de praia en praia, entre ambas as dúas bandas da ría. Ás veces amarra a carón dunha batea para botar unha liña e matar as horas pescando fanequiñas mentres lle dá leria ó operario que a esa hora anda faenando na mesma, preferentemente esa de Laertes, o pai de Ulises, que queda por sur do polígono mexilloeiro de Sálvora, segundo el porque é onde se dá o mellor peixe, segundo Eumeo, o empregado de Laertes, porque lle quere desgraciar a vida con propostas pouco sensatas que, como Eumeo lle di, para correr riscos hai que ter moi boa rede por debaixo, e el só é un asalariado.
     Nalgunha ocasión, o saúdo de Antínoo a Eumeo foi a oferta de traballar para el como encargado do mantemento do veleiro, de casco de fibra que non necesita carenado nin pintado, outras como asociado, se lle permite fondear entre as cordas da batea certa mercadoría clandestina que o liberaría de ter que andar enzoufando as mans co mexillón. A oferta era tentadora. Cobrar máis e traballar menos é a meta de calquera, só que Eumeo lembra sempre o que lle dicía seu avó: “En ningures dan pan por durmir, e se cho dan acabarás tendo pesadelos”. Pero Antínoo aínda o intentou noutras ocasións, prognosticándolle que se en calquera intre volve o fillo de Laertes el quedará no paro –mal agoiro-, que unha empresa coma esa non dá para pagar dous salarios –asegura-, e daquela “pasou o día pasou a romaría” –ameaza-, que os deuses da fortuna raramente pasan dúas veces pola mesma porta –presaxia-. E Eumeo volveu lembrar ó seu avó cando dicía que “non son bos todos os que dan, nin todos dan o que é bo”; e rexeita a oferta, amosando o adecuado coñecemento do refraneiro. Antínoo, cando non ten argumentos para convencer oféndese, que nunca viu desagradecido tan testarán –sorpréndese-, que esa falta de decisión, ese apoucamento, é a causa do atraso en que vive o país –responsabiliza-, que el ofrécelle o ouro e o outro prefire a bosta das cortes –censura-, e con esa actitude nunca sairemos da miseria –vaticina. Pero Eumeo ben sabe o por que da preferencia por esta batea, que é a que queda máis arredada dos ollos de vixilancia aduaneira.
     O pretendente de Penélope sabe que non hai que romper a baralla porque veña dada unha mala man, e nin por tantas negativas se rendeu. Só acentuou a súa insistencia desde que sabe que Telémaco anda á procura de seu pai. Tanta fe ten no seu negocio e tan seguro está das súas tentadoras ofertas, que aínda visitará a Laertes coa proposta dunha sociedade na que o empresario mexilloeiro non necesitaría arriscar, senón tan só deixar facer sen renderlle contas a ninguén, que coa ganancia dun ano poderá retirarse a vivir de rendas, que se chegase calquera tipo de inspección, el non sabe nada porque el só vai buscar o mexillón que o seu empregado lle deixa sinalado. Mais Laertes tampouco está polo labor nin pola ambición desmedida, e dille que nin se fai unha casa para dinamitar os cimentos nin se traizoa á man que che axuda a subir os chanzos.
     Tanto teimaba Antínoo, tanto insiste e acusa de incauto a quen non admitía as súas propostas, que a educación e os bos modais do empresario mexilloeiro perdéronse, e sinaloulle a porta, que non ten tempo para discutir algo que non lle interesa de ningunha das maneiras. E sen darse conta, con tal rotundidade e tales modais, o pai de Ulises asinou unha declaración de guerra pola que o vello desconfía de que, aínda sen el sabelo, lle camuflen tales mercadorías na batea e lle desgracien a vida. Tiña que poñerse en garda.
      -¿A ti ofreceuche alguén...? –pregúntalle a Eumeo.
     -Si, pero non fixen caso.
     Laertes armou ó seu operario de todo tipo de precaucións.
     -Anda con ollo.
     Ese día Laertes botou en falta a compaña do fillo que puidese axudalo coa carga que se lle bota encima. Pero por aquel entón, Ulises, que convive coa vergoña do fracaso entre os licores do bar Calipso, nin sequera se acorda de mandar unha postal polo Nadal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario