luns, 23 de marzo de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (63)


                                    Un país cosmopolita
                                                            O Curmán de Undochán

El inmigrante,
chámase esta escultur
 na Villa del Cerro
            Que nós falemos, na maior parte destas crónicas, dun Uruguai galego, non habilita a negar que estamos perante un país cosmopolita: a capital que demográficamente alcanza a metade do que é a nación, é unha outra demostración de tal. A actual Villa del Cerro –lembrade: o cerro que está da outra banda da baía e que lle déu nome á cidade, sen ter sido nunca o centro dela- tentou denominarse Villa Cosmópolis, daquela habitada por un mosaico nacional de traballadores, como o seu nomenclátor revela: desde Vizcaya, Barcelona e Burdeos ata Egipto ou Patagonia, con Grecia como rua principal…    
             Isto rompe os ollos se repararmos nos apelidos –crisol de apelidos chamou alguén ao Uruguai- onde conviven ou conviviron, xunto aos galegos que x atemos abordado, armenios (Hagopian ou Aprahamian), alemáns (Müller, Buschental), ingleses (Jackson, Heber), euskalduns (Jáuregui, Echeverría), cataláns (Puig, Rossell), italianos (Ferrari, Bianchi), mesmo canarios (de diversa raíz: Betancur, Curbelo) ou azorianos (flamengos aportuguesados: Brum, Dutra), ou propiamente españois (Herrera, Puentes) ou exclusivamente portugueses (Coelho, Machado), que, con dificuldade, escollemos entre centos.
Sintomática reunión de tres monstros: 
Dante (ao fondo), Cervantes e Sócrates
(estes dous na fachada da Biblioteca Nacional)
    Outro síntoma plurinacional sería a gastronomía non autóctona (en base á carne, claro), como a italiana preponderante, ou mesmo a armenia (lemeyun) ou a galega (empanadas sui generis, cando de peixe).
            Podemos, a título pintoresco, facermos unha listaxe dos monumentos –entre os numerosos de millor ou pior realización- que ornan Montevideo, dedicados a países e/ou persoeiros estranxeiros, así, polo seu número aproximado, destacando: Italia (con 10, entre eles os da Crón. 32 e máis a Loba do Capitolio), Chile (con 8: Mistral, Neruda, Allende), Alemaña (6: Einstein), Arxentina (6: Perón), Brasil (6: Vinícius, Tiradentes), México (5: Juárez), Israel (5: El Holocausto monumental)…
Monumento Al Plus Ultra
(coas escalas impresas) na zona portuaria (Crón. 46)
 
            Abondo ilustrativa é a relación non exaustiva que vos fornecemos de países, agás os xa nomeados, representados na estatuaria montevideana (e xa non falemos do nomenclátor, como acabamos de ver); vedeaí, comezando polos extraamericanos:
            Armenia (Hayastán de seu nome oficial), Chequia, China (Confucio), Corea Sul (moneco simbólico excesivo), Eslovenia, España, Francia, Grecia, Hungría, India, Líbano, Lituania, Palestina, Polonia, R. Unido, Romenia, Rusia, Suiza, USA, mesmo Catalunya e Euzkadi foron homenaxeados nos monumentos a Companys e á Árvore de Gernika (que, en 1944, foron inaugurados coa presenza do noso Castelao).
(E consideraremos a cruz da Crón. 25 representación do Estado Vaticano ou sobre iso símbolo relixioso?).
   Aos mártires armenios (vítimas do xenocidio de 1915)
            Como era de esperar, os países da rexión, val dicir, os latinoamericanos, foron, eles ou os seus próceres, obxecto de monumentos: amáis dos veciños xa mencionados, temos a Paraguai, Bolivia, Perú, Colombia, Ecuador, Venezuela e os centroamericanos Nicaragua, Honduras e Guatemala, e mesmo o Canadá lonxano.

Dato extemporáneo: Entre 1835 e 1970 Galiza mandou ás Américas máis de un millón de seus fillos (1.130.000 calculou o Prof. Alejandro Vázquez González da UVIGO).

Ningún comentario:

Publicar un comentario