luns, 2 de marzo de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (60)



Teatro galego en Montevideo

                                                                        O Curmán de Undochán


          
O achádego, entre os mil papeis de meu curmán, de tres programas de teatro galego en Montevideo, levoume a riscar catro liñas sobre o tema que, se cadra, debera abordar con maior idoneidade o amigo Prof. Luis Pérez, tan sensíbel a toda a materia emigrante. Apenas, pois, uns pantallazos –pantallazos de teatro non de cine- sobre un feito particularmente exótico para a rica realidade teatral uruguaia. Sempre coidando que podan ser úteis a aqueles que nalgún momento se queiran achegar á arte de Talía neste específico campo.
            Se quixésemos falar de antecedentes, que millor que as obras que creou e levou ao escenario o fundador de Casa de Galicia (1917), a nestas crónicas xa tratada (Crónica 11) excepcional figura de José Ma. Rz. Barreiro (Baiona, 1871-1923), quen alternou galego e español na sua creación teatral: La Virgen de la Barca (zarzuela), Pan quente

            Será en 1941 cando, como é ben sabido, reestréase en Montevideo e no máis importante escenario do país, o Teatro Solís, Os vellos non deben de namorarse, chegada de Buenos Aires xunto coa voz do autor, grabación que constitúe o único rexistro auditivo de Castelao, non comprindo extendernos máis sobre tema abondo coñecido.
            O noso tan lembrado Antón Crestar (Miño, 1896-1983), funda en 1958 o Teatro Popular Gallego coa estrea  americana, que el dirixe, de O fidalgo, de X. San Luis Romero, conmemorando os cuarenta anos da sua encenación na Terra. Obra que tornou a ser representada aquí baixo as dirección respectivas de Pepe Fernández e de Toni de Seárez, en 1989 e 2018 (ano do seu centenario). (O Castro reeditou a obra en 1986).
            Nalgún ano cercano a aquel 1958, tamén coa dirección de Crestar, representouse na capital uruguaia Mal ano de lobos, tradución galega desa obra de Linares-Rivas.
 
Os tres programas da obra en Montevideo,
 motivos de: Castelao (1958), Camilo Díaz (1989)
e F. Asorei (2018),
estes dous últimos reproducindo senllas capas do libro
          
Sen que tivese, que saibamos, malia o seu galeguismo militante, participación na escea galega do Uruguai, compre citar a Julio Castro Álvarez (1913-1973), aluno de Xirgu, que foi un dos iniciadores do teatro independente uruguaio, fundando o Teatro Experimental. Fillo de pais galegos retornados, criárase en Vigo, de onde, tendo exercido o maxisterio, debeu fuxir no 36.
            Un verdadeiro pioneiro do teatro uruguaio moderno, creando (xa en 1937) o Teatro del Pueblo fora Manuel Domínguez Santamaría (Arnoia, 1908-1979), actuando mesmo como director daquel Teatro Popular Gallego e como activista republicano..
            Canto a José Fernández Seivane (Pepe Fernández, 1911-1997), outro fillo de galegos, é figura fundamental no decorrer do noso teatro neste país: actor, recitador, impulsor de grupos de danza e coros, foi nomeado (1958, pola colectividade galega no Uruguai) Fillo adoptivo de Galiza. (Sua filla, Cristina Fernández, entre os máis destacados intérpretes da música folc, ten de seu un copioso repertorio galego). 
O fidalgo, versión 2018


Frase extemporánea: “Montevideo, como Nova Orleans, está na desembocadura dun dos ríos magníficos do globo que, cos seus afluentes, abrangue unha das máis vizosas rexións da Terra” (Xavier Marmier, Lettres sur l’Amérique, Bruxelas, 1851).

Ningún comentario:

Publicar un comentario