xoves, 30 de abril de 2020

AMPLIACIÓN DE LECTURAS



Por Pepe de Rocaforte
Supoño que debe ser algo completamente normal, pero non deixa de me parecer estraño o que me pasa nestes últimos tempos. Trátase de que desde hai xa bastantes días non me atrae a lectura de novelas, ata o punto de ter que me dedicar a outro tipo de lecturas para ocupar as actuais e indesexadas excesivas horas de lecer.
Así foi como cheguei ó terreo dos libros de viaxes sobre os cales veño escribindo nas últimas semanas e co cal vou continuar hoxe, a falta doutros temas de maior interese, salvo os que non quero tocar, porque xa nos bombardean suficientemente desde todos os medios informativos.
Agora vou facer unha confesión: na lista de doce títulos (máis a propina), que ofrecín o pasado día 16, ía un libro que recomendaba sen o ter lido: “Viaje a las estepas de Astracán y del Cáucaso”, do escritor polaco Jan Potocki. A verdade é que despois de ler que Pushkin aconsellaba a lectura de “El manuscrito encontrado en Zaragoza”, porque era tan bo, dicía, como os relatos de viaxes do mesmo autor, pareceume que, á recíproca, os seus escritos viaxeiros podían ser recomendados sen temor.
Agora remato a lectura da “Viaxe ás estepas...” e paréceme que poñela en pé de igualdade con “O Manuscrito...” é un tanto excesivo; pero compre dicir que a novela “española” de Potocki é unha grandísima obra que resiste calquera comparanza, e se alguén non a coñece aínda, aproveito para lla recomendar, esta con fundamento e sen ningunha dúbida.
Potocki non sei se chegaría a dominar vinte e nove idiomas, coma o viaxeiro británico Richard Burton, pero desde logo era coñecedor dunha boa cantidade deles e era ademais home moi preocupado polos estudios de filoloxía. Por tanto non debe estrañar que o filolóxico sexa o tema dominante desta viaxe a Astracán e o Cáucaso, o que lle quita un pouco de amenidade ó libro desde o punto de vista de quen non teña as mesmas preocupacións idiomáticas.
Nun parágrafo do capítulo II, di o autor: «Herodoto volve facer, esta vez comigo, a viaxe por Escitia, vinte e dous séculos despois de el estar alí en persoa. Nese intervalo de tempo, habitárona cen pobos diferentes, as ruínas das súas cidades cobren o deserto, pero xa non se coñece o nome desas cidades. Cen reis, mil guerreiros famosos sementaron as chairas cos seus sepulcros, pero xa non se coñecen os nomes deses reis e eses guerreiros. En cambio, Herodoto segue existindo enteiro. Fálame na súa lingua, sopeso cada unha das súas palabras, dáme medo perder unha soa, e escóitoo con máis pracer do que encontro na conversación de moitos vivos. Bendigamos, logo, o estudio dos historiadores que nos legaron semellantes goces.»
Noutro parágrafo, no capítulo VI, escribe sobre unha información que lle dan uns paisanos en Kalmuk-Bazar: «Eso é o que me contaron, e distíngoo coidadosamente do que vin por min mesmo». Ou, no capítulo XIII: «A república das ciencias está chea de xente que presenciou a creación do mundo e non busca nos viaxeiros nada máis que observacións que respalden as novidades que dan dela».
Creo que estas citas dan idea da escrupulosidade con que desenvolvía Potocki os seus labores de indagación, e remato cunha nova cita: «Os tártaros gábanse do ruído que fan os seus carros. Din que só os covardes engraxan as rodas, e que os valentes non teñen medo a ser oídos dun extremo a outro do deserto». A min esto, aínda que non se trate realmente do mesmo motivo, faime lembrar unha das cancións de Ataualpa Yupanki. ¿A vostedes non?

mércores, 29 de abril de 2020

Ulisiada (XIII)


De cando Ulises probou as herbas do esquecemento.
Por Far O'McKwoo
     Un día, mentres gastaba a paga do mes nun antro afoga penas, convencérono de que aquel choio non lle permitiría volver triunfante, como el pretendía, porque as horas de asueto eran sempre horas de gasto, que outros oficios hai, se ben duros tamén máis farturentos, co que deixou a medio construír un hotel de vinte plantas para probar sorte nun buque factoría con caladoiro fronte ás costas de Namibia, ó que accedeu presentando como currículo a longa tradición familiar, e convencido de que, abordo, non tendo onde gastalo, podería aforralo.
     E a campaña ía ben mentres se pescaba, pero mal cando o copo subía baleiro e se discutía porque aquel era un mal posto, porque o tren de arrastre era livián de máis, ou o tempo escaso. Cando se empacaba pescada cantábase e contábanse chistes, pero cando a rede viña sen peixe, as voces eran gritos e os beizos non rían. Cando non se ve prosperidade os corpos invádense de tristeza, o alcohol do “entreport” esgotábase sen calmar as ansias dos pescos, illados, sen noticias, nin cartas, no medio do océano, recluídos ós setenta metros de eslora dun buque con autonomía para pasar tres meses sen tocar terra, polo que abordo medraban as filias e as fobias segundo viñesen os lances de cada xornada. As amizades tamén trocaban cos vaivéns da fortuna, facéndose confidencias ou limitando as fronteiras da intimidade, mentres os oficiais se esforzaban por non deixar ningún momento de ocio para que o traballo ocupase as mentes en algo que non fose o desasosego.
     Foron tres meses de paso lento, marcando en calendarios de peto os días de campaña e as noites de insomnio, ata que por fin chegou a ocasión na que o barco houbo de ir a terra para facer gasóleo, encher as despensas e permitirlle á tripulación unhas horas de folganza e desafogo polas rúas e as calellas portuarias, por entre edificios sen ascensor ou en bares deseñados para acoller ás salitrosas tripulacións pescas. 
     Ulises, embebido da mesma euforia, deixouse levar da man de compañeiros máis expertos e visitou bares e tabernas convencido de que un día é un día, e en terra recupéranse o vigor e o alento para volver ó mar coa afouteza recobrada.
     Nun apartamento arredado das principais rúas, ata onde foi arrastrado polos aloumiños dunha moza de ollos negros e cabelo crecho, compartiu con ela unha botella de licor e unha libra de chocolate con leite por toda cea, tendo por mantel un edredón a cadros. E el deixábase facer e estar, enchido de desexo e falto de pudor. Falaban dispares linguas pero compartían gustos.
     Ulises sentiuse tranquilo e seguro naquel cuarto en penumbra, esquecido do reloxo e das voces do contramestre; pero de súpeto percibiu unha punzada de desacougo que o puxo en alerta, cando aquel moza, baleirando dun grolo os restos da botella, colléndoa polo bico rompeuna contra o antepeito da fiestra e el sentiu un arrefrío que medraba así como a vía vir cara el co anaco roto na man e un sorriso de felicidade, mirándoo con ollos de desexo. Ulises incorporouse alarmado, querendo botar man do primeiro que lle axudase a defenderse, mais a moza, sen perder o sorriso, sentou ó seu carón, taponou co papel de aluminio do chocolate ceado o bico roto, facéndolle pequenos furados, cunha agulla de calceta, atascouno todo cunhas herbas que gardaba nunha bolsa de plástico, púxolle lume e fumaron os dous daquela cachimba improvisada coma quen comparte o elixir da vida eterna, deixando que a mente se arredase do presente, que se relaxase o corpo e se calmasen as ansias e as penas, deixando pasar as horas sen que os ventos da fortuna o chamasen.
     Fermosa noite de beleza e pracer que lle permitiu adiar as coitas e sentirse arroupado polas flores do paraíso. Fermosa noite na que por unhas horas deixou de devecer por nada, polo seu deber e o seu compromiso. Mais cando espertou do pracenteiro sono, só faltaba uns minutos para que o barco levase áncoras, e correu na procura dun taxi que o devolvese ó peirao, a onde chegou cando xa retiraran a pasarela e os remolcadores arrastraban ó buque fóra da baía. Berrou para que o agardasen, pero o barco, de popa a terra non portou por el, que perdera o acordo sobre un colchón sen sabas fumando as herbas do esquecemento.
     

:


luns, 27 de abril de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (68)



                                                Dous revolucionarios
                                                            O Curmán de Undochán
Busto de Troitiño na sede do
 sindicato único uruguaio (PIT-CNT)

             Évos do caso a existencia, entre moitas, de duas figuras galegas que, con diversa intensidade, tiveron decisiva actuación neste país na primeira metade do século XX. Un de Moalde-Silleda, Adrián Troitiño (1869-1941), de indubitábel orixe campesina. Outro de Ferrol (1869-1950), membro de familia burguesa. Contemporáneos dos millonarios da Crónica anterior.
A Adrián Troitiño (ver Cróns. 12 e 17) témolo no Uruguai xa en 1904. De filiación anarquista, tornouse dirixente sindical coa creación (1920) do Sindicato de Vendedores de Diarios y Revistas, en defensa dos que, moitos deles rapaces, exercían tal función ambulante, os populares canillitas. (O nome, popularizado polo dramaturgo uruguaio Florencio Sánchez -1875-1910-, creador do moderno teatro rioplatense, na sua obra “Canillita”, de 1904, seguramente fai referencia a aqueles pantalóns de perneira curta, que viñan de anos de uso, sobrepasados polo medre do usuario, deixando a “canilla” (canela) nú). O 26 de maio, data do pasamento de Troitiño é o Dia del Canillita (sen xornais).
Florencio Sánchez
Se ben é esta a realización do galego que o perpetuou no tempo, é bó saber que, antes, en 1880, emigrara (de polizón e con só once anos) a B. Aires, onde xa destacara na organización dos panadeiros, panadeiro el mesmo, sendo deportado (1902) a España xunto con Julio Camba, onde houbo de cumprir servizo militar atrasado na Coruña.
Despóis dunha vida de loita (con cadeas incluídas e que aquí fusilamos sen piedade), xornalista e orador, virou para o socialismo, chegando a actuar como representante dos traballadores uruguaios na Conferencia Latinoamericana del Trabajo (México, 1938), “El Abuelo” (a semellanza do apelido que lle daban ao noso Pablo Iglesias) morre a pouco: a sua foi a primeira homenaxe que o Parlamento do Uruguai lle rendéu a un líder obreiro.
Adolfo Vázquez-Gómez (Crón. 28) é ben coñecido nesa sua terra de orixe, maiormente por man e pluma do investigador José Antonio Durán e tamén lembrado, na sua autobiografía, por seu sobriño-neto Leopoldo Calvo-Sotelo.
 Un mozo Adolfo Vázquez-Gómez                
Librepensador  que en 1892 se exiliou a raíz dunha disputa co arcebispo compostelán, por querer el casar só polo civil –tendo padecido anos atrás outro exilio como republicano-, esta volta con destino a B. Aires, pasando logo a Montevideo, sempre exercendo o xornalismo combativo: publica (1895) “Socialismo y libre pensamiento”, xa vinculado a esta altura coa masonería.
O seu paisano Claudio García
 publicando a Vázquez-Gómez
Adírese (1910) ao recén fundado Partido Socialista, de corte marxista, no que chega a desempeñar cargos de importancia, partido no que sería figura descollante Emilio Frugoni (Crón. 33).
            Tamén houbo mulleres na loita sindical,  amén de feminista, dos primeiros tempos, e mulleres galegas-fillas, tales María Collazo (1884-1942), con activismo iniciado en B. Aires, e Juana (Rouco) Buela (1889-1969), de parella traxectoria, con máis anos esta na capital arxentina, ambas de filiación anarquista.                        

Frase extemporánea: O drama uruguaio do século pasado consistíu, abreviadamente, en que pasou, en poucos anos, de ser país de inmigración a país de emigración.