martes, 17 de agosto de 2021

FACENDO O CAMIÑO (24-1)



O CEBREIRO

 

 

Por Pepe de Rocaforte



9 de xuño – En fin, hoxe, a eso das catro e media da mañá, como era de esperar a pesar do prometido por “Tomasín”, xa empezou o baile no cuarto con renxer de liteiras, enrugar e desenrugar papeis e bolsas de plástico, prender lanternas de man que acaban amolando máis que se prendesen a luz do cuarto, e toda a parafernalia que te obriga a acordar á hora que a eses desconsiderados lle sae do cu.

Esperamos así e todo a que marchasen os seis indesexables gabachos antes de nos erguer, para lle mostrar dese xeito a nosa desaprobación silenciosa, que lle esvaraba coma se chovese, e abandonamos Vilafranca ás seis e cuarto da mañá, cando aínda o abrir do día era incerto, polo medio da rúa da Auga, a cal por lle facer honor ó nome, encontrábase mollada e encharcadas as lousas a consecuencia da chuvia nocturna.

Estaba a mañá fresca e pola estrada non había moita circulación de vehículos, tal vez por ser sábado. Pouco e pouco iamos adiantando ós franceses madrugadores, entre eles os nosos compañeiros de cuarto, un dos cales, ou mellor dito unha, andou durante un bo treito apurando o paso empeñada en non ser sobrepasada por nós, o cal lle supoñía un evidente esforzo que non foi capaz de manter por moito tempo. Estaba claro que a nosa forma física era moi superior á da maioría dos camiñantes e íamos runflando moi orgullosos de tal constatación cando nos alcanzou un mozo que, ó noso lado, parecía vir en bicicleta, ou máis ben, coma unha moto. Camiñamos xuntos un pouco a conversar, pero axiña nos deixou atrás para non perder o ritmo, eu a dicirlle que levaba aquela marcha porque a mochila lle pesaba pouco, ó que el contrapuxo que tampouco a mochila de Inma semellaba moi pesada, é máis, ata lle parecía máis pequena que a súa.

Alá o deixamos ir, aprendendo unha vez máis a verdade esa de que a todo hai quen gañe, e paramos a tomar o primeiro café á altura de Ambasmestas, nun local onde xa estaba unha francesa miudiña, duns cincuenta e tantos anos, a quen sempre viamos soa, cunha enorme mochila ás costas e da que nos dixeran que era unha camiñante incombustible.

Unha vez co estómago cheo iniciamos a parte máis dura, e máis fermosa, da etapa, xa afastados da estrada N-VI, envoltos nunha chuvia fina, a cada paso máis teimuda. Iamos co temor de nos enfrentar á costa da Faba, coa que nos estiveran metendo medo Carlos e Juan, os dous sevillanos, para quen aquelas eran unhas ramplas que tiraban a un para atrás. De calquera xeito dábannos algo de confianza as palabras de Benito ó remate da primeira etapa, na subida ós Pirineos, cando confesou que, comparado con aquelo, subir ó Cebreiro era case un xogo de nenos.

Nin tanto, nin tan calvo. A escalada foi dura, tal vez, máis que nada, pola chuvia; pero por momentos daba gusto subir no medio do silencio e do verdor da montaña. Así, debaixo da orballada, chegamos á Faba, aínda arredor de nós o canto do cuco, ó que por fin puidemos ver no alto dunha arboriña cativa, xa preto das casas que forman o pequeno rueiro.

Parou de chover cando chegabamos case ó alto, ás casiñas de Laguna de Castilla, cun aspecto xa, a pesar do seu nome, decididamente galego. Moita bosta de vaca polo camiño e cativas casas de pedra case vexetal a nos dar a boa vinda.

Cun sol radiante, e aire un pouquiño máis que fresco, chegamos por fin ó alto, a esa reconstrución de “aldea típica” que nos últimos anos se ven perpetrando no Cebreiro para encanto, e espolio, de peregrinos. Pero chegamos nunha especie de competición a cara de can. Explícome: os impresentables valencianos que coñeceramos en Rabanal del Camino, hoxe pasáronos diante á altura de Perexe. Cando nos aproximabamos ó marco indicador da entrada en Galicia vimos ó pé del as tres mulleres, aparentemente en pose para facer unha foto. Pasamos por onda elas e nestas aparecen os tres homes vindo de detrás dun penedo, onde seguramente foran cambiarlle a auga ó canario. E o máis novo, nada máis vernos chegar á beira das mulleres acelérase: “¡Veña, vamos!”, dille. E unha delas: “¿Pero non facemos a foto xunto ó letreiro de Galicia?” “Non, non, non, deixade a foto. Non facemos a foto”. “Pero...”, estráñase unha delas. “Agora non. Xa a faremos”, insiste o julai.

Nós, entre tanto, proseguimos camiño e ímonos afastando. Pero de repente vemos como o mozo e un dos vellos, tal vez o seu pai, veñen a unlla de cabalo detrás nosa e pásannos a toda velocidade coma quen vai apagar un lume. “Ata aquí viñemos tan a modo por culpa das mulleres, que agora, como xa estamos no último quilómetro, apetécenos dar un acelerón para estirar un pouco as pernas”, dinos a modo de explicación non pedida o máis vello, ó tempo de apurar aínda máis o paso detrás do mozo. Inma e mais eu mirámonos, ¿que mosca picaría a estes?, preguntámonos, ¿e que carallo andarán buscando? Inma dime, “vamos apurar nós tamén, ¿a ver que pensan?” E apertamos ata nos poñer á súa altura. Así chegamos á igrexa, así atravesamos o rueiro e así chegamos á porta do albergue, aínda pechada. É a unha menos vinte e non abre ata a unha. Sentámonos na lumieira e esperamos a hora de apertura.

Entre tanto vai chegando xente, un deles aquel mozo que nos pasara flechado a pouco de saírmos de Villafranca, un rapaz de Alicante, Elio, como nos dirá máis tarde que se chama, xa unido a nós desde aquí ata o final da peregrinación. “¿Como? ¿Pero onde te metiches para chegar destas horas se viñas fostiado?”, pregúnteille. “Non, se xa cheguei a eso das doce, pero como estaba cerrado e traía unha fame de lobo, fun comer algo por aí”.

Ó dar a unha abriuse a porta do albergue. Inma ergueuse rápida e púxose a primeira da fila. Entón o valenciano máis novo, contrarrestando a xogada, preguntoulle a unha das hospitaleiras se xa podían ir pasando as mulleres a coller cama. Menos mal que detrás dela apareceu outro hospitaleiro, brasileiro el, e díxolle: “¡A esperar! Póñase vostede á cola”. Daquela Inma dille, “Xa que chegastes case diante nosa, poñédevos vós os primeiros”; pero un dos vellos, “xeneroso”, respóndelle que é igual, eles irán detrás nosa, non pasa nada por un posto máis ou menos.

E así parece que vai quedar a cousa.

 

(Etapa 24-2)


sábado, 14 de agosto de 2021

Dirac, un sabio rariño.

 

     O físico e divulgador científico Carlo Rovelli, comenta  nun dos seus libros a anécdota de cando Paul Dirac, un dos físicos máis importantes no desenrolo da mecánica cuántica, estaba dando unha conferencia e un dos asistentes levantou a man para dicir, “Perdón, non entendo esa fórmula”. Dirac, tras uns segundo de dúbida, seguiu coa súa charla e entón o moderador interrompeuno para preguntarlle se non quería responder á pregunta que lle fixeran. El, tras dubidar uns segundos respondeu, “non me preguntou nada, fixo unha afirmación, dixo que non entendía a fórmula”. E continuou.

    Dirac, a quen lle debemos moitos dos grandes avances científicos do século XX, foi premio Nóbel de Física con trinta e un anos, pero tamén é un dos exemplos que se acostuman poñer cando se fala do síndrome de Asperguer, que se manifesta pola inflexibilidade, con intereses moi limitados e absorbentes, o cal afecta á comunicación e á interacción social. No seu caso era un home que cando tiña algo en mente nada o distraía. E todo o que facía tiña que estar demostrado e comprobado.

Del cóntanse moitas anécdotas para amosar ata que punto o sabio pode parecer un rariño, tal a ocasión na que un grupo de estudantes lle pasou un traballo co fin de que el o revisase, e tras coller os folios preguntoulles se sabían onde quedaba a oficina de correos. Os estudantes ofrecéronse a acompañalo e cando ían de camiño un deles preguntoulle se podía adiantarlles algo sobre o asunto do traballo e el respondeu que só podía facer unha cousa á vez. Tal vez unha das grandes leccións que lle deu a aqueles futuros científicos: “Non vos distraiades”, “quen moito abarca pouco aperta”. Tamén se conta aquela outra de cando nunha reunión alguén apuntou que ía vento, e entón el levantouse e foi á porta a comprobar que efectivamente había vento. Só a comprobación empírica ratifica o postulado.


Tal era a súa actitude de persoa calada e pouco comunicativa, que os seus compañeiros e colaboradores definiran como “Dirac”, a medida da cantidade mínima de palabras que unha persoa, sen ser muda, pode dicir nunha hora.

Polas súas condicións Paul Dirac estaba condenado a pasar por este mundo como unha vítima da sociedade, sen embargo, ese vivir metido en si, esa constancia e fixación co que tiña entre mans sen deixarse distraer por outras faenas, posibilitou que fixese unhas das máis importantes achegas á física cuántica. A súa ecuación presentada cando só tiña vinte e cinco anos, é toda unha poesía, tanto estética como clara e concisa, para entender o comportamento dos electróns a altas velocidades e a mesma antimateria, sen embargo, el, que tiña esta capacidade de facer fermoso e simple o complicado, preguntado pola poesía dixo que o obxectivo da ciencia é facer comprensible o difícil, mentres que o da poesía é explicar as cousas sinxelas de modo arrevesado, co que, resumindo, ciencia e poesía se asemellan en que son incomprensibles. Era unha opinión.

Dirac deixou escrita esa frase que a moitod nos encanta, “O meu oficio é xogar con ecuacións e escoitar o que me din”. Para el as matemáticas eran un xogo cuxas regras inventou o home mentres que as regras da física as inventa a natureza, pero ó final, dicía, as matemáticas acatan as leis naturais.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 12 de agosto de 2021

COMO SE FAI UN CONTO


Por Pepe de Rocaforte

    

O outro día vin unha información sobre a apertura dunha exposición no “Instituto de Estudios Altoaragoneses”, da Deputación de Huesca, para celebrar o 120 aniversario do nacemento de Ramón J. Sender. A exposición ofrece unha selección de artigos xornalísticos, primeiras edicións dos seus libros, fotografías, traducións a outras linguas, etcétera.

Sender é un autor por quen sinto unha simpatía especial e aínda que varios dos seus libros se me fan un pouco duros á hora de lle meter o dente, hai outros, en especial “Imán” e a extensa “Crónica da alba”, que figuran entre as miñas novelas favoritas do século pasado en castelán.

Hoxe o nome do escritor aragonés, como sempre desde que lin “Manual para mulleres da limpeza”, tráeme á memoria a Lucia Berlin, unha autora de quen estou namorado por culpa dese libro no cal escribe cousas coma este parágrafo do relato titulado “Querida Conchi”, onde conta o seu paso pola universidade de Novo México: «Non conseguín praza nas clases de Ramón J. Sender ata o próximo semestre, ¡pero vino no vestíbulo! Díxenlle que “Crónica del alba” era o meu libro favorito. “Xa, pero claro, es moi nova”, díxome. É tal como o imaxinaba, só que vello de verdade. Moi español e arrogante, todo un señor...»

E Lucia Berlin foi, sen dúbida, toda unha escritora. Unha escritora de quen gardo desde hai case tres anos o libro de relatos “Unha noite no paraíso” sen me atrever a empezalo a ler por medo a que me decepcione, porque me semella moi difícil acadar outra vez a fermosura do seu libro anterior, ou publicado con anterioridade.

Volvo polo tanto a repasar o “Manual para mulleres da limpeza” e no relato “Punto de vista” boto man dos consellos que nos dá para a hora de poñérmonos a escribir.

Neste relato Lucia Berlin empeza falando do conto de Chéjov “Tristeza”: Imaxinémolo, di, referido en primeira persoa. Ou mellor, supoñamos que a historia nos sucede na vida real: un día atopámonos na rúa cun vello que nos empeza a contar que o seu fillo acaba de morrer. Despois dun primeiro momento, as palabras do vello faríannos sentir incómodos, tal vez aburridos, como no relato de Chéjov lle sucede a un oínte do vello. Porén, a voz de Chéjov, que nos conta desde fóra aquela desgracia, conmóvenos e fainos experimentar unha inmediata compaixón polo vello.

Entón a escritora pregúntase que pasaría se iniciase así a historia da muller sobre quen vai escribir: “son unha muller de cincuenta e tantos anos, solteira. Traballo na consulta dun médico. Volvo a casa en autobús. Os sábados vou á lavandaría…”, Posiblemente nos pasaría o mesmo que ós aburridos oíntes do home do conto de Chéjov.

Pero se empezase así: “Cada sábado, despois da lavandaría e o supermercado, Henrietta compraba o xornal do domingo”, o lector prestaríalle outra atención ós detalles compulsivos, obsesivos, tristes, da vida desta muller descrita en terceira persoa; tal vez nin se decatase do contrasentido de mercar un sábado o xornal do domingo.

Berlin continúa referindo todos e cada un dos detalles aburridos, carentes de importancia da vida desta “patética criatura” ata un momento, nunha anódina noite de domingo, cando, xa na cama, escoita o ruído dos coches pola rúa. Hai un que se detén na estación de servicio frente á súa casa. Cando abre a porta do auto a noite énchese co ruído dunha música a todo volume. Henrietta apaga a luz e levanta un pouco a persiana. Na radio do coche soa Lester Young. O home que baixou del fala por teléfono na cabina. Apoiome na xanela e obsérvoo. Escoito o saxo suave de “Polka Dots and Moonbeams”. Escribo unha palabra no cristal embazado. ¿O que? ¿O meu nome? ¿O dun home? ¿Henrietta? ¿Amor? Sexa cal sexa, bórroa antes de que ninguén a vexa.

E así acaba o relato. Deste modo tan sutil. A narradora, nas catro últimas frases, acaba de transitar da terceira persoa á primeira e darnos a súa verdadeira intención sobre o que nos quere contar. Nada máis.

Nin nada menos.




luns, 9 de agosto de 2021

FACENDO O CAMIÑO (23)

 VILAFRANCA DO BIERZO

Por Pepe de Rocaforte



Continuación do día 8 de xuño – A hospitaleira do albergue municipal, onde rematamos a etapa de hoxe, enredárase pola tarde nunha longa conversa con nós. Primeiro empezounos a falar do tempo, o tema comodín; seica a tele dixo que viña chuvia para a fin de semana e considera necesario informarnos sobre o particular. Despois, entre outras cousas que nos rerfire, como a de que hai peregrinos do albergue de Jato que veñen aquí coa intención de ducharse por toda a cara, hai unha que me reafirma na miña opinión sobre os franceses. Refírenos o sucedido unha tarde de aí atrás, a eso das oito, cando a maioría dos camiñantes conversaban e preparaban a cea na cociña da planta baixa, un individuo desa nacionalidade sorprendeunos a todos de pronto desde o segundo piso, onde xa estaba deitado, cun fortísimo asubío, un xifro que axordou a casa, aínda a hospitaleira non se podía explicar de que arte se valera o asubiador para sacar das súas bochechas aquela molesta sonoridade, tal vez o individuo tiña feito prácticas de “silbo gomero” nalgunha viaxe anterior polas Illas Canarias e aprendera a facelo cunha potencia tal que deixaba en cueiros ó máis virtuoso asubiante canario. E a continuación do asubío unha voz autoritaria e tronante esixíu “¡¡¡SILENCE!!!” a todo o edificio de a arriba a abaixo. O señorito francés deitárase a durmir e desde o piso alto, a tal hora da tardiña, non soportaba as falas coas que os de abaixo lle perturbaban o descanso necesario para á madrugada seguinte poderse atopar en condicións de armar pola súa parte a consabida rebuldaina a base de remexer bolsas de plástico, abrir a mochila, meter esto, cerrala, cambiar logo de acordo, per primeiro eso outro por debaixo, etc. Manobras todas que lle farían de despertador contundente a cantos durmisen en horario normal E todo ese rebumbio desde as catro da mañá, porque sen dúbida tiña moita présa para ir o primeiro de todos a se poñer á porta e coller o mellor sitio no albergue seguinte, seguramente aínda pechado ata catro ou cinco horas máis tarde.

Nós, así advertidos, fomos dar unha voltiña ó fresco e despois dun tranquilo percorrido polas igrexas desta “Pequena Compostela”, como seica tamén lle chaman, rematamos na de Santiago, ó lado do albergue, onde un letreiro xunto á pía bautismal nos recorda que alí foi bautizado frei Martín Sarmiento, recollémonos como as galiñas para preparar algo de cea, contemplados polo simpático e deportivo alemán que en Molinaseca observara atentamente a preparación da sopa peregrina por parte dos dous sevillanos que agora nos acompañan.

A adxectivación de “deportivo” con que me refiro a el débese a que cando empezamos a falar da etapa do día seguinte mostrouse inclinado a facer a primeira parte da camiñada por unha nova vía, afastada da estrada N-VI, que segue un carreiro polo “Cerro del Real” arriba. Os veteranos trataron de disuadilo dicíndolle que era un camiño moi duro para agatuñar monte arriba e acabar dando unha volta ó cabo da cal, despois do seu bo arrodeo, debería baixar a Trabadelo, onde ámbalas dúas vías se volven xuntar moi poucos quilómetros máis adiante. Porén el empeñouse en que as costas arriba non o asustaban, estaba moi afeito a subir montes na súa terra, tal vez fose bávaro, un deses que se ven moi contentos a trepar polas montañas nevadas en pantalonciño curto con tirantes de coiro, bebendo cervexa e interpretando cancións tirolesas, e prefería camiñar por un medio natural a facelo pola beira da estrada cunha riola continua de coches a pasar polo seu lado. Deixámolo coa súa teima. Nós, desde logo, fariamos a etapa pola ruta tradicional, a semellantes alturas non estabamos moi dispostos a facer despilfarros físicos de semellante calibre.

No cuarto en que pasamos a noite estabamos rodeados de franceses, seis en total. Cinco deles formaban o grupo xa coñecido en Rabanal, co fulaniño simpático a quen, por non lle preguntar o nome, bauticei para min co de “Tomasín”. Este interrogounos dun modo moi prudente para saber a que hora nos pensabamos erguer nós. Respondinlle: “¿que máis ten?, se total ídesnos obrigar a despertar, queirámolo ou non, cando empecedes, antes aínda do primeiro canto do galo, a armar o batifondo gabacho de costume.” Dixo que nos comprendía e para non molestar ergueríanse máis tarde, ¿que tal nos parecía ás cinco e media? Repetinlle que me daba igual, ¡que remedio!, coñecendo como xa coñecía o percal.

Proseguindo a conversa acabei por lle preguntar de onde era. Díxome que os cinco eran de Lyon (outro francés que compartía cuarto con nós andaba á parte) e fíxome un panexírico dos lioneses en particular e dos franceses en xeral. Comenteille que el, particularmente, e esto non o ía dicir en demérito seu, senón en loanza, non se me asemellaba ó prototipo de francés co cal viñamos coincidindo ó longo do camiño. “¿Será tal vez porque eu son fillo de españois?”, contra-interrogou el cun sorriso, para me referir a seguido que os seus pais eran valencianos exiliados ó remate da guerra civil. Así e todo, insistiu, os franceses eran boa xente, e os de Lyon, anque tiñan sona de fríos e distantes, “cando che dan a amizade, dancha para toda a vida”. Un de tantos tópicos que hai, a falta de cousa mellor.

Dixémoslle que moi ben, e ata mañán, que será outro día.

(Etapa 24-1)

sábado, 7 de agosto de 2021

Os límites da idade.

O amigo Xoán, con
quen comparto longos paseos matinais mentres repasamos a vida, dime que xa coñece a máis xente no cemiterio que nas rúas. É unha das moitas vantaxes que nos dá o ir cumprindo anos. E a meta nunca revelada por ningún de nós é lembrar a todos os finados do camposanto. A lonxevidade é unha das posesións que máis nos afanamos por acaparar.

A eterna pregunta de cantos anos podemos vivir, só revela o medo que lle temos á morte, e para alongar a despedida deste mundo enchémonos de vitaminas, practicamos deporte, coidamos a dieta, e desprendémonos de todos os vicios, pero uns mellor ca outros todos acabamos chegando a esa data de caducidade que non vén indicada en ningún envoltorio. A partir de certos anos o corpo, por moi coidado que estea, empezará a consumirse como as ascuas do lume. O músico Compay Segundo aguantou noventa e seis anos sen sacar os habanos da boca e estoutro día, para presumir de xenética, unha señoriña galega de cento e pico de anos saíu na televisión levando unha carreta de ladrillos e asegurando que todas as noites, antes de deitar, lle botaba unha copiña de augardente. Son casos raros ós que todos aspiramos, pero como santo Tomás teño que velo, sen cámaras nin salas de mestura e trucaxe por medio, para crelo.

Agora dinme que os científicos encontraron as razóns dos límites de idade de cada especie, ese tope que non se pode superar, pero tamén que hai quen confunde o límite coa esperanza de vida dunha determinada poboación. Aquel depende da xenética e estoutro das condicións sanitarias, e se ben parece que cada ano esta aumenta, todo é debido a que a media mellora cando diminúe a mortalidade infantil. O cal non me vale para medir a que anos nos temos que xubilar, pois que mellore a media non significa que se alongue o límite da idade. Aínda así hai vellos que se conservan máis rufos ca outros. E todos temos dereito a ir ás viaxes do INSERSO sen apoiarnos nun caxato.


Na literatura popular, o por que os humanos vivimos máis ca os animais que nos rodean está moi claro e moi ben explicado, se lembrades aquel conto de cando Deus creou o mundo e, na súa infinita sabedoría, a todos os seres por el creados lles puxo o mesmo límite de idade, e indicoulles a súa función; o burro debería cargar con pesos ó largo de trinta anos, co que o animaliño preferiu vivir dez anos menos e que eses sobrantes fosen para o home, o can tampouco quixo estar tantos anos de sentinela preocupado co coidado da casa e da familia, e ó mono pareceulle demasiado andar a saltar e facer cabriolas, co que o home, sempre tan egoísta, aceptou os anos sobrantes dos demais con cargas e intereses, e polo tanto, despois de vivir humanamente ha de traballar coma un burro, logo todo son preocupacións pola casa e a familia coidándoa e roñando con quen sexa, e cando lle chegan os netos non fai máis ca monadiñas.

Pero aínda con todos estes anos engadidos segue sen haber un límite exacto que marque o tope de cada quen para advertirnos e preparar a maleta para o Outro Mundo. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 



mércores, 4 de agosto de 2021

A POZA DO SAL

 Por Pepe de Rocaforte



    

Poza de la Sal é o nome dunha pequena vila da bisbarra burgalesa da Bureba a onde un día cheguei case casualmente, sen a menor idea do que era un diapiro, nin ter ningún interese en saber como se facía a explotación dun mineral de tanta importancia que foi utilizado ata as proximidades da época moderna como medio de pago, de onde, como xa sabemos, procede a palabra “salario”.

Con estes antecedentes cheguei formando parte dun grupo en visita turística a un centro de interpretación na antiga “Casa de la Administración de las Salinas Reales” de Poza de la Sal, resignado a soportar un cognazo de explicacións sobre a historia das minas e como se traballaba para extraer o sal desde antes da dominación romana.

Pero para a miña sorpresa persoal e a da maioría dos que formaban parte do grupo, despois das primeiras frases de presentación da guía encargada de nos atender, o noso interese e a nosa atención foi en aumento ata quedarmos literalmente prendidos das palabras daquela muller que nos facía partícipes do seu entusiasmo á hora de explicar como, nunha época na que aínda non se formulara a teoría dos vasos comunicantes (hoxe sei que eso non é a, porque, segundo nos explica a wikipedia, un tal Filón de Non Sei Cantos xa descubrira esa lei no século III a. C.), utilizábase aquí un medio de extracción do sal polo procedemento de botar auga nun pozo perforado a certa altura e comunicado con outros pozos coa boca a un nivel inferior. Algo con certo parecido ó que tamén os romanos utilizaron para extraer ouro nas Médulas galaico-bercianas.

Aquí a auga orientábase cara o chamado diapiro, palabra que ningún dos que atendiamos á charla oiramos nunca, polo cal, para coñecemento do lector, por se acaso el tampouco a oíu, traslado unha definición non excesivamente clara que acabo de ver en internet:O domo salino é unha masa intercalada entre estratos sedimentarios que, a baixa temperatura, adquire forma de cilindro ou cogumelo de sal de gran tamaño (de centos de metros a tres quilómetros de diámetro), denominada diapiro, que tende a ascender provocando a súa deformación e rotura”, e que, continúo eu, ten un movemento similar ó da lava no cráter dun volcán en erupción.


Para chegar ós filóns de sal cavábanse, como digo, pozos de arredor dun metro de diámetro e uns corenta metros de profundidade, comunicados entre si por medio de galerías subterráneas. Logo, polo pozo situado no nivel superior, facíase baixar a auga recollida previamente en estanques aínda a maior altura para disolver o sal converténdoo en salmoira e facéndoo saír polos diversos pozos inferiores, onde se extraía e se estendía en depósitos rectangulares de escasa profundidade onde o sol provocaba a evaporación da auga, nun proceso similar ó das salinas da beiramar. E ata aquí colorín colorado.

Lamento que esta explicación non sexa máis clara nin teña o contido emotivo que a nosa guía lle soubo dar enchendo de amenidade a nosa visita. Cóntoo nun desafortunado resumo, esquecidos ó día de hoxe o estilo e boa parte das informacións con que aquela muller nos regalou un entusiástico canto ó diapiro de Poza de la Sal, segundo ela o máis importante do mundo, ou un dos máis importantes, especialmente polas facilidades que ofrece para o seu estudio científico, atraendo a gran cantidade de investigadores de boa parte dos países de Europa e América, que veñen á Poza do Sal para estudiar este curioso fenómeno.

    


Chegados aquí, como sempre se pode atopar tempo para todo, voume permitir facerlles unha recomendación: Se viñeron ver as minas de sal, aproveiten o día para lle xirar tamén unha visita á vila e o seu recinto medieval, cunha ben conservada muralla do século XIII; paréceme que paga a pena. E de paso vexan o busto erixido a outro entusiasta divulgador da fermosura da natureza e da fauna salvaxe, Félix Rodríguez de la Fuente, nacido nesta vila e sobradamente coñecido, polo menos por quen xa somos un pouco maiores e pasamos algúns momentos felices seguindo os seus programas televisivos sobre os lobos e outras especies animais.

E apurando a cousa un pouco máis, se o tempo non lle mete présa, non se vaian sen facer unha parada na vila de Oña, a dezaseis quilómetros, co seu monumental mosteiro, construído entre os séculos XI e XVIII, o segundo monumento en orden de importancia (despois da catedral de Burgos) nesta provincia, moi maltratado pola administración, case sen recibir subvencións para o seu mantemento, segundo nos contou o guía que nos pastoreaba por aquel enorme e incrible edificio. E xa de paso non se esquezan tampouco de facer, vinte e cinco quilómetros máis adiante pola mesma estrada, outra paradiña en Frías, vila apolicada nun incrible picacho desde onde outea afastados horizontes, e comparen coas de Cuenca as súas casas colgadas.


luns, 2 de agosto de 2021

FACENDO O CAMIÑO (22)

DE MOLINASECA A VILAFRANCA DO BIERZO

Por Pepe de Rocaforte



8 de xuño – Despois dunha noite non moi ben durmida, nesta mañá seguinte batemos co problema de sempre que hai franceses nun albergue e o dormitorio non ten divisións, é todo corrido. Antes das cinco da mañá estes julais empezan a armar barullo sen consideración ningunha para quen dorme, a sacar e meter bolsas de plástico nas mochilas, vinte ou trinta veces. E non se pode imaxinar ninguén, se non o sufre, o ruído que esas bolsas fan, sobre todo se para comprobalo te despertan unha ou dúas horas antes de abrir o día.

E os moi ghichos non se conforman só con eso, senón que sempre hai alguén que se pon a soar o narís e máis que soar os mocos parecen estar bradando as trompetas da apocalipse. En fin, xa desvelados, témonos que levantar con noite tamén e emprender camiño de Ponferrada, onde chegamos co abrir do día, a tempo de vermos saír do albergue local ós primeiros peregrinos (deberon ter a sorte de non se ver acompañados de franceses), que nos miran con cara de se preguntar ¿pero de onde saen estes?

Ponferrada xa é lugar coñecido de vello, pero os marcadores de flechas do camiño seica se empeñaron en nos obrigar a un percorrido turístico pola cidade e arredores. Así, despois de levarnos nun paseíño pola beira do castelo dos Templarios e a basílica da Encina, o Concello fainos atravesar a vella ponte da estrada N-VI para nos dirixir logo ás estrumeiras da central térmica onde nos vemos obrigados a dar unhas cantas voltas por un labirinto en terreos que un letreiro nos lembra seren propiedade de Endesa, a quen seguramente lle debemos agradecer a xentileza de nos deixar circular por alí, para por fin afastarnos dos arrabaldes da urbe e chegar a Columbranos.

Seguimos logo unha ruta un pouco máis humana, entre terras de labor bordeadas de cerdeiras mechas de cereixas, unha tentación difícil de rechazar para o camiñante e á cal ás veces non é un capaz de se resistir nesta mañá fresca amenizada polo canto de centos de paxaros, tamén alegres pola abastada despensa que aquí atopan á súa disposición.

Chegamos a Camponaraya, onde nos encontramos con outros peregrinos que saíran máis tarde e/ou máis lentos ca nós. Eles tiveran o bo acordo de seguir o traxecto da vella N-VI e aforrar así cantas reviravoltas demos nós. Aquí, boa hora, paramos a tomar o primeiro café da mañá mentres lembramos a historia que nos relatara o hospitaleiro de Molinaseca sobre o albergue parroquial desta localidade, onde o crego, nunha visita posiblemente guiada polo afán de velar polos bos costumes peregrinatorios, descubriu nunha ocasión unha parella dedicada á practica de alegres xogos procreativos en lugar de estaren dedicados ó descanso e meditación. Seica o bo do crego montou en cólera e dixo, como Santo Tomás: “unha vez e nada máis”, e para non dar ocasión de se produciren novas ocasións de pecar similares á por el descuberta, tomou o santo acordo de pechar o albergue. E ata hoxe.

Xa restaurados reiniciamos a marcha cos mellores ánimos para axiña pasar por Cacabelos, a terra de “Prada a tope”, como nos lembra un letreiro indicador á entrada da vila. O caseirón onde os pupilos de Prada despachan os seus produtos bercianos está pechado aínda cando pasamos por diante del e non podemos comprobar a información segundo a cal todo peregrino que alí entre ten almorzo gratuíto, tal vez outro inocente bulo do camiño, como o do xantar “pola cara” no Hostal dos Reis Católicos para os dez primeiros camiñantes que arriben cada mañá a Compostela, que tamén circula por aí.

Á beira da ponte sobre o río Cúa, á saída de Cacabelos, vemos sentados os seis valencianos coñecidos nosos desde o paso por Rabanal. Deben estar tomando o primeiro descanso da mañá. Saudámolos e proseguimos para nos meter entre campos de viñedo, coa terra desa cor ocre alaranxada característica do país. O ceu vaise cubrindo de nubes pouco e pouco e algo máis adiante de Pieros empeza a choviscar. É o saúdo con que nos recibe esta bisbarra, a pesar seu tan parecida a Galicia, a algunhas partes de Galicia.

Chegamos a Vilafranca no medio dunha chuvia fina e paramos no primeiro albergue que atopamos, xusto antes de entrar na vila, o municipal, porque non temos moitos desexos de nos achegar ó de Jato, uns metros máis adiante. Este tal Jato é outro dos tipos populares do camiño, de quen nos viñeron falando xa moitos peregrinos, uns nun sentido, outros no contrario. O tipo seica monta unhas representacións (docudramas ou non sei ben cal pode ser a denominación axeitada para semellantes actuacións parateatrais), de moito nabizo, en discusións coa muller, en esconxuros da queimada e noutras actuacións similares. Logo sempre ten o detalle de ofrecer, por un módico prezo, o transporte de mochilas ata o alto do Cebreiro, para lle evitar cargas molestas ós andadores. A cousa seica a ten axustada en trescentas pesetas por mochila, pero ó día seguinte descubrirémoslle algúns competidores en Trabadelo (ou Ambasmentes, xa non lembro ben), onde vemos carteis que ofrecen o mesmo traballo por duascentas pesetas. Claro que tamén o percorrido é menor.

Despois de xantar nun restaurante onde só nos atopamos nós e o francés discreto de pantalón branco a quen viramos por primeira vez á entrada de Astorga, pasamos o día a voltas pola vila, xa vella, e boa, coñecida nosa. Aquí síntese un coma na casa, escóitase o galego en case todas as conversas que orellamos de pasada, excepto nas da xente fina (como en Galicia), coa súa pequena posición que lle compre facer respectar.

(Etapa 23)