Poderíamos dicir aquí o
de a grandes problemas enxeñosas solucións. O muro desta propiedade necesitaba
un desaugue, e o canteiro que o construíu soubo escoller a pedra que ocuparía o
oco, unha pedra alombada, que igual ca na trabe que amosamos hai uns días, tamén
é pedra de descarga, con esa forma que fai que o peso de todo o muro que se
ergue sobre ela se reparta, algo así como se nunha soa peza estivese incluída a
clave e as doelas que caracterizan un arco románico para repartir as cargas.
domingo, 28 de decembro de 2014
xoves, 25 de decembro de 2014
Os Valcárcel, un muro de estacas.
mércores, 24 de decembro de 2014
O KORRUNTXO DO OKUPA
Na
fala popular, será que un, okupa e todo, non pode esgheirar serta formasión
chamada burghesa, haivos expresións ben crus ou chocantes. Así, cando se di
dunha persoa que é caghadiña ou cuspidiña a pai ou nai… vaia porcallada! É como
chamarlle mocoso a un cativo, por aquilo, textual, dos mocos, pero que tamén se
podería aplicar en moitos casos a maiores: e pensar que o de mocoso mesmo se di
con cariño ou para afaghar ao neno en cuestión, é claro, como sempre, todo
pendendo do ton empreghado.
Tamén
hai xentes que nos evocan animais, daí aqueles alcumes medievais, se ben
poderían inspirarse en aspectos físicos, os máis evidentes, ou síquicos, xa
menos á vista, só revelados a amighos ou frecuentadores da persoa de marras.
Cómo esas alcuñas logho pasaron a seren apelidos e, o pior, herdados polos
descendentes que, como con todos os apodos, nin sempre tiñan tal aspecto físico
ou moral nin, pasados os séculos, saben de onde lles véu tal apelido… Como nos
casos antes sitados, tantas veses eses alcumes eran pexorativos, así: chamar a
alghén lobo non lle faría moita ghrasia… a non ser que o mirase como
definitorio de serta valentía ou arroxo. Tamén non vos tería xeito ser chamado
borregho ou cocho, pita ou coello, beserra ou coruxo…
Isto
leva a aquel máis que dubidoso nefasto humorismo que exersían e exersen, cada
volta menos, sertos pais póndolles aos fillos nomes de pia ghrasiosos… para
eles non para os vástaghos. Vaites con iso tan trillado de Armando Gherra ou
Dores Fortes… que casual non foi, non. E a rapasa que era Pas Pas Pas (Pas por
pai e Pas por nai, e porriba…)? Ou os Ghonsalo Ghonsales ou Rodrigho Rodrigues…
Se
cadra, pior era cando adoitaban porlle ao fillo o nome do santo do día, caendo
en tantos infelises resultados. Eses Mamertos, Prudensias, Nepomusenos ou
Serapios. Esoutras Bríxidas, Dolores, Remedios ou Anghustias: aquí as “virxes”
moita culpa levan, pois xa porlle Pilar a un ser humano é como chamarlle esteo
ou peaña. O que pasa é que estamos tan afeitos que nin mentes paramos nos
despropósitos desta caste.
Nomes,
maismente de mulleres, houbo en tempos tales Tránsito e Sinforosa, Jacoba e…
Sircunsisión, bueno, Circuncisión, si señores: pódovolo documentar, pois María
Circuncisión Sangro (outra ironía!) se chamaba, nin corta nin preghiseira, unha
fidalgha que casou na parroquial de Sant Iago da Coruña en 1838. (E chegharía
ela alghún dia, miña pobre! a saber o que tal palabriña significa?). E pódovolo
documentar porque a mín mo documentou un extravaghante e caro amigho que, cabal
rata de arquivo, dedica parte da sua valeira existensia a furghar nos vellos
papeis.
Non
quero seghir pola realidade dos países hispanofalantes das Américas, onde, por
alghúns nomes que lles chantan aos reséns, pareserían non ser tales
hispanofalantes, fenómeno que tamén se extendéu por terras españolas e mesmo
coloniais da península ibérica: Walter Pena, Milton Peres e así. Por serto,
aghora resulta que o euskera provén, seghundo a última hipótese, de Mali, cousa
que, se repararmos en que toda a Humanidade prosede, uns mileniños atrás, da
África, xa non parese tan estraño.
martes, 23 de decembro de 2014
COMBATES MÍTICOS
Por Pepe de Rocaforte
O
relato de enfrentamentos entre
individuos de forza, destreza e valentía fabulosas é unha constante na
literatura universal. Na Coruña temos un bo exemplo: a loita de Hércules con
Xerión (na “Estoria de Espanna” de Afonso X “O Sabio”). Do propio Hércules
coñecemos o seu desapiadado combate con Anteo. Na Ilíada abondan as historias
deste tipo: o combate entre Menelao e Paris (Canto terceiro), a loita entre
Héctor e Aiax (Canto sétimo), ou a persecución de Aquiles a Héctor, quen
véndose sen modo de fuxir fai de tripas corazón e acaba por se arrepoñer ó
heroe grego para morrer ás súas mans diante das murallas de Troia.
Na
tradición cristiá cóntase, no libro de Samuel, como o fachendoso David mata ó
xigante Goliat que todos os días ía dar a tabarra buscando camorra entre os
xudeus, ata por fin atopar o seu merecido a mans do hábil tirador de zoncha ou
tirafonda.
Todos
estes exemplos véñenme á memoria coa lectura dese peñazo case infumable titulado
“Herrumbrosas lanzas”, de Juan Benet, cuxa lectura acabo de rematar despois dun
considerable esforzo. Do pouco salvable deste novelón debo citar a historia da
familia Mazón, coa descrición da pelexa de Eugenio Mazón contra Ochoa, o
campión pamplonés, a quen vence con todas as da lei nun disputado combate que
se fará mítico na historia de Región.
O
libro de Benet é de 1983, pero no mesmo século XX temos máis combate míticos
noutras literaturas peninsulares. En galego sei da loita entre Xeneroso Lamas e
o negro Calixto, enfrentados durante a guerra de Cuba nun contexto similar ó de
David e Goliat. A historia non paga moito a pena, pero é unha das escasas con
este tema que coñezo da literatura galega. Está en “As pucharcas da lembranza”,
de 1987.
Sen
embargo a peza mestra do xénero é para min o combate de boxeo entre Bowen e
Burke en 1893, relatada polo “homem que tinha o Rato Mickey tatuado no peito”.
Atópase na fermosa (e entre nós pouco coñecida) novela de Dinis Machado,
publicada en 1977, “O que diz Molero”. O combate seica durou sete horas e
dezanove minutos e “dizen que quen viu aqueles cento dez asaltos nunca máis
ollou para as coisas da mesma maneira”, afirma Machado por boca do home co Rato
Mickey no peito.
Se
alguén quere ver tamén estas historias dunha maneira diferente aconséllolle
que, se aínda non o fixo, se poña a ler tan pronto como poida a novela de Dinis
Machado. Seguro que gozarán coa prosa
chea de comprensiva ironía deste gran e pouco coñecido escritor portugués.
luns, 22 de decembro de 2014
Unha trabe de descarga
Non todas as trabes
valen para o mesmo, e aquí, neste alpendre da parte de Guntín, atopamos esta
que fai as veces de lintel do portalón, escollido por esa forma angulosa que
lle serve para soportar o teito e ó tempo de puntais de descarga. E todo sen usar máis ca unha única peza.
domingo, 21 de decembro de 2014
xoves, 18 de decembro de 2014
SOLPORES TURÍSTICOS
Por Pepe de Rocaforte
A
descrición abrumadoramente colorida deses marabillosos solpores coruñeses
tróuxome á memoria outros de Croacia, os de Zádar, a antiga Zara da época
veneciana, reputados como “os máis fermosos de todo o mundo” segundo a
autorizada opinión de don Alfredo Hichcock, opinión inmediatamente asumida sen
vacilacións polos naturais do lugar.
Pero
os de Zádar non se conformaron cos solpores a pau seco. Desexosos de mellorar a
obra da natureza, construíron unha maxestosa e extensa escalinata de mármore en
descenso ó Adriático, lembradora en certa medida do Cais das Colunas
lisboeta. E non parou aí a cousa. O
arquitecto local Nicola Basic ideou un instrumento musical a base dunha serie
de tubos instalados por debaixo do lousado con buratos de saída ós chanzos da
escalinata que se interna no mar. O vento e o movemento das ondas ó se
introducir polos buratos fanlle emitir uns sons melodiosos. O invento chámase
“O Órgano do Mar”.
Os
croatas, dispostos a se converter por todos os medios en potencia turística,
non lle poderán disputar a España o predominio en praias de area (eles case non
as teñen), pero a base de enxeño están a conseguir que a cada paso se achegue
máis xente por Zádar, Split, Plitvice, Dubrovnik e outras localidades, a
contemplar as marabillas conxuntas de natureza e industria humana no país dos
Balcáns.
mércores, 17 de decembro de 2014
Os Lousada e os lagartos
E
foi entón cando uns aguerridos mozos, armados co que tiñan a man, decidiron
liberala de tan insólitos inimigos, e patearon toda aquela montaña, buscando ós
feros lagartos debaixo das lousas onde facían morada, enfrontándose
valentemente a eles, arriscándose e matándoos a todos para liberar a aquel lugar
de tan nefasta praga, co nobre fin de que os paisanos o cultivasen ata
converter aquela montaña nunha das terras máis fértiles deste reino. E é por
iso que o escudo dos Lousada amosa unhas lousas, por debaixo das que asoman os
feros lagartos.
luns, 15 de decembro de 2014
BOTEI EN FALTA AQUEL CAMIÑO PERCORRIDO
![]() |
Narciso e a arte topiaria. De Lola Fernández |
Por Pura Tejelo
Ábrese un abismo na tarde laranxa,
un penacho de nebra
esvara preguiceiro
cara a bugalla incendiada do sol
que a cabalo percorre a montaña
lacerándoa.
Botei en falta aquel camiño percorrido
noutra noite de astros acendidos
e baixei á lagoa
que fai o río baixo a ponte
lambendo unha cunca de pedras frías.
O teu corpo emerxía
entre os pequenos remuíños da auga.
Logo a noite mirouse no río
ali onde afunden a súa boca suicida os narcisos.
( De “Diálogos da Montaña e o Sol”)
domingo, 14 de decembro de 2014
O KORRUNTXO DO OKUPA
Estoutro dia –e xa que era ghratis- desfrutando da panorámica dun pintor
clásico (de que país non ven ao caso), dacabalo el dos séculos desanove e vinte
–un xenio deses que xa o é con apenas vinteún anos de vida- tornei a ver o pé
de cadro naturesa morta aplicado ao
que eu chamo bodeghón.
E é que para min a naturesa morta só pode se aplicar a aquilo que alghún
dia estivo vivito e coleando ou aleteando: a casa (de casar: perdises, lebres,
coellos e ata pichóns e papuxas) ou a pesca de peixes –convertidos en pescados…
O demáis ven sendo bodeghón, que non é que o contido no cadro esté máis vivo,
radicando o punto en que nunca estivo tal, é disir, vivo (nin morto)… sexan
leghumes e froitas, xerras, botellas ou gharrafas, copas e vasos, fontes e
cacharros, etc., etc.
Claro que se pode aleghar que os vexetais (froitas e verduras) si
estaban vivos antes de seren arrebatados á terra nutrisia; ben, dighamos que
isto se podería aseitar, pero se tratando doutra caste de vida (a vida
vexetativa), pois coido que aínda se pode distinghir entre a respirasión dunha
planta e o alento dun animal… maismente cando os últimos pontífises católicos
–se é que teñen alghún siso, que nin afirmo nin negho- andaron defendendo a
ialma dos bechos e a sua capasidade de ir ao seo ou paraíso: o que non nos din
é se o meresen, toda ves que, ao non estaren suxeitos aos códighos morais
humanos, non son suxeitos de pecado ou ocasión de pecaren…
Bó, isto de se meter a teólogho de rua era o que me faltaba para que me
tomen o meu pouco pelo os visiños do
piso, despóis de os ter convensido de que son agnóstico!
En falando dos vexetais remato por caer nas flores: se ben losen de
marabilla nos xerróns… canto mellor non losen na sua ramaxe nativa, ou non?
Serto que para iso compre termos xardín de noso ou ben xardín con público
acseso, pois se non losen para un contemplador é como se non lusisen.
É o mesmo conto das flores para os mortiños: símbolos de lembransa ou
homenaxe, o evidente é que como tal pouco valor ten desque logho murchan: é que
ese amor que representan é tan efémero como elas? Os humanos inventamos todo
tipo de ritos para suavisar o sentimento de perda, as carensias propias das
nosas limitasións, os medos e as dúbidas que, a pouco caletre ou miolo que
teñamos, viven asaltándonos, daí o seo prometido e outras delicatessen.
Mesmo criamos as flores de plástico ou de papel: a estas aínda as
salvaría, pero a aquelas, miñas pobres, non lles brindo a mínima aprobasión:
será polo simple feito de que, despóis de décadas e décadas, un seghe sin
traghar ese material –coas indiscutíbeis vantaxes sobre o vidro de non romper e
pesar menos- que, nas suas diversas manifestasións acabou todo invadindo: vasos,
gharrafas, bidóns, pratos, cubertería, calsado, peites e broches, mesas e
cadeiras, reloxios de todo calibre, xoghetes, lámpadas, marquesinas, baldes,
consoladores, cascos, sinturóns, caixas, caixiñas e caixóns, marcos, termos,
masetas (por estenuasión, deixo a continuasión da lista aos máis que
problemáticos leitores destas disquisisións sin pretensións).
Ora, non me dighades que un bo viño ou unha fria servexa non meresen
seghirse servindo en cristal, canto máis fino mellor… (Tamén nunca entendín
como se estendéu –o que é a comodidade estrema!- iso de beber a servexa a morro
renunsiando ao espectáculo e ao saboreio da branca escuma que lle é típica…).
xoves, 11 de decembro de 2014
LIBROS PARA USO TURÍSTICO
Por Pepe de Rocaforte
Hai
dous ou tres meses, a raíz de ver un artigo onde se falaba da importancia dun
libro á hora de animar ó visitante a coñecer unha cidade, ocorríaseme a idea de
aproveitar textos de autores galegos, referidos a localidades galegas, para
editar libros de non moita extensión e ofrecelos a un módico prezo ós turistas
para lle facilitar unha visión atractiva sobre feitos, anécdotas e historias
locais.
Citaba
daquela Corcubión e algúns dos relatos recollidos por Francisco Ramón
Ballesteros, particularmente en “Fantasías y realidades de la Costa da la
Muerte”, “Historias del Más Allá” e “Oscurantismo finisterrano”.*
Hoxe
vólveme a idea á cabeza diante dun libriño, “En Betanzos”, de Alfredo Erias,
unha pequena xoia, nunha edición chea de encanto publicada por Biblos no pasado
2013. Nel, con ilustracións do autor, ofrécense breves e claras descricións da
cidade betanceira: “Portas e murallas”, “Igrexa de San Francisco”, “Igrexa de
Santa María do Azougue”, “Praza do Campo”, “Barrio da Ribeira”, “Museo das
Mariñas”, “Os irmáns García Naveira e o Pasatempo”… cunha visión chea de amor
polo propio e tentadora (creo eu) para o visitante.
Para
A Coruña poderíanse entresacar algunhas pasaxes dun libro de Julio Rodríguez
Yordi, hoxe de acceso pouco doado, “Cristal y sonrisa”, con todas as salvedades
que se lle queiran facer ó total do texto. Rodríguez Yordi, fillo do en tempos
presidente da Academia Galega, Eladio Rodríguez González (ó parecer significado
ultra-dereitista),foi tamén académico e bo exemplo dese señoritismo coruñés que
tanto contribuíu a dar unha imaxe negativa da cidade frente ó resto de Galicia.
Non vou xulgar a
calidade da súa obra, á que a pesar dun estilo ampuloso e rimbombante non se
lle pode negar certo humor lixeiro que fai máis atractiva a lectura. Para dar
unha idea dese estilo reproduzo o inicio do capítulo titulado “El primer
coruñés”: Salía la tierra de los
profundos senos del mar entre alborotadas olas que restallaban como si las
rocas que emergían acá y acullá quisiesen volver a los antros abisales. Nacía
la geología entre un caos de fragor y espumas verdosas. El atormentado planeta
se resquebrajaba con dolores de parto de continentes. El agua, el principio
de todo, de la que todo viene y a la que todo retorna, al decir de Tales de Mileto, expulsaba violentamente grandes masas de
piedra chorreante que de nuevo pretendía engullir… Etcétera etcétera. E
todo eso para facer emerxer do seo do océano a marabillosa cidade da Coruña.
En
fin, como contrapartida podería citar outras partes menos grandilocuentes. A
min particularmente gustoume o relato da viaxe dun guía e un seu compañeiro
coxo cun grupo de turistas que queren ver o escenario da batalla de Elviña.
Cando van (andando) polos Catro Camiños empeza a chover e o coxo dille ó
colega: “Dálle aquí a batalla, ho”. O guía debátese entre o temor á molladura e
o sentido do deber, pero chegando a Monelos, como a chuvascada arreciase,
deixouse convencer pola insistencia do coxo e “deulle” alí a batalla ós
turistas británicos.

* Cidades literarias
mércores, 10 de decembro de 2014
Os Figueiroa, unha batalla gañada a ramallazos
Unha
das versións da lenda que explica a orixe deste apelido conta que todo
aconteceu naqueles tempos en que, por perder unha batalliña de nada contra os
infieis, ou por faltarlle a axuda dalgunha divindade que si axudou por mor
doutras máis interesadas causas, os bos dos paisanos da bisbarra das Mariñas
habían de pagar un tributo de cen doncelas ó ano para folganza dos haréns
mouriscos. E pagaban, porque a ameaza era a morte de toda a poboación se tal
cousa non facían. Pero un día tocoulle no lote á irmá duns mozos que tiñan
outras expectativas para a rapaza, e interveu na conversa un medio mozo que ela
tiña, que a este paso non ían ter crianzas que os herdasen, pois sen mozas non
hai nais e sen nais non hai fillos, e se aqueles mataban con coitelo, tal renda
a pagar exterminábaos para sempre. Polo que andaron a dar voltas e argallar que
podían facer para liberar ás súas rapazas, a pesar de que aquel fato de labregos
e pescos non tiñan máis ca ferramentas e aqueles outros viñan armados de mortíferos
alfanxes.
E
como a necesidade crea o valor, cando as mozas xa estaban no peirao do río
Mandeo, listas para subir abordo con rumbo ós cálidos pazos de Córdoba, dun
figueiral próximo empezaron a saltar os aguerridos mozos, armados coas ramas
das figueiras do lugar, contra aquel ben equipado e sorprendido exército ata
facelos fuxir a ramallazos, e aínda sendo como é, a rama da figueira unha das
madeiras máis febles que coñecemos, dado o valor e a furia dos nativos, os
curvos coitelos non puideron con elas.
E
por iso é que aqueles tomaron por apelido o de Figueiroa, e o seu escudo amosa
esas cinco follas de figueira sobre campo de ouro.
Outra
versión da lenda di que foi o pai dunha das mozas, quen, na dura batalla
emprendida por liberar ás rapazas, perdeu a espada, e entón arrincando unha
rama de figueira, púxose á fronte das hostes betanceiras arreando contra o
inimigo ata aniquilalo.
luns, 8 de decembro de 2014
xoves, 4 de decembro de 2014
MONDARIZ
Por Pepe de Rocaforte
Nestes
días pasados lin na prensa que o Balneario de Mondariz entrou en concurso de
acredores ó non poder afrontar a débeda cos bancos. A noticia tróuxome á
memoria o “Veraneo sentimental”, de Azorín, onde conta a súa estancia no
balneario en 1904. A lectura dese libro e a noticia do incendio que destruíra
as instalacións no 1973 levoume a visitalo por primeira vez a fins dos anos
setenta.
Entón
fiquei pampo ante a desolación da fachada do edificio central, co ceu á vista a
través dos balcóns baldeiros. E non me resisto a reproducir parte do texto
escrito daquela por min.
…O casino, que nunca se chegou rematar,
mostra a través das fiestras o avance da vexetación no interior. As paredes
cúbrense de hedra e xaramago e por partes empézanse a derrubar. Así e todo no
xardín do balneario, e na fonte, é doado evocar as señoras de polisón e grandes
pamelas brancas, cos seus quitasoles levados con languidez sobre o ombro.
A señora
María, con quen converso nun banco do xardín, fálame de cando era nena e viña
con outros rapaces a esperar a chegada daquela xente “de cuna” que ó baixar dos seus coches de cabalos lle repartía
terróns de azucre e carameliños de a patacón.
-Aquel
señorío era cousa de ver, ó balneario non viña calquera, ata tiñan banda de
música propia e polo verao traían unha orquestra de Francia. Os auguistas dos
outros hoteis e fondas non podían entrar nin sequera ós xardíns. Despois da
guerra a orquestra francesa non volveu tocar e os veraneantes que non paraban
nel xa podían entrar ós xardíns –nada máis ós xardíns-. Os españois deixaron de
vir case por completo e empezaron a chegar máis portugueses. Agora, desde o
incendio, non vén case ninguén, a non ser os portugueses. Non sabes ti a de
xente que tiña traballo aquí gracias ó balneario. Polo menos unhas oitenta
persoas, todas destes arredores.
Azorín,
no seu libro, describe así o lugar: ...Ante
nosotros se abre un soberbio palacio versallesco, de recios muros de sillares
grisáceos, elegante, armonioso, con largas filas de balcones simétricos, con
lucernas misteriosas, con una techumbre de pizarra brillante, que forma un
maravilloso concierto en el blanco opaco de las paredes y destaca sobre el
verde sombrío de las colinas… E prosegue referindo, cun suave ton
humorístico, a súa estancia e a súa relación cos cerimoniosos auguistas: En Mondariz no hay más que portugueses.
Todos son mis amigos; todos son discretos, afables y cultísimos.
Mondariz
recobrou a fins deste último século boa parte do vello esplendor. Pero os
tempos xa non son os da Belle Époque,
a primeira Guerra Mundial acabou cos longos veraneos das clases acomodadas da
época en toda Europa e o luxo tranquilo dos balnearios non atrae agora a xente
adiñeirada. A Mondariz, se non se lle pon remedio, volverá o paro, coma
naqueloutros tempos de que me falaba a señora María hai máis de trinta anos.
Por
outra parte, aínda que pareza non vir a conto, tamén vexo como o ano pasado en
Canarias, a pesar de incrementarse o número de turistas nun millón, o paro
durante o mesmo período medrou en vez de diminuír. O que me fai lembrar outra
noticia, esta referida a Alicante, onde hai cousa de quince anos a renda per cápita máis baixa da provincia
correspondía ó concello de Benidorm. ¿Logo a quen beneficiará de verdade o
turismo?
O KORRUNTXO DO OKUPA
Este dia pensaba –de cando en vés é bó
pensar- no doado que é ter determinadas actitudes perante a vida cando non se
teñen responsabilidades, maiormente de carácter familiar, que é o que lle pasa
a este okupa. Cando non se é pai ou mai, ou cando, máis desisivo, se carese de fillos. Porque calquera compromiso que se asuma, ese é o que
limita o libre albedrío do home ou da muller.
Xa sei que ninghén é libre, que a
liberdade é unha utopía, que se non temos aquelas pexas temos, nada máis e nada
menos, que as que nos impón a sosiedade da que fasemos parte, por aquilo tan
trillado de que a miña liberdade remata onde empesa a tua.
Mais hoxe práseme elucubrar,
aproveitando que é case inverno e que o Miño no pasa por Miño, aserca do fásil
que é ser (ou coidar que se é) independente, libre ou a salvo desas tentasións
que a sosiedade chamada de consumo nos por diante dos fusiños… consumo que
acaba consumindo ao consumidor.
Se non tes rapasiños que turren por ti,
á sua volta atentados polos listillos fabricantes ou comersiantes e a sua enganosa
publisidade… ben doado é fuxirlle ao consumismo daquelas cousas de comer ou de
se divertir que os nenos solisitan ávidamente de seus pais, tal os pichóns de
bico aberto.

Ben se bota de ver que o que isto
matina é inimigho das xoias, pois as xulgha, se belas, éticamente cáseque
ofensivas nun mundo tan famento e tan desgrasiado. Aí tedes, como exemplo ben
elocuente, o reloxio-xoia que acabaron tornando ornato algho que naséu sendo
utilitario… xoias que se adoitan ocultar por medo ao roubo, que apenas se losen
unhas horiñas e dependendo en qué lughares, son como os templos que, por
idéntica sinrasón, se fechan cando foron criados para a concurrensia universal
e cotiá dos fregheses, pero disto xa falaremos outro día… se é que me deixa o
xefe do blog.
É o caso mesmamente do rico xeneroso:
qué mérito pode ter dar o que che sobra? Claro que aí che saen disindo que hai
moito que podendo faselo non o fai… e entón, como cando se premia o bó
desempeño dun traballador, estáse recoñesendo o valor do que, debendo ser
normal, é apenas exsepsional… así nos vai, amighiños!
domingo, 30 de novembro de 2014
EUSTAQUIO PELLICER (e 2)
Por
Pepe de Rocaforte
Deixara
na entrega anterior a Eustaquio Pellicer a punto de marchar de España, ben fose
por razóns políticas, ben por desexos de acadar fortuna. Ou por ambos motivos á
vez.
En
1886 chega a Montevideo, onde pon en marcha unha tenda de calzado. “Vin para
facer fortuna no comercio”, dicía. Pero ó pouco tempo empeza a colaborar no
xornal “La Unión Gallega” de José F. Agrasar e Ramón Cerdeiras, onde escribían
Curros Enríquez, Murguía, a Pardo Bazán, Pastor Díaz e outros.
Funda
logo un semanario, “La Pellicerina”, de vida efémera. Entra como redactor do
diario “El Ferrocarril” e máis adiante, en 1890, xunto co debuxante alsaciano
Charles Schütz (non confundir co norteamericano Charles Schulz), funda “Caras y
Caretas”.
A
revista non ten o éxito esperado e en 1892 Pellicer trasládase a Buenos Aires
en busca de ventos máis propicios. Alí empeza a colaborar no diario “La
Nación”, onde fai amizade con Bartolito
Mitre, fillo do expresidente arxentino Bartolomé Mitre. En decembro de 1893 o
xornal envíao como corresponsal a España, de onde regresa en 1896, e mantén
unha pequena columna, “A pesca de noticias”, con tanto éxito que ó pouco
tempo ocupa sete columnas do xornal.
Será entón cando o expresidente Mitre, á vista do espazo da sección de
Pellicer, di de forma terminante: “¿Qué? ¿”La Nación” convertida nun diario
humorístico? Desde mañán desaparece esta sección”. E así foi.
Pellicer
non se desanima e xunto con Bartolito
refunda “Caras y Caretas” que sairá a luz en outubro de 1898. Ó se negar España
a aceptar a independencia cubana naqueles días, os españois radicados en
América foron peor vistos que en circunstancias normais, polo que se considerou
conveniente non figurar Pellicer como director. Tampouco se considerou oportuno
poñer no cargo a Bartolito. O xeneral
Mitre non admitiría ver o seu apelido á frente dunha publicación que
ridiculizaba a políticos. A solución foi nomear director (nominal) a José
Seferino Álvarez; “Fray Mocho”.
En
1903 Pellicer abandona a revista en desconformidade coa dirección que pretendía
tomar e funda “PBT, semanario infantil para chicos de 6 a 80 años”, máis
satírica e mordaz e que acadará un éxito similar ó de “Caras y Caretas”.
Cando
o xornalista Soiza Reilly o visitou en 1912 na súa quinta “Villa Loreto”, en
Banfield, preguntoulle: “¿Por que escribe, Pellicer? Quédese na súa quinta”. “necesito
ganar a vida”, respondeulle el, “os quinteros
unicamente en España poden vivir de rendas”.
Eustaquio
Pellicer Gutiérrez de Celis falecería en Buenos Aires o 23 de decembro de 1937.
O enterro no Cemiterio do Oeste careceu de solemnidade. Sobrevivírono a súa
esposa, Loreto Meléndez, e os seus fillos Eustaquio –nacido en España-, Carlos
–nacido no Uruguay- e Luís, arxentino.
Se
alguén ten interese en ver unha mostra da súa prosa, pode ver aquí o seu conto "El botón del calzoncillo", publicado na “Antología del relato policiaco en La
Argentina”
venres, 28 de novembro de 2014
Versos ó xeito popular (XXIV)
DAS LAGOAS II
Por Andrés Terra
Hai
unha furna na Torre
E outra
furna na Lagoa
Máis
cativas do que a furna
Que a
miña ialma magoa!
Remansiño da enseada
Onde as pedras adormecen:
Por un remanso tan puro
A miña ialma debece!
(2001 e
2004)
xoves, 27 de novembro de 2014
Ribadeneira, os parentes da raíña Lupa.
Tiña a raíña Lupa, aquela que non lle quería ben ós discípulos de Santiago, un irmán que capitaneaba as forzas militares, a quen lle encargou que vixiase moi de cerca a aqueles que viñeran co corpo dun apóstolo e conseguiron amansar ós bois bravos que ela lle cedera con intención de esnafralos.
E
así foi que, na primeira oportunidade que tivo, acusados de alterar a orde
pública e revolucionar ós súbditos, mandou que prendesen a Atanasio e Teodoro e
os metesen na máis escura das celas, mentres non decidía que facer con eles,
cando soubo dunha moza que os visitaba para levarlles algo de comer; e entón
foi detrás dela, por se era mensaxeira dalgún grupo revolucionario, pero cando a
moza chegou á porta da cela, a estancia iluminouse cunha luz sobrenatural que
emanaba dos corpos dos detidos, unha luz que, de súpeto, converteuse en chama e
avanzou cara o soldado ameazando con queimalo.
Repúxose
o infante e púxose a salvo, tan cheo de furia, que decidiu executar a aqueles
magos malignos que atentaran contra a súa persoa, e mandounos levar a un
descampado que había preto do río Neira, para que todos os súbditos do reino visen
a execución que lles tiña reservado. Mais no mesmo intre en que o verdugo
erguía a súa espada, apareceu no ceo, sobre o campo do martirio, unha cruz
vermella rodeada de cinco cunchas de vieira, xusto por encima da cabeza da
doncela que socorría ós discípulos do Apóstolo. E entón arrepentiuse o infante,
mandou suspender a execución, aceptou a fe predicada por aqueles homes e
pediulle matrimonio á doncela, de cuxa estirpe veñen os Ribadeneira
martes, 25 de novembro de 2014
EUSTAQUIO PELLICER
Por Pepe de
Rocaforte
Quedara aí atrás en dar
información sobre o fundador de “Caras y Caretas”, tal vez a revista
humorística máis importante e, no seu tempo, innovadora da República Arxentina.
Eustaquio Pellicer
Gutiérrez de Celis naceu en Burgos en 1859, primeiro dos catro fillos do
matrimonio formado por Eustaquio Pellicer Larrocha, catedrático de francés no
Instituto Provincial, e Juana Gutiérrez de Celis Martín, descendente dunha
coñecida familia burgalesa.
Á morte do pai en 1868
a viúva, cos catro fillos, trasládase a Valladolid, a casa dunha irmá, e
posteriormente o primoxénito, Eustaquio, marchará a Madrid para traballar como
telegrafista na Compañía de Ferrocarriles. En Madrid casa con María Loreto
Meléndez y París e inicia as súas colaboracións periodísticas en “La Broma” e
“El Pabellón Nacional”.
En 1886, a raíz da
intentona de sublevación do brigadier
Manuel Villacampa, , militar de ideoloxía republicana, natural de Betanzos,
onde naceu en 1827 (e aquí podemos datar, de maneira anecdótica, a primeira
relación de Pellicer con Galicia), o xornalista burgalés, simpatizante do
levantamento de Villacampa contra os Borbóns, á vista da condena a morte do
militar betanceiro, decidiu poñer terra por medio e emigrar a América.
Boa idea se temos en
conta que cincuenta e tres anos máis tarde o seu sobriño Jesús García Pellicer,
ó non tomar unha decisión similar logo do triunfo do levantamento de Franco
contra a República, morrería fusilado a carón do madrileño cemiterio do Este en
setembro de 1939 (Curiosamente a copia da súa partida de defunción, obrante no
meu poder, no apartado “Causas de la muerte” di: “Se desconocen”).
Certo tamén, por citar
outro caso familiar, que non sabe un a que carta quedarse diante de
informacións tan contraditorias como as que se dan sobre o falecemento de
Eustaquio Pellicer Larrocha, pai do fundador de “Caras y Caretas”. No seu
expediente académico, do cal Tino Barriuso, profesor do Centro onde el exerceu,
me proporcionou amablemente unha copia, dise que “morre en acto de servicio o
30 de novembro de 1868”. En cambio na copia da partida de defunción figura que
morreu de hepatite.
Como o deceso se
produce nunhas datas de efervescencia política, pouco despois do triunfo do que
se coñecería como “Sexenio Revolucionario”, buscando máis información atopeime
co suceso , en xaneiro de 1867, do linchamento de don Isidoro Gutiérrez de
Castro, recén nomeado Gobernador Civil da provincia, asasinado a mans dunha
turba enfurecida á porta da catedral (segundo a información oficial. No
interior do templo segundo outras informacións máis verídicas).
A versión oficial
atribuíu os sucesos á furia espontánea do pobo, pero é case seguro que estes
feitos contaron coa dirección e participación das autoridades relixiosas. E
aquí vén a cereixa que sae do cesto colgada ó coller outras: Entre o máis dun
cento de detidos a raíz do asasinato do Gobernador Civil, foron á cadea varios
membros do Cabildo Catedralicio, encabezados polo Deán don Pedro Gutiérrez de
Celis y Ladrón de Guevara, tío paterno e padriño de bautizo e voda da nai de
Eustaquio Pellicer. O Deán, por certo, quedaría en liberdade sen cargos ó cabo
dunha semana.
E con tanta digresión
familiar estoume pasando demasiado na extensión da colaboración de hoxe. Vou
deixar logo para unha próxima entrega o tema do cal quería tratar: a vida de
Eustaquio Pellicer Gutiérrez de Celis, o fundador de “Caras y Caretas”.
Eustaquio Pellicer (e 2)
Eustaquio Pellicer (e 2)
luns, 24 de novembro de 2014
O KORRUNTXO DO OKUPA
Cómo somos de
hiperbólicos ou superlativos na nosa fala cotiá! Aí tedes o uso e abuso de
palabras tales: ghran/ghrande, enorme, moi/moito, profundamente/fondamente … aplicadas a situasións do máis variadas.
Está aquel
político fondamente democrático e o individuo do que somos moito amighos, ou o
moito impresionado que estou pola morte daqueloutro… e non é que sexa así
literalmente na maioría dos casos. É como se lle tivésmos pouca fe, como se lle
désemos maghro creto ás palabras que emitimos, as expresións que deitamos…
Está o Fulano
que é un ghran apaixonado polo bo xantar ou o ghrande músico ou escritor.
Recórdame aquel xeito pailán de chamar Don Ramón de la Cruz –mesmo no
nomenclátor madrileño- a tal escritor… é que o resto non era meresente de tal
engholado tratamento? Cando se sinte a nesesidade de aporlle un don a alguén é
que non é abondo evidente a sua suposta valía, ou é? A contracara ven sendo o
tuteo/titeo empreghado para falar a deus ou os santos, incluida a nai daquel,
de tu por tu.
Isto tamén
relasiónase co tratamento dado antano, e aínda hoxe no medio rural –condenados
ambos, o medio polo que se ve, e máis o tratamento á extinsión- aos pais e abós
polos fillos e netos, ata o punto de lles chamar señor e señora; mesmo entre a
parella se adoitando tal e ata o costume de a muller chamar ao marido polo
apelido.
O máximo da
paverise (neoloxismo derivado de pavero) é cando che dan, vía teléfono ou
epistolar, unha ghrande aperta, ou un ghrande bico, mesmo un forte abraso,
seghindo coas hipérboles… mesmo teño oído encarghar un ghrande saúdo para
Sutano de tal… ou moitos recordos (oes, non poucos: moitos)… e, inda que non o
creades, despedirse dous, disíndolle un ao outro: Unha aperta! (sen lla dar
físicamente, difísil de traghar, nonsi?).
Isto todo
lévame á “cuestión bico”. Moito (bó, non tanto, xa estou eu propio abusando da
palabriña) tendo este okupa cavilado en duas cousas.
Unha, o chamar
con un único nome dous feitos ben diferentes (ben e tan tamén son usados con
esaxerasión!): o bico ou beixo (que din con maior eufonía os portugheses). Pois
unha cousa é dar un bico na meixela, carrillo ou cachete e moi outra (xa
estamos exaxerando co moi!) dar o tal na boca, ainda podendo ser nesta variante
externo, nos morros (chamado biquiño ou morrete) ou interno (de línghua ou
morreo ou de parafuso)… externo e interno mesmo como os escolares.
O bico
cacheteiro foi e parese que volta a ser, como antano, ata habitual entre homes,
con moito carís fraterno como o foi de sempre entre mulleres… ou coa
calificasión por veses de bico da pas, aghás o bico de Xudas, particularmente
aquel do Giotto, que desde cativo me impresionou… O outro, o morreiro é só
practicable –fora os casos de homosexualidade ou de arabigués- por xentes de
diferente sexo.
A outra cousa
da que non me canso de falar é a ridiculés, mesmo o ghrotesco que vexo o doble
bico, nun e noutro cachete… e non dighamos cando son tres! Tentando darlle unha
explicasión (caso que non é aplicabla cando tres), digho eu se non se
orixinaría o conto en darse dous bicos, eu un a ti e ti outro a min, o que
sería como a devolusión que se fai cos saúdos ou memorias… de non, non lle vexo
a rasón. O colmo dase cando, maismente
nos exsenarios, hai unha ringhleira e chegha alghén bicando a todos e cada un
con dous bicos… miñanai, cousa máis ridícula non vin…
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)