Era
moi vingativo aquel mozo da familia dos Chirinos, quen en certa ocasión,
paseando por Compostela, atopouse cun cabaleiro francés que viñara en
peregrinación ó santo Sepulcro do Apóstolo, e nisto de que unhas palabras levan
a outras e como as chulerias non son boa presentación, viñeron ambos os dous ás
mans, por algunha cousa mínima que non pasou ós libros de historia. Mais o
galego, aínda que a pelexa se resumía nun par de empuxóns e unhas palabras máis
fortes ca outras, sentiuse profundamente ofendido polo gabacho, e como non
descansaba mentres non poñía a cada quen no seu sitio, foise detrás do ofensor que
xa emprendera o camiño de retorno ás súas terras. E chegou o Chirino a Francia,
e á mesma capital daquel reino, e non dubidou en presentarse diante do mesmísimo
monarca a expoñer o seu caso, que a honra hai que lavala con sangue, e o
monarca, mirando a aquel arroutado, e ó seu piadoso cabaleiro, accedeu a que en
xusta lide se enfrontase diante del, e aquel que vencese sería recompensado co
que pedise; pensando seguramente o monarca en gratificar ó seu súbdito, que
xogaba no seu campo, cando puxese no seu sitio a aquel arroutado e vingativo
galego.
Pero
quixo a sorte poñerse da parte do compostelán, que lle arrincou a cabeza ó seu
ofensor, e daquela, o rei, sen poder disimular a rabia que o invadía, cumprindo
a súa promesa solicitou do vencedor que lle pedise a recompensa prometida, e o
Chirino, que tampouco era home avarento ou cousa polo estilo, pediulle cinco
flores de lis para o seu escudo. E moi ó seu pesar, o monarca concedeullas
sentenciando:
-Sexan
dadas, e mal doadas son.
Desde
aquela o Chirino adoptou o apelido Maldonado, que outros dicían Baldonado, por
aquilo de quitarlle maldade ó nome, e aínda outros o trocaron para ser
simplemente Aldaos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario