domingo, 11 de xaneiro de 2015

PELÍCULAS EN NADAL



Por Pepe de Rocaforte
   
         Durante moitos anos ó chegar as festividades de fins e principios de ano a programación televisiva acostumaba ofrecer reiteradamente unha serie de películas onde non podían faltar superproducións do tipo de “Os dez mandamentos” e “Ben Hur”, ou ben outros títulos clásicos como “La quimera del oro”. “Mujercitas”, “Juan Nadie” e, especialmente, “Que bello es vivir”, paradigma insuperable dos bos sentimentos que debían ocupar os nosos espíritos en tempos de Nadal.
            Agora case non lle dedico tempo ningún á televisión e non sei moi ben como vai a cousa, pero nun deses pasados días de fin de ano casualmente cadrou de me atopar con “Plácido” na segunda cadea de TVE. Xa era a terceira ou cuarta vez que vía a película de Berlanga, ata agora non moi axeitada ós canons admitidos para tales datas, pero como pagaba a pena repasala unha vez máis, non cambiei de canal e dese xeito descubrín nela algo no que ata hoxe non me fixara.
            Trátase da música, composta polo valenciano Miguel Assíns Arbó, que axiña me trouxo á memoria a banda sonora doutra gran película na miña estimación, “Amarcord”, de Fellini. Para min o tema musical de Nino Rota nese filme é cravado ó de Assíns en “Plácido” (e non esquezamos que “Plácido” é de 1961, mentres “Amarcord” foi rodada en 1973).
     
       Busquei en internet algunha información sobre o particular e non encontrei nada. Mellor dito: curiosamente vin unha acusación de “plaxio descarado” de Nino Rota a James Horner pola banda sonora da película “Cariño, he encogido a los niños”, seica calcada da de “Amarcord”. ¿Non é curioso? (Por certo: Nino Rota demandou por esta causa a Horner e o compositor norteamericano foi condenado a indemnizalo).
            ¿Plaxio, recreación, coincidencia? En fin, a estas alturas xa non sei se estarei equivocado, porque tampouco deixa de ser raro que Assíns Arbó, quen non morreu ata 1996, no seu día non acusase de plaxio ó compositor italiano. ¿Ou o tema musical tratarase, que non o creo, dun aire popular mediterráneo? Ou, tamén: ¿a miña apreciación de tan evidente similitude estará enteiramente trabucada?

Ningún comentario:

Publicar un comentario