Don Fernán Arias de Saavedra foi o
patriarca dos Soutomaior. Era un cabaleiro, como queda dito, da familia dos
Saavedra de Lugo, un home sabio e formal, fiel servidor do seu reino e por isto
o aio escollido para adestrar ó futuro herdeiro da coroa, ó fillo de don Sancho
I, nas artes do bo goberno, e a quen o atento cabaleiro coidaba no só no
aspecto físico senón tamén no cultural.
Mais aconteceu que, certa
tarde, estando o mozo practicando co seu instrutor o tiro con arco sobre os
animais que andaban petiscando herbas nun dos soutos reais, por estas cousas
que ninguén sabe como suceden, unha frecha veulle dar ó mesmo infante no peito
deixándoo sen vida.
Moi apenado, o aio foi a
xunto do rei para contarlle o sucedido, e poñéndolle a propia espada diante,
implorou que sobre el executase a debida xustiza. Mais a pesar da pena, o rei
entendeu a falta de culpa do seu fiel súbdito, e mandándoo erguerse, perdooulle
porque se vía que non houbera mala intención no acontecido, e por fidelidade
outorgoulle aquel souto escenario da desgracia, polo que o cabaleiro vén a
chamarse desde aquel en diante Soutomaior.
E tamén desde aquela, o
fiel cabaleiro engadiulle unha bandas negras, ó xedrezado en gules e ouro dos
Saavedra, en sinal de loito eterno polo infante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario