luns, 19 de xaneiro de 2015

O pelo, símbolo de vida e vigor



Só unhas pequenas notas para lembrar o uso simbólico do pelo, que por ser a súa perda unha manifestación do paso dos anos, convértese en símbolo de vida e vigor, e así como o ancián perde a fortaleza física ó tempo que perde o cabelo, xa na Biblia, Sansón perde a súa forza no intre en que Dalila lle corta o pelo, e asemade perde a capacidade intelectual para liderar ó pobo israelí, que só recupera cando o pelo lle volve medrar.
 E sempre, na idade máis fértil é o pelo unha das características físicas da persoa, tal e como se ve na maioría das obras literarias, sobre todo no caso referido ás mulleres.
Os sacerdotes exipcios rapaban a cabeza como símbolo de submisión ós seus deuses. Isis corta uns rizos do seu cabelo en sinal de loito cando morre  Osiris, pois tamén neste caso, tal feito vai simbolizar a perda da capacidade de liderar.
E finalmente, se o pelo nacido da cabeza simboliza a sabedoría e o medre intelectual, o suorento ou cheirento das axilas é usado como ingrediente principal de apócemas ou beberaxes para meigallos.
E mentres o pelo da cabeza é unha das ofertas máis estendidas entre as mulleres ás súas Virxes protectoras en moitos santuarios galegos, as bruxas non teñen pelo nas partes pudendas, por infecundas que elas son.

Ningún comentario:

Publicar un comentario