mércores, 4 de febreiro de 2015

Andrade, o que non quita nin pon rei



A estirpe desta familia vén dun cabaleiro que acompañou ó caudillo godo don Mendo de Rousona, irmán do derradeiro monarca longobardo, para combater ós mouros que invadiran a península Ibérica. E aínda que o valor e valentía foi marca de familia (a pesar de que tamén hai un Andrade o Mao, entre eles), quen gañou maior aprecio como cabaleiro honrado foi don Fernán Pérez de Andrade, tamén chamado o Bo, cando nunha batalla entre don Henrique de Trastámara, alcumado o Bastardo e seu irmán don Pedro, quen para uns foi o cruel e para outros o xusticieiro, por ver a quen lle tocaba reinar, estando o tal don Henrique caído e don Pedro disposto a rematalo, este Andrade o Bo, interpoñéndose entre os dous e proclamando “Eu non quito nin poñe rei, pero axudo ó meu señor”, apartou a don Henrique da acometida do seu inimigo, e unha vez libre do perigo poido o Bastardo volverse contra seu irmán e matalo.
E tal fazaña valeulle ó Andrade as vilas de Ferrol e Pontedeume así como todas as terras da redonda, ademais de permitirlle o uso do escudo no que, en sinople, crúzao una banda de ouro con cadansúa cabeza de dragón nos extremos, asemade de ouro, e bordéase o conxunto cun reberete de prata onde en letras de sable reza: “Ave María gratia plena”.

            Así (máis ou menos) o narra o Licenciado Molina na súa “Descrición do Reino de Galicia” en 1550, sen embargo anda por aí outro conto no que o mérito de tal fazaña e frase lla outorgan ó capitán e mercenario francés Deguesclín, que participou na guerra entre os dous irmán. E eu, particularmente, apoio a tese de don Álvaro Cunqueiro, quen di que unha frase así só se lle podía ocorrer a un galego.

 


 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario