luns, 9 de febreiro de 2015

A GALIÑA CEGA



Por Pepe de Rocaforte
            Leo, tantos anos despois da súa publicación, “La gallina ciega”. ¡Grande Max Aub! El, que se podería reclamar de tantos sitios, chega ( non “volve”, “vén”, recalcará máis dunha vez), chega, digo, a España para descubrir que un exiliado xa non é de ningún sitio, non encontrará en ningures unha  patria que poida dicir que “é a súa”. El, nacido francés, nunha familia xudía, o pai polaco, a nai francesa, de ascendencia saxona.  Chega cos seus pais a Valencia contando once anos e alí decide ser valenciano (“un é de onde fixo o bacharelato”, tamén repetirá) e a nacionalidade non adquirida por nacemento, senón por elección, é máis forte e verdadeira.
            Desde neno fala francés, alemán e castellano. Ós dezaoito ou vinte anos empeza a viaxar pola península ata rematar en Madrid. Desátase a guerra incivil, o exilio (Francia, onde naceu. Arxelia. Marrocos. México, onde adquirirá unha nova nacionalidade).
            E cando ten sesenta e seis anos, despois de prometer non regresar a España ata Franco non estar morto, vén. Non pode esperar máis e vén. Para bater coa amarga realidade do franquismo. Esto xa non é España, a súa España, a que leva no corazón. Visita vellos e novos amigos. Cabréase cando o interrogan con insistencia: “Sácame dos eixos esta pregunta insidiosa de cada quen: ¿Qué che parece España?” “Non lles importa nada o que me pareza España. O que queren que lles conteste é que estou asombrado das estradas, dos paradores, dos restaurantes, das comidas”.

            Entre os visitados está xente que admira: Dámaso Alonso, Américo Castro, “sempre eternamente cabreado contra os seus inimigos reais ou inventados”. Louva, entre os novos, a Juan Goytisolo, a José Ángel Valente. A veces os seus eloxios, duns ou outros, de residentes ou exiliados, resístense a ser expresados, o que os fai máis valiosos: “Cernuda, ese frío, distante, elegante, antipático, prodixioso poeta”.
            De toda a viaxe vai gardando constancia, toma notas, fai gravacións. E de todo ese material, finalmente, sairá este libro, doloroso, que tardei tanto en ler. ¡Grande (e pobre) Max Aub!, o home que quixo ser sempre de onde fixo o bacharelato. E non o deixaron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario