Por Pepe
de Rocaforte
No transcurso
do último ano e pico as miñas colaboracións neste medio viñeron
seguindo unha traxectoria máis ben errática, polo menos no atinxente a
temática. Hoxe, consciente deso e sen rectificar as miñas perniciosas
tendencias á mestura, vou abordar un tema que invade, ou polo menos toca, a
competencias de Francisco Vidal, home moito máis habelencioso e competente
nestes asuntos. Desculpa, Farruco.
É o caso que quería referirme a
Salamanca, onde tantas cousas hai para admirar a cada nova visita, desde o
imparable ascenso do prezo das consumicións en bares e cafés da Praza Maior, en
flagrante contradición co I.P.C., ata a profusión de catedrais, igrexas,
conventos e palacios esparexidos polo núcleo urbano.
A un destes monumentos quería
referirme. Trátase do Convento de las Dueñas, fundado no século XV coa laudable
intención de dispoñer un lugar onde as nobres damas que así o desexasen
puidesen contar coa necesaria tranquilidade para se dedicar á piadosa práctica
do sacrificio e a oración.
Non vou tratar da arquitectura do
edificio, nin da fermosura do claustro, nin da calidade das tallas, nin de
cousa ningunha desas para cuxa evaluación non estou particularmente dotado. Contarei
en cambio unha lenda (hoxe compre ser cautos: non é unha historia, trátase
dunha lenda, quede claro) segundo a cal alá nese século XV ingresou no convento
unha escrava guineana, coa pel negra coma o betume, de nome Chikaba, vítima na
súa mocidade de abusos e malos tratos.
Esta escrava guineana posuía unhas
extraordinarias dotes curativas e sandaba a canto doente se poñía nas súas
mans, a pesar de (?) ela padecer unha hernia, herdanza dos malos tratos
padecidos na súa adolescencia africana, o que a fixo ser moi estimada polas
donas a cuxo servizo se atopaba. E conta a historia, perdón, a lenda, que cando
a escrava morreu a súa pel mudou de cor e acabou convertida en branca. Todo un
detalle divino para coa súa bondade.
Alí, nunha sepultura do claustro,
foi enterrada e posiblemente aínda permaneza a presumiblemente santa curandeira
Chikaba.
E xa que con Salamanca andamos, non
me resisto a acompañar esa foto dunha cegoña tocando a campana nunha igrexa
salmantina. O primeiro que me veu á imaxinación ó vela foi a lembranza de
“Margarita la Tornera”. ¿Estaría a ave substituíndo a un sancristán a quen lle deu
a arroutada temporal de se ir alistar ás milicias do Estado Islámico no Próximo
Oriente?
Todo pode ser nesta cidade. Non esquezamos
que nos restos do que foi a cripta da desaparecida igrexa de San Cebrián, hoxe
coñecida como “La Cueva de Salamanca”, en tempos non moi ben determinados
impartía clases o diaño, noso vello amigo Satanás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario