Realmente, máis ca un rapaz esperto e intelixente,
Francisco era un pouco arroutado, de quen se conta que aló en Tameirón, no
partido de Monterrei (Ourense), onde naceu, cando lle mandaban ir a coidar as
cabuxas e ó volver traer un feixe de leña para a casa, argallou a maneira de
cargarlle a leña ó lombo das cabuxas para poder el estar máis descansado para
rezar. E vendo o señor de Monterrei as argucias laborais do seu súbdito,
esforzouse para que tomase escola e se fixese cura, que “este rapaz non naceu
para esfolar as mans”.
Xa ordenado sacerdote, arrimouse o mozo ós franciscanos,
en Salamanca e en Pontevedra, e solicitou ser incluído na expedición que a
finais do século XVI ía con intención de predicar no Xapón, onde, sen ter en
conta a milenaria cultura e relixión daquel país, os misioneiros trataron de
influír no emperador para que arredase do seu lado ós monxes shintoístas e budistas
e os tomase a eles por conselleiros, acusando a aqueles de mentireiros,
tramposos, endiañados e falsos, polo que os ministros do imperio, fieis á súa
milenaria relixión, acusaron ós franciscanos de deslealdade, alta traizón e maquinar
contra o Imperio, e condenáronos a morte na cruz e atravesados por unhas lanzas.
Era o cinco de febreiro do ano 1597, cando o freire Francisco Blanco andaba
polos vinte e sete anos de idade.
Unha vez beatificados todos os mártires de Xapón, aínda
vivía a nai de san Francisco, aló en Tameirón, e o bispo de Ourense foi a
felicitala e colléndolle as mans preguntoulle como se sentía de orgullosa por
ter levado no seu ventre a un santo, e a nai, que era nai antes ca ningunha
outra cousa, lamentouse:
-Señor, eu ó meu fillo sempre lle dixen que non fose tan
arroutado, que aínda ía acabar mal, e mira vostede como acabou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario