Cristos, virxes e santos
O Curmán de Undochán
Aí atrás (Cróns. 20, 25) falábamos
da presenza de cultos católicos e nom católicos neste país laico… “graciadió”.
Hoxe tentounos a idea de darmos a coñecer, apenas esbozada, a diversa realidade
relixiosa a incidir teimosamente no devir social uruguaio e montevideano, menos
cativa do que se pensa, con eses ribetes de politeísmo en que acaban derivando
todas as relixións pretensamente monoteístas, que rematan rendíndose á
milenaria tendencia politeísta da especie humana. Deixando aparte o
culto umbandista (representado por Iemanjá, a stella maris con estatua, viciña
de Rosalía de Castro, e romaxe mariña cada 2 de febreiro), así como as confesións protestantes (anglicanos,
valdenses, luteranos, metodistas, adventistas… e mormóns ianquis) e
pentecostais-espectáculo (Dios es amor,
El show de la fe, Jesucristo es el Señor…), mesmo algúns católicos sui generis (p.e. armenios), vedeaí
casos católicos realmente populares... non tan distantes da relixiosidade
galega.
Nai
e fillo na devoción
dos católicos uruguaios
|
É tradición que os libertadores (os
“Treinta y tres orientales”) de 1825 se axionllaron diante da imaxe da Virgen de Luján, na vila de Florida,
talla misioneira de fins do XVIII, en 1894 instalada na igrexa local (despóis
catedral) e declarada pola curia patroa da República, con peregrinacións cada
domingo de novembro. De similar época e procedencia é a Virgen de Itatí (vila da provincia arxentina de Corrientes), que
fora traída á recén fundada vila de San Fructuoso (hoxe Tacuarembó), en 1832, e
cuxo culto, logo de século e medio de abandono, foi recuperado en 1999, coa
instalación da imaxe na tacuaremboense Villa Ansina, e celebrada cada novembro,
con festa floclórica (gaucha). Para rematarmos coas virxes, temos a Virgen del Verdún, instalada no cerro
homónimo do departamento de Lavalleja, visitada masivamente, desde 1902, cada
19 de abril. Moi posterior, de 1947 provén
o culto, cada 11 de febreiro, da virxe venerada na “Gruta de Lourdes”,
no barrio montevideano de Casavalle.
E, xa de cabeza no século XX, está o
culto ao Señor de la Paciencia, talla
peruana do XVIII que é venerada, cada venres, na cripta (de 1900) da capitalina
igrexa de San Francisco, en plena Cidade Vella. Como cristiana (de Cristo) é,
pola sua banda, antecedente involuntario
da papal montevideana, a cruz de 30 metros, ergueita na década de 1930 no cerro
Pan de Azúcar (400 metros), no departamento de Maldonado, atraínte paraxe que,
ao tempo, alberga unha reserva de fauna e flora americanas.
San Cono,
santo italiano
que agromou no
Uruguai provinciano |
Voltando á capital, en zona céntrica
(barrio La Comercial) cadran dous santuarios moi populares aos que acuden os
crentes cada 19 de abril e cada 12 de maio, senllas datas dos santos Expedito e
Pancracio… como en La Unión se ubica a capela de San Cayetano, visitada
masivamente cada 7 de agosto (como o outro Caitano na cidade de Salto)… todo
isto sen esquecermos a inminente canonización da beata ítalo-uruguaia Mª Francisca
Rubatto (1844-1904), que será así a primeira santa deste país.
Ora, por dedicarlle unhas liñas a
Galicia, temos que nos referir a Agó Páez Vilaró, muller polifacética (como
filla de Carlos P.V.), que ten demostrado reiterada predilección polo camiño de
Santiago, ao punto de escribir “Buscando mi estrella, por el camino de
Santiago” (2001), mesmo coa iniciativa de crear un camiño a pé polo interior do
Uruguai, e seguida nese afán por seu fillo, Horacio Reyes, que filmou o
documental “La creación divina, por los caminos de Santiago” (2019).
Dato
ad hoc: En 1895, o luxoso vapor
“Ciudad de Santander” encallou na illa de Lobos, en fronte de Maldonado, ata
acabar afundíndose, tan lentamente que permitíu o salvamento de todos os
pasaxeiros e máis da imaxe da Virxe do Carmo que, desde aquela, preside a
catedral fernandina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario