Por Pepe de Rocaforte
Na
busca do texto de Vicente Risco sobre o Gólem do que falei aquí a semana pasada
estiven folleando nos libros del que gardo na casa, pero en ningún deles vin a
referencia ó rabino que lograra darlle vida a un deses seres. Agora empezo a
pensar se a quen llo lin foi a Cunqueiro e xa non o teño nada claro. Tal vez o
mellor será deixar o asunto de lado e quen sabe se algunha vez se me ilumina a
bombilla, ou algún amigo con mellor memoria ca min me facilita a súa
localización.
O
que encontrei, cousa que non buscaba, foi no “Libro de las horas” unha
selección das colaboracións de Risco na Folla do Luns de Ourense desde 1939 a
1961, un texto que me deu material para a colaboración de hoxe. Titúlase “O
primeiro moscón” e nel refire don Vicente a aparición dun moscón na súa casa.
«Fungaba, esta mañá, sobre a parede de azulexos e era gordo coma un cristiano
ben mantido», conta o escritor ourensán. «Foi moi ben recibido, porque é un
moscón do verao, e sobre todo, porque é un compañeiro de ociosidade, porque a
música das ás do moscón é música de sesta».
A
min, particularmente, a vista destes moscardos prodúceme certa repulsión. Menos
mal que para certificar o cambio de estación, á parte do repulsivo moscón, na
miña casa entrou a primavera, confirmada unha vez máis polo florecemento da
orquídea, máis ou menos puntual coma todos os anos e mensaxeira moito máis
atractiva que a mosca ben mantida e fungadora.
Pero
este ano de reclusión primaveral, ademais da orquídea de sempre, temos de
visita na casa unha familia que chegou para aliviar en boa medida o noso
illamento. Son tímidos e non se atreven a entrar, adivíñaselle claramente un
certo medo, en boa parte xustificado. Tratei de facer unha foto con eles, pero
non lle gustou a idea e marcharon as tres ou catro veces que o intentei nestes
primeiros días de inicio da nosa relación.
De
calquera xeito continuarei insistindo en lle poñer a súa correspondente ración
de frangullas de pan enriba do cubretendais como mostra de boa vontade. Espero
así que, co paso duns cantos días máis, acaben por se facer tan amigables coma
os seus parentes que nas terrazas das cafeterías da avenida da Mariña, frente ó
mar, achéganse a visitarte moi arrichados e non teñen ningún reparo en se
pousar enriba das mesas e picar as súas patacas fritidas ou o seu anaco de
pincho de tortilla, ata mesmo con ganas de tomar parte nas tertulias dos que
conversan tomando un café, ou un viño, ou unha cervexa, nas plácidas mañás de
sol deste tempo. (Digo “que conversan”, cando debería dicir “que conversaban”.
Pero a respecto desto tamén teño a esperanza de que axiña poidan, poidamos,
volver ós nosos costumes. ¿Non si, Pepe, Xacinto, Nacho?
Entre
tanto eso non sucede, para tapar un pouco o fungar do moscón, vou poñer a
música de “O voo do moscardo”, do señor
Nikolái Rimski-Kórsakov. ¿Parécelle ben?
Ningún comentario:
Publicar un comentario