Por
Pepe de Rocaforte
Hai
xa algún tempo un parente meu andou a facer enquisas para un traballo do
departamento de psiquiatría da universidade de Compostela. Levaba uns
cuestionarios con preguntas detalladas sobre o tema da Santa Compaña e despois
de se entrevistar cunha reste de persoas nunha aldea que agora non vén ó caso,
atopouse co resultado curioso de que ningún dos interrogados sabía o que era a
Santa Compaña.
Este
resultado pódese atribuír ás características especiais de desconfianza do
paisano diante das preguntas dunha persoa descoñecida. Pero tampouco se pode
esquecer que aínda que moita xente fale da Compaña, ou teña oído falar dela, se
a forzas a concretar un pouco a súa descripción, son escasos os que din algo
máis alá da explicación de que é a procesión dos mortos. E esto aínda con
titubeos.
Porén
a Santa Compaña, ou Hoste, ou Estadea (aínda que o facer sinónimos estes
términos teña tamén os seus detractores), a Compaña é unha das nosas máis
enxebres crenzas. Ducias de autores trataron o tema nos seus libros e en centos
de lareiras aldeás foi protagonista de inacabables relatos de medo.
Daquela,
se ben o meu parente non tivo moitas respostas aclaratorias sobre en que
consistía esta procesión, imos consultar testemuños escritos a ver se nos poñen
máis ó tanto. Certo que a abundancia de testemuños ó mellor, en lugar de
quitarnos de dúbidas, nolas meta máis aínda no corpo, porque as diverxencias
entre uns relatos e outros chegan a veces ó extremo de resultar inconciliables.
Alá
polo ano 1837, George Borrow viaxou por Galicia (e o resto de España) vendendo
Biblias. Froito desta viaxe foi o seu famoso libro “A Biblia en España,
publicado en 1842. Nel, entre outras moitas cousas interesantes e curiosas da
nosa terra, a maioría tan tristemente vixente hoxe como cando o viaxeiro
británico percorreu os camiños da península, fálanos da historia que lle contou
un tal Bastián, guía que o levou de Padrón a Fisterra polo medio de témeros
descampados. O Bastián referiulle que dunha vez ía de noite por unha terra
deserta en compañía dunhas mulleres e levantouse unha néboa moi mesta. De
súpeto empezaron a brillar luces por riba deles, moitas luces na néboa, ó tempo
de se oír un laio arrepiante. Era a Estadea, ou “Estadiña”. E á pregunta de
Borrow de ¿que é a Estadea?, respondeu simplemente: «son as almas dos mortos
que andan por riba da néboa con luces nas mans».
A
esta mesma pregunta: ¿Que é a Compaña?, respondíalle un paisano da Ulla Alta a
un colaborador de “La Ilustración Gallega y Asturiana”, alá polo ano 1879:
«Sonlle ósos de defuntos que levan acesos polo aire». O periodista quixo
concretar: «¿E eses ósos luminosos son os que producen, a quen os ve, os males
de que fala a xente?» Resposta: «Non, señor. Os que os levan». Nova pregunta:
«¿Pero quen os leva?» Resposta definitiva: «A Compaña».
Ningún comentario:
Publicar un comentario