sábado, 2 de maio de 2020

Santa Viborada


     Cada dous de maio, os suízos celebran á súa patroa dos bibliotecarios, santa Viborada.
     Á morte de seus pais, ela e seu irmán acolléronse ó amparo da abadía de Saint Gall, onde dedicou o seu tempo a encadernar libros e a atender ós enfermos que, segundo as crónicas nos relatan, curaba de maneira un tanto milagrosa. Unha actividade que non era apreciada por todos pois, acusada de graves delitos contra a fe foi condenada a sufrir unha ordalía. Por sorte para ela, superou a tal e puido seguir levando unha vida máis ou menos tranquila.
     Cansa do mundo e dos seus problemas decidiu facerse ermitá, pero convencérona par que seguise nunha cela do seu convento, exercendo aquilo que mellor se lle daba, encadernar libros e atender enfermos. Pero tamén se fixo famosa por posuír o don da profecía, adiantando vindeiros acontecementos que o resto dos seus coetáneos non intuían.
     Un día tivo unha visión e advertiu de que os húngaros ameazaban a súa terra, recomendando que agochasen os libros da biblioteca de Saint Gall, para apartalos da súa furia e do seu lume, e que os paisanos, monxes e monxas se refuxiasen nos montes. Sen embargo ela decidiu quedar a rezar por eles, e alí a encontraron os invasores que lle fenderon a cabeza dun machadazo.
     Foi canonizada por Clemente II no ano 1047 e considérase que foi a primeira muller elevada ó santoral, patroa de bibliotecarios e, segundo algúns tamén dos clubs de lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario