sábado, 9 de maio de 2020

Unha lectura do pergamiño Vindel


   
 
O pergamiño Vindel, conservado na biblioteca do museo Morgan de Nova York, e que puidemos ver no Museo do Mar de Vigo entre outubro de 2017 e marzo de 2018, contén unha pequena recompilación de sete cantigas de amigo, datadas entre os séculos XIII e XIV, asinadas por Martín Codax,  seis delas con anotación musical, unha característica fundamental para darnos unha idea de como eran recitadas.

     Pero, tras unha lectura atenta das mesmas, son varios os investigadores que concordan en que estes poemas, se ben se poden ler independentemente, en conxunto contan unha historia de amor con final incerto. Evidentemente fáltanos por coñecer a mímica e a expresión corporal do intérprete para entender toda a mensaxe desta obra.

      Así, no primeiro poema, Ondas do mar de Vigo, o poeta presenta o lamento dunha moza polo seu amado, de quen tivo noticia de que virá por mar e a quen está agardando.

     No segundo poema, Mandad’ei comigo ca venmeu amigo,  sábese que o amado vén favorecido polo rei tras o seu labor na guerra e ela proxecta ir a esperalo a Vigo.

      No terceiro poema, Mia yrmana fremosa treides comigo, a moza faise acompañar de súa irmá, para ir agardar ó amigo.

     Pero no cuarto poema, Ay Deus se sab’ora meuamado, o amigo non dá chegado e ela séntese soia, dando a entender que a súa irmá acabou cansa de esperar e abandonouna.

     No quinto poema, Quantas sabedes amar amigo, a moza, implora a axuda de todas aquelas que sufriron por algún amor e invítaas a entrar nas purificadoras ondas do mar.  

     No sexto poema,  En o sagrad' e Vigo,  a namorada resígnase á soidade, lamentando que nunca tivo un amigo, e agora o seu corpo baila no sagrado, sen deixar claro se é unha danza macabra, nun cemiterio, ou no refuxio dun convento ó que se acolle a abandonada amante.

     E xa como último poema, Ay ondas que eu vinveer,  en dúas estrofas, tanto se ela está no convento ou bailando en lugares de mala reputación, segue lamentándose pola falta do amigo que non chegou.

     De ser así estamos diante dunha novela en verso e musicada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario