domingo, 31 de maio de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (73)


                                    4 + 4 pintores
                                                            O Curmán de Undochán
            
Méndez Magariños
            Tentaremos dar cumprimento nesta do prometido crónicas atrás, a fuer de profanos na arte pictórica e os seus creadores. Con tal limitación ousaremos traer aquí a catro pintores galegos do Uruguai –todos chegados ao país de nenos- e a outros catro filogalaicos, non sen antes simplemente nomear algún importante escultor como Antonio Pena (e Rego, 1894-1947) de nai e pai galegos.
Norberto Berdía
            Melchor Méndez Magariños (Pontevedra, 1885-1945) é, con moito, o máis veterano, morando en Montevideo desde os 4 anos, sen sabermos nada dos seus antecedentes familiares. Formouse en B. Aires e, bolseiro do goberno deste país, seguíu a sua formación en París. Paisaxista representante do planismo uruguaio, expuxo na capital francesa e máis en Baltimore, dedicándose tamén á crítica de arte. Como muralista ten obra no porteño Teatro Colón e na catedral montevideana e como gravador ilustrou varios libros e revistas.
            Na xeración seguinte temos a Manuel Pailós (e Blanco, co apelido malacentuado, Corme, 1914-2004), seica arribado tamén aos 4 anos. Alumno destacado de Torres García, é un dos máximos representantes do construtivismo. Mesmo escultor galardoado en 1968, foi homenaxeado con senllas exposicións en Montevideo (1986) e Compostela (1991).

Pailós nunha rua da Cidade
Vella montevideana
            Á mesma xeración pertencen os dous que seguen. Leopoldo Nóvoa (e García, Salcedo-Pontevedra, 1919- 2012) é un noso ben coñecido polo seu universalismo e por nunca ter deixado de todo a Galiza natal, que aínda abandonou en 1938, para se radicar en Montevideo. Fillo do cónsul Edmundo (Crónica 30) e pai e abó dos cineastas Joselo Nóvoa (“Sicario”, “Un lugar lejano”…) e Joel Nóvoa, estimamos innecesario relacionar a sua obra como pintor, caricaturista (militante antifranquista, acarón de L. Seoane), muralista ou escultor en ambas as beiras do Atlántico, finalmente compartindo vivencia entre París –o incendio de 1979!- e Armenteira, homenaxeado en Pontevedra (1996).

           O outro é Manuel Otero (e Silva, nado non lonxe da Armenteira de Nóvoa, Xuviño-Combarro-Poio, 1921-2003), en Montevideo desde 1927, un máis a participar no obradoiro Torres García, pintor, gravador, escultor, ceramista, ferreiro, autor dos muráis do grande Hospital de Clínicas, viaxou por América e Europa, tendo merecido importante mostra antolóxica en Pontevedra, 2001.
Washington Barcala      
             Apenas un pantallazo para os anunciados catro artistas plásticos de xinea galega. O máis recuado ancestralmente (como tataraneto dun Fonseca de Cangas), é o benxamín  deste grupo. Gonzalo Fonseca (e Muñoz, 1922-1997) ven sendo considerado o artista uruguaio máis internacional da segunda metade do pasado século: pintor, escultor, ceramista e ata arqueólogo e recurrente viaxeiro que acabou radicándose en USA, sendo pai da escritora Isabel Fonseca Kaplan –casada co escritor británico Martin Amis,  residentes alternativos no Uruguai- e dos pintores Bruno e Caio, todos ianquis.        
            Outro descendente, este neto de Carlos de Castro (Crónica 28) e fillo do xenial pintor Pedro Figari, foi Juan Carlos Figari (e Castro, 1893-1927), arquitecto e malogrado pintor finado en París.
         
Fonseca: Torre de los vientos. Ciudad de México
  
Algo posterior (1900-1983) é Norberto Berdía, confrontador das ideas estéticas do “chefe” Torres García, con viaxes a Europa e América (e radicación temporal en México), foi multipremiado. (Non cremos fose descendente do médico galego Manuel Verdía, actuante no período colonial e poscolonial uruguaio).
            Fillo de galego era Washington Barcala (e Marzadri, 1913 ou 1920-1993), tamén premiado abondo e residente (desde 1974) en Madrid, téndose antes  formado en París, con obra moi creativa con selo propio.


 Dato extemporáneo: O noso toxo dáse neste país, introducido quen sabe cando e por quen, tal vez por galegos, utilizado nun principio como contedor das areas, en combinación cos piñeiros, hai datos de Atlántida (1911) e doutros núcleos do interior, mesmo estando presente na beiramar montevideana… mais, posteriormente, tendo sido calificado de praga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario