xoves, 28 de maio de 2020

OS TEDIOSOS VERAOS DA ADOLESCENCIA

Por Pepe de Rocaforte

Pásanme unha columna de Manuel Vicent, “La escuela de escritores acostados”, publicada o venres pasado en “El País”, coa indicación -dime o enviante- de que lle fixo lembrar unha conversación que tiveramos os dous hai xa bastante tempo, sobre ese mesmo tema, e como sabe que deixei de ler  hai moitos anos “El País”, supón que eu non a vería.

Certo: non a lera; nin tampouco me acordo moito desa nosa conversa, pero supoño que sería arredor de Juan Carlos Onetti, un dos grandes escritores de quen gusto e quen durante un tempo bastante alongado, xa próximo ó final da súa vida, dera pé, como saberán vostedes, para moitas colaboracións xornalísticas pola súa teima en non se volver erguer nunca máis do leito.

 E agora, un tanto distraído polos inicios dunha soneca primaveral, púxenme a ler, máis ben a lle botar unha ollada adormecida por riba, á columna de Vicent (pero quero deixar claro que os inicios de somnolencia que me asaltaban nestes momentos non eran producidos, nin moito menos, pola prosa do escritor levantino, de quen, se ben as súas novelas non me parecen enteiramente conseguidas, admiro e envexo sobre todo os seus redondos traballos xornalísticos). Estáballe botando, xa digo, unha ollada á columna de Manuel Vicent cando me espabilou unha frase, sorprendente ó meu ver, na cal o autor se refería a “aqueles longos e tediosos veraos da nosa adolescencia”.

Un pouco preocupado por se “tedio” tiña algunha acepción diferente da que eu lle supoñía, funme informar no Dicionario Xerais da Lingua, onde puiden ler: “sensación de aburrimento, desgosto ou fastío”. Como o texto estaba en castelán e lle teño moito aprecio ó “Diccionario de uso del español”, de dona María Moliner, tamén a el lle fun botar unha ollada. E lin: “cansancio que produce una cosa que no interesa o por la que se ha perdido el interés”. E tamén: “estado de ánimo del que no encuentra atractivo o interés en lo que lo rodea o en la vida en general”.

Xa sei que a nosa tendencia inconsciente a modificar e adornar as lembranzas da adolescencia acaba por facer delas algo moi diferente do que realmente vivimos entón. Pero así e todo chamarlle “tediosos” ós veraos da xuventude, paréceme, desde a miña cativa experiencia, un tanto desacertado. Para min, como para os meus amigos de entón, era o tempo das excursións aventureiras, das tardes de baños, uns anos no río, outros no mar, das lecturas non obrigadas á hora da sesta, dos primeiros escarceos amorosos, a maioría deles con resultados tan penosos que nalgunhas ocasións chegabámolos a considerar tremendos dramas cuxas secuelas podían perdurar ata preto dun mes, mes e medio, ou xa nun caso excesivo, arredor dun trimestre, botándolle moi polo alto.

Pero neses casos tampouco creo que “dramático” tivese “tedioso” entre os seus sinónimos. Nin aínda cando me quedaba pendente para setembro algunha materia do curso e me vía forzado a ir pasar os meses de xullo e agosto á vila para recibir unhas clases particulares de don Enrique Vázquez Fraga (Deus o teña na Gloria).

Daquel tempo véñenme hoxe á memoria con certa saudade tres compañeiras de pasantía, dúas delas irmás, coa menor das cales, Noni, me volvería encontrar moitos anos máis tarde oficiando ela de presentadora nunha charla que me convidaran a dar. A terceira, Erica, unha para min exótica rapaza austríaca, chegada á vila nun grupo de nenos acollidos ó final da Guerra Mundial en casas de xente acomodada, e que non regresaría ó seu país ata ser xa muller adulta, tal vez chamada entón por algúns familiares de acolá.

Pero, como di o tópico, estas xa son outras historias.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario