Dous fotógrafos
O
Curmán de Undochán
Jesús Cubela |
Varias exposicións están dando conta
dos “180 anos da fotografía no Uruguai”… contados desde o 29 de febreiro de
1840, cando se tomou a primeira –un daguerrotipo- e foi da catedral de
Montevideo (vulgo: Matriz), ubicada na praza da Constitución (a comemorar a de
Cádiz, este territorio aínda español daquela), en fronte do Cabildo
montevideano (hoxe museo e arquivo municipais).
Esa novísima técnica chegou, como
era de esperar, nun buque-escola francés que, o ano anterior, iniciara unha
viaxe polo mundo, coa precisa misión de divulgar o invento, a cargo neste navío
do abade Louis Compte, xira que quedou limitada aos non menos novísimos
estados: Brasil, Uruguai e Chile, saltándose Arxentina –daquela co bloqueo
naval contra o seu gobernante-, en cuxo porto chileno de Valparaíso o veleiro
naufragaría.
Entre os centos de fotógrafos
operantes neste país e entre as suas varias especializacións (de estudo, de
prensa, de sociedade…) cinxirémonos a falar de dous galegos de sona no oficio,
ou millor, na arte, de duas xeracións sucesivas: Jesús Cubela e José María
Silva.
Sen ser dos primeiros –o xa citado
A. Cousillas actuaba canda el, nos fins do XIX-, Jesús Cubela (provincia de Ourense,
1866-1925) foi dos primeiros destacábeis, ao dicir do estudoso J. A. Varese,
“un dos pioneiros da reportaxe gráfica”, de quen “moito se coñece da sua obra
canto ben pouco da sua persoa”, “cunha das traxectorias máis curiosas entre os
fotógrafos”, non só limitada á xeografía capitalina.
“Documentalista
do 900”, nun tempo en que parecía unha ousadía rexistrar as persoas –visto como
invasión dun espazo privado- “captaba a xente nas suas ocupacións habituais”. Máis
adiante pasouse ao campo da fotografía paisaxística ou panorámica. E foi
importantísima a sua colección gráfica, gardada por el con esmero.
José María Silva (Montillón-Souto-A
Estrada, 1897-2000), como el mesmo se publicitaba, “un fotógrafo entre los
artistas y un artista entre los fotógrafos”, con esa tan longa vida, ben
difícil de resumir, se por algo pasou á historia é por ter sido “o fotógrafo de
Carlos Gardel”, quen, de artista a artista, lle comentaba que a sua foto
preferida era “esa de medio perfil, sonriendo, con el gacho (chapéu) puesto,
que le saqué en 1933”. Mais Silvita –como lle chamaba El Mago- xa o fotografiara desde duas décadas atrás, cando apenas
rompía a cantar tangos e milongas sen sospeitar a sua fulgurante carreira
futura.
Silva, como Soliño ou Pailós (Crónicas
11, 12, 40), chegara ao Uruguai de pequeno, este da man de sua nai, morto o pai
na guerra de Cuba: é o que se califica como emigrante pasivo, que, polo xeral,
non sinte moitas ansias por coñecer a terra (apenas) natal, morriña ausente.
Foi fotógrafo doutras importantes
figuras, como León Felipe, os arxentinos Perón ou Mores, os uruguaios Herrera,
Belloni ou Candeau… oficiando como reporteiro gráfico do exitoso mundial de
fútbol de 1930. Presidíu a sua asociación gremial por case trinta anos e foi
declarado “inmigrante do ano (1998)”.
Estrambote:
o ferrolán José Romero Gómez (1914-1973) reuníu enorme acervo de máquinas
fotográficas e de cine, ao punto de constituir, post mortem, o Museo Fotográfico “José Romero Gómez” (1991).
Ningún comentario:
Publicar un comentario