Por Pepe de Rocaforte.
A
semana pasada coidaba dar por rematado o tema do Gólem, pero deixaba un espacio
aberto por se me chegaba algunha novidade máis sobre o caso, porque me entraran
dúbidas de se fora a Vicente Risco ou a Álvaro Cunqueiro a quen lle lera certa
información sobre un rabino que creara un gólem a base de escribir miles de
veces un nome nun papel. «Tal vez o mellor será», dicía eu, «deixar o asunto de
lado e quen sabe se algún amigo con mellor memoria ca min me facilita a súa
localización», cousa que fun incapaz de atopar pola miña conta.
E
o amigo tíñao ben preto, nada menos que o meu compañeiro de tertulia Xacinto
Dolz. Xacinto é un home que o leu todo e que se acorda de case todo. Polo tanto
non ten nada de estraño que o outro día me chamase para me dicir sinxelamente:
“Aí tes a referencia de Cunqueiro”, e acompañarme unha fotocopia do número 37,
de agosto de 1986, de “Los Cuadernos del Norte”, onde figura un traballo de
Álvaro Cunqueiro, “Sobre ángeles y demonios”, no cal, entre outras cousas,
escribe: «El Rabino Isaak Mahlebany estaba escribiendo un tratado sobre los
ángeles rebeldes, con aquella letra suya tan hermosa, admiración de las juderías
húngaras. Iba escribiendo el nombre de Satanás, por cinco mil cuatrocientas
treinta y nueve vez -es decir, siete veces setecientas setenta y siete- cuando
observó que la palabra se movía, huía del renglón y tendía a salir de la plana.
Rabí Isaak se dio cuenta de que había creado un gólem demoniaco».
Case
o mesmo que aquelo do cal eu falara. Pero... pero hai un dato que me deixa coa
area no zoco, e este dato é o nome que escribía o rabino Mahlebany: “Satanás”.
O conservado na miña memoria é “Sinuosus”. Ten un certo aire, sobre todo polos
“S” inicial e final, pero non é o mesmo. E fáiseme pouco crible ter sido eu o
inventor da palabra “Sinuosus”. ¿Escribiríaa Cunqueiro nalgún outro traballo,
antes do publicado post-mortem en “Los Cuadernos del Norte”? ¿Ou será
cousa de volver de novo sobre Vicente Risco?
En
fin, aí o deixo, porque a cousa non é tan importante como para lle dedicar máis
investigación. Así e todo, como me queda algo de espacio, vou ofrecer á súa
consideración un contiño no cal pensaba como tema para a colaboración de hoxe,
na que me ía referir ó especial engado dos nomes dalgunhas cidades, ou lugares
xeográficos, exóticos á hora de nos inspirar unha reste de ensoñacións máis ou
menos pracenteiras e/ou creativas.
SAMARCANDA
Atopábase
a soas no cuarto, unha daquelas mañás chuviosas de Compostela, angustiado polo
peso da mediocridade da súa vida, mentres se lle debuxaba na mente a imaxe
liberadora das rúas e prazas de Samarcanda.
E
en Samarcanda, ó mesmo tempo, outro mozo soñaba sobre un mapa ó azar, cunha
cidade descoñecida de nome estraño, Compostela, a onde desexaría fuxir da
diaria vulgaridade insufrible que o afogaba na súa cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario