Supoño que se vos pregunto aquela
adiviña que di: Ten barbas e non é home,
ten dentes e non come, todos sabedes que falo do millo, con aquela outra
variante máis extensa: Nun prado moi
cercano hai un frade franciscano, que ten dentes e non come e ten barbas sen ser home.
Acórdanme estas adiviñas diante deste hórreo
de Taragoña, en Rianxo, que ten como pináculo unha espiga de millo, un símbolo
apotropaico para esconxurar o mal e atraer a boa fortuna, unha evolución para moderno que
ten a súa orixe naquel corno ou pico erguido que representaba ó deus Priapo,
protector dos campos e favorecedor da multiplicación da semente. Esta non
necesita máis interpretación, aquí gárdase o millo coa esperanza de que dea de
si moita fariña e medre o seu contido como semente en terra fértil.
E para rematar, xa que hoxe estamos con
adiviñas, a ver quen sabe esta que di: Verde
nai de cabelo dourado, leva o fillo no colo cun cobertor agochado.
Quen o saiba que o diga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario