xoves, 10 de outubro de 2013

A “CASA CATALÁ” NA POBRA DO CARAMIÑAL


Por  Kanus
                                                          

Emprazada nun lugar privilexiado hoxe en día, como é a praia dos Areos na Pobra do Caramiñal, a “casa catalá”, podemos  distinguila doadamente entre as novas construccións e de atribución económica diferente.

Apréciase como  unha construcción pertencente a unha  familia burguesa, de fomentadores cataláns, os cales, chegaron a Galicia a mediados do século XVIII, co negocio do salgado, co que foron prosperando na terra a nivel económico e social.

Nos comezos da súa chegada, os cataláns ficaban de forma temporal, vivindo en casetos e choupanas, e cando se asentaron fixérono en terreos que non eran óptimos para o cultivo, terreos que naquela época non se valorizaban, e neles construíron a súa vivenda e a súa factoría, formando  ambas un conxunto.

Sen estudiar neste intre o interior desta construcción, atendendo so ó  que vemos cando
paseamos polo areal da Pobra do Caramiñal, observamos como a fachada principal destas vivendas dan a leste, mirando á praia, son de planta rectangular e de un so andar. Teñen os muros de pedra, cuberta de tella do país, e a carpintería de madeira.

Pero o que distingue arquitectonicamente a “casa catalá” (a fachada neste caso), é a distribución dos ocos: á dereita da porta principal hai de dúas a catro fiestras que pertencen a vivenda familiar do empresario catalá, e á esquerda da porta unha única fiestra que pertencía ó despacho do fomentador.

Actualmente, as vivendas que quedan variaron moito, subiron un segundo andar, fixeron baixos-cubertas habitables, abriron ocos con galerías ou balconadas, e tamén, outras derrúmbanse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario