mércores, 9 de outubro de 2013

Esterqueiros

      Por Pepe de Rocaforte     
 Algúns dos motivos da manifestación dos traballadores de ALBADA o pasado día 5 nA Coruña trouxéronme á memoria un debuxo de Castelao en “Vida Gallega”, coa caricatura duns “tratantes de esterco” polas rúas de Santiago.
            Era aquel un traballo, entre outros hoxe desaparecidos, propiciados polas necesidades mutuas e as relacións entre as cidades e as  localidades da súa contorna.
            Na obra dalgúns escritores de inicios do século XX temos unha fonte valiosa de información sobre eses traballos. “As aventuras de Alberte Quiñoi”, de García Barros, ou “Estebo”, de Lesta Meis, conteñen información etnográfica de primeira man sobre moitas destas ocupacións: O trafego das leiteiras que ían vender á cidade o leite recollido polas casas da aldea. O das mandadeiras que comerciaban en pequena escala os productos das súas hortas suburbanas. Ou o das que ían transportar vultos ós barcos de América ou ós do correo.
            Neste aspecto é de gran riqueza o libro “Abellas de ouro”, de Lesta Meis, onde por exemplo, fala do traballo das lavandeiras, “frescas, espilidas”, co seu cantar na boca, a castigar os rils esfregando a roupa no río para logo botala a clareo polos campos de Eirís, ou colgala nos tendais e baixala unha vez seca á Coruña, ás casas onde lla deran para lavar.
            Pero volvendo ós recolledores de lixo, falábame hai anos un vello de cando, sendo el neno, viña co seu pai desde Lañas, en Arteixo, co carro das vacas buscar o esterco dos retretes da Coruña e o contento que ía de volta deitado no alto do carro enriba de toda a “mercancía” que logo usarían para estercar as leiras.
            Outro vello, este de Tarrío, en Culleredo, dicíame que aínda a mediados do século pasado viñan, tamén co carro das vacas, buscar no Muro cabezas de pescado para estercar as fincas. Neste caso contaban cun provedor que as almacenaba e lle pasaba o aviso cando tiña unha cantidade suficiente de “xénero” para vender.
Uns traballos, sen dúbida, ecolóxicos, hoxe superados. ¿Ou tal vez non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario