Ponte de Ucanha |
Por Pepe de Rocaforte
Chámanme por teléfono para ofrecerme, seica dado o meu presunto interese pola cultura galega, unha película sobre o Camiño Portugués a Santiago, a un módico prezo de nove euros, importe destinado case na súa integridade ó pago dos dereitos de autor. Eso me din.
A chamada tráeme á memoria o meu paso, a mediados dos anos noventa, pola aldea de Ucanha, uns quince quilómetros ó sur de Lamego, onde fun ver a única ponte medieval fortificada de Portugal. Alí chamoume a atención un letreiro, semellante a outros que algún tempo atrás empezaran a verse polas estradas españolas, coa indicación de “Caminho de Santiago”.
Ó día seguinte, no Porto, comentáballo ó xornalista Jose Viale Moutinho, quen me dixo: “Como Portomeñe continúe na Xunta (Victor Vázquez Portomeñe era daquela Conselleiro de Cultura) chegará a descubrir un camiño de Santiago a través de Angola. Xa o verás”.
Viale Moutinho |
Falamos tamén da cantidade de bandeirola e restos festeiros que vira na ponte, así como un gran cartel na torre coa foto de Mario Soares, por aquel tempo Presidente da República, a quen saudaban os representantes do pobo, agradecidos pola súa visita (realizada un par de días antes do meu paso por alí). E comenteille a Viale a fina ironía da coidadora do monumento ucanhés, quen ó lle eu preguntar como fora o encontró co presidente, respondeume: “É o segundo xefe do estado que pasa por aquí. O primeiro foi Afonso Enriques”.
“¿Estás de brincadeira?”, retrucoume Viale. “Non, ho. ¿Por que o dís?” “Porque eso escribino eu na crónica que mandei para o Diario de Lisboa”.
Se fose hoxe, responderíalle: “Pois vaille esixir dereitos de autor á señora. Tal vez lle poidas sacar uns nove euros segundo tarifas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario