Por Pepe de
Rocaforte
Dicía don Vicente Risco que cando
aparecía publicado algún libro novo e se poñía en marcha a cadea de reseñas
xornalísticas, colocación dun ou varios exemplares en lugar destacado dos
escaparates das librerías e toda esa publicidade (daquela aínda tan escasa)
para promocionar as vendas dese determinado título, el, don Vicente, non o lía,
prefería deixar que o paso do tempo calmase un pouco o rebumbio e máis adiante
xa decidiría se se animaba á lectura ou non, segundo lle cadrasen as
circunstancias.
Como en tantas cousas non podo
parecerme a don Vicente (nalgunhas non quero), nesta tan doada de cumprir, sigo o seu consello e case nunca leo un libro en campaña
de lanzamento, co cal en moitas ocasións acabo por non chegar a lelo nunca.
Outro tanto me sucede co cine e non
vexo ningunha película senón bastante despois da súa data de estrea. Non é
estraño polo tanto que aínda acabe de ver agora mesmo “O desafío. Frost contra
Nixon”.
Por se alguén non está ó tanto
direille que en resumen o filme trata da entrevista televisiva feita polo
presentador e xornalista británico David Frost ó daquela recén demitido
presidente dos Estados Unidos. A película seguramente non pasará á historia da
cinematografía, pero dela chamáronme a atención particularmente algunhas das
frases pronunciadas por varios personaxes ó comezo da fita. “O poder mal usado
é a esencia mesma da tiranía”, dicíase nunha delas. E noutra: “En lugar da
satisfacción que pensei sentir (pola demisión de Nixon), só me atopaba cada vez
máis cabreado porque en ningún momento admitiu a súa culpa nin pediu perdón”.
A propiedade con que se poderían
aplicar estas frases a unha situación ben actual e próxima (pero neste caso sen demisións por medio) fanme traer aquí este
comentario, aínda coa dúbida de se será lugar axeitado para
el.
Ningún comentario:
Publicar un comentario