Por Pepe de Rocaforte
O nome de Jose Viale Moutinho na
miña colaboración anterior tróuxome á memoria esta outra historia.
Era na primavera de 1989. Os
asistentes en Lugo a un Congreso de Escritores Galegos desprazáranse a
Mondoñedo para homenaxear a Leiras Pulpeiro, Lence Santar, Álvaro Cunqueiro e
outras personalidades enterradas no cemiterio local. Entre os asistentes
atopábase Viale Moutinho, quen nun á parte me comentou, en relación coas
brincadeiras que aquí nos traemos a conta das inscricións en lápidas de
cemiterios portugueses, que tamén nós, os galegos, tiñamos algo que rascar no
asunto.
A fin de mo demostrar convidoume
para á viaxe de regreso pararmos en Vilalba e dar unha voltiña polo seu
cemiterio vello. Aceptei e, nun paseo entre lápidas, puiden ver a que aquí se
reproduce, sen dúbida un exemplar antolóxico.
Repito o texto, por se na foto non
se pode ver con claridade: “Aquí yace el licenciado José Fraga Iribarne. Amó
tanto la justicia que se fue a ejercer la abogacía al cielo a los 21 años de
edad. Villalba, 6-9-47”.
Na outra fotografía reproduzo a
Viale Moutinho fotografando a lápida.
Por certo, para remate, nunha
información aparecida na prensa do día seguinte, onde se daba conta do acto de
Mondoñedo, dicíase que entre os asistentes se encontraba o escritor portugués
Jose Viale Mortinho. Co seu habitual sorriso irónico, comentoume Viale:
“Non é de estrañar que tratándose da información sobre un cemiterio, se lle
ocorra chamarme así”.
Esperemos que o seu irmán non exerza de Presidente da Xunta no Ceo.
ResponderEliminar