luns, 17 de febreiro de 2014

A honra ós finados. As Parentalias e Mania

        

        Conta Ovidio que houbo un tempo no que os romanos se esqueceron de honrar ós seus finados, e entón estes, saíron das súas tumbas e vagaban polas rúas queixándose da desmemoria dos seus e facendo todo tipo de falcatruadas, percorrendo os lugares dos vivos.  Este foi a orixe dunha celebración que se facían pasado xa o mediado do mes, en que se honraba ós finados ofrecéndolle incenso e viño, para telos calmados e que non viñesen a importunar ós vivos.
               Eran as Parentais, en que se cerraban os templos, apagábase o lume dos altares e non se celebraban matrimonios. A faba cobraba especial significado, pois había a crenza de que dentro delas se encerraba a alma dos finados, polo que o cabeza da familia as botaba sobre as tumbas ou facía o regreso á casa cuspíndoas cara atrás, para que os finados non viñesen a importunalo.
         Tamén era costume nestas celebracións que o cabeza de familia colgase tantos bonecos ou pelotas de la como persoas libres e escravas houbese na súa casa, para que Mania, a nai dos Manes, os deixase en paz, e no mesmo día da súa festa, os labregos deixaban en capeliñas erguidas nas encrucilladas, os seus aparellos de labranza e sacrificaban algún animal.

         Traemos estas capelas, non só porque este fose o tempo en que os romanos facían estas celebracións en honra dos seus finados, senón tamén para amosar estas capeliñas tan semellantes ós nosos petos de ánimas e esmoleiros, que igual ca aqueles tamén se poñen a beira dos camiños e nas encrucilladas.

1 comentario:

  1. Gosto moito desta sección de mitoloxía e relixiosidade popular. Non hai mellor forma de ensinar que deleitando e todos estas achegas combinan de maneira exemplar o rigor coa amenidade, co engadido de que están escritas nunha lingua natural, rica e coidada. Moi expresiva, sen afectación e dunha gran forza comunicativa, pois están ao alcance de calquera tipo de lectores, o que axuda a despertar o interés por estas cuestións antropolóxicas, que por tan cercanas ao noso propio tempo e espazo, ás veces nin reparamos nelas ou simplemente as ignoramos. A dimensión didáctica destas páxinas, así como a súa claridade expositiva e o seu valor iconográfico, son ben de agradecer.
    Noutra orde de cousas, pensamos que tamén podía enriquecer aínda máis o conxunto do blog, terdes un criterio tipográfico máis unificado, non usar tanta diversidade no tipo de letra e mesmo nos tamaños tamén diferentes. Quizais podiades establecer unha modalidade de letra e un tamaño común, cos que vos sentirades á vontade e que ao tempo potenciase o deseño.
    Estes son aspectos de forma, miudezas, ao lado do interese e amenidade de todos os vosos traballos. Boa vinda aos Chanzos!

    ResponderEliminar