Estamos nun mes de
purificación, e non só porque o día dous sexa a onomástica das Puras e das
Purificacións, é un mes no que se invoca á luz, no que se percibe a proximidade
do medre das plantas, ese momento tan agardado e desexado ó largo do inverno,
cando o refraneiro nos adianta que é cando casan os paxariños (podo dar fe de
telos escoitado esta mañá nunha árbore preto da miña casa). A Candeloria é
cando o prognóstico advirte que cando ri o inverno vén aí e cando chora o
inverno xa vai fóra, pero anque ría e anque chore, aínda hai corenta días de
mala choiva. Botádelle a conta. Sen embargo segue sendo un mes duro e por iso
veremos como ó largo deste mes se invocará de distintas maneiras a vida como
triunfo sobre a morte.
Febreiro toma o seu nome de
Februo unha divindade etrusca, de quen se sospeitaba que era quen mandaba as
enfermidades que garda no fondo da terra, e por iso se lle ofrecían sacrificios
encima das tumbas. Un deus que, co paso do tempo foi asociado ó Plutón que á
vez colleu atributos do grego Hades, o deus do mundo dos mortos, e por iso,
cando Proserpina foi raptada e levada ó fondo da terra, ó mundo dos mortos, a
morte invadiu a natureza. Ata que, nas calendas de Febreiro, ou sexa, coa lúa
nova, no antigo calendario romano, a xente saia á caída da tarde con fachas
acesas e ramos adornados con flores, doces e luces a pedir a volta da deusa con
súa nai Ceres para que volvese a xerminar a natureza.
Tamén había unha celebración
celta relacionada co primeiro de febreiro que era a festa do Imbaloc, relacionada coa fertilidade e
co comezo do bo tempo, se non de feito si de dereito, da primavera, na que
festexaban á deusa Brigit, protectora dos partos, a quen se lle ofrecía o
primeiro leite muxido das cabuxas, e que a Igrexa non tardou en asociar con
santa Bríxida de Kildare, unha abadesa morta no 525, e que ten a súa
festividade no primeiro deste mes ofrecéndolle asemade o leite e a manteiga.
Aquela era unha deusa nai da que algúns autores pensan que derivan topónimos como
Brigantio ou Bergantiños e que os romanos asociaban a Minerva.
Foi o papa Xelasio I quen no
ano 492 instaurou a festa da Candeloria, coa idea de erradicar os antigos
cultos, pero sen embargo aí vemos como nas Mariñas coruñesas seguen saíndo no
día da Candeloria ó caer a tarde, as procesión con ramos de acacia e velas
acesas para acompañar unha imaxe do Neno Xesús. En Muros acéndese unha vela por
cada finado da casa, e esa vela, bendicida, será a vela que se lle pon ó
moribundo como símbolo de luz para atravesar o negro túnel da morte.
Non sei que relación pode ter a deusa Brigit con Galicia, máis aló dos topónimos que se citan, pero sei que a véspera do seu día, era costume bater o leite da manteiga, e en Cervantes faláronme dun costume de poñer no antepeito da fiestra como ofrenda á aurora, o primeiro leite despois de muxir ás vacas.
ResponderEliminar