Fálase de Entroido e
Carnaval como se ambas palabras, polo feito de coincidir no tempo en que se
celebran fosen sinónimos, e nós non o entendemos así. Sabemos que Carnaval vén
de Carnestolendas, e que Entroido deriva de Introitus e tamén que esta é unha
palabra moito máis tardía que a primeira, pero nunca nace a palabra antes que o
feito ou o obxecto, senón ó revés, e nós distinguímolos porque mentres un fala
de desenfreo ou outro fala dun ritual. Conviven pero son distintos.
O Carnaval é a esmorga, a
oposición á orde, vestido con farrapos, trócase a vestimenta como a norma, os
homes visten de mulleres e as mulleres de homes, buscan o uniforme da
autoridade para ridiculizala (cregos e policías), arman barullo, fan burlas e
rinse dos veciños. É unha oposición á Coresma, ó tempo de xaxún e recollemento
e polo tanto unha celebración que nace co cristianismo, cando o papa Xelasio
quixo erradicar os vellos costumes das Lupercais; mentres que o Entroido é un
ritual que se manifesta con ritos de fecundidade, ó noso entender moito máis
antigos co Carnaval, tal cando nos din que os volantes teñen que pisar os
campos senón non nace o froito, ou cando os peliqueiros saúdan coas súas
zamarras de coiro, como antigos lupercos, á xente que sae da misa, son a autoridade
á que non se lle pode pechar o paso porque eles levan a prosperidade por onde
pasan e zorregan en todo aquel que atranca o seu camiño, mentres que ás
máscaras de Carnaval pódeselle facer todo tipo de trasnadas. O Entroido é a
festa na que se mancha ós veciños con elementos evocadores da vida, coa cinza,
abono dos campos ou con fariña, o po branco como a pureza. O Carnaval
disfrázase e o Entroido vístese. Un peliqueiro, cigarrón, boteiro, pantalla,
felo, volante ou o oso de Salcedo, non son disfraces senón personaxes
investidos do poder da natureza. Cada bisbarra ten os seus entroidos, a súa
maneira peculiar de entrar na primavera, e en moitos lugares onde se perderon
as figuras tradicionais para invocar á natureza, como pode ser a Barbanza ou as
Mariñas coruñesas, si se mantén o nome dos “Choqueiros” para as máscaras,
lembrando que algunha vez houbo personaxes que levaban chocas coma todos os que
acabamos de citar.
As figuras do Entroido
galego teñen en común o colorido do traxe, que evoca ó florecemento da natureza
así como a mestura de elementos masculinos e femininos no mesmo personaxe, como
os peliqueiros e cigarróns que levan garabata ó pescozo e liga na perna, simbolizando
a unión sexual da natureza.
A risco de dicir algo que
pode levantar discrepancias, o Carnaval e o Entroido son dúas celebracións
distintas que coinciden na data.
E como comezo das celebracións, empecemos por entronizar ó deus Momo
E como comezo das celebracións, empecemos por entronizar ó deus Momo
Ningún comentario:
Publicar un comentario