domingo, 2 de febreiro de 2014

San Brais


Todos nos lembramos de san Brais cando a gorxa nos dá algún problema, sobre todo neste tempo frío, propenso ós catarros, pois foi el quen curou a un cativo que se afogaba cunha espiña, e por iso, para lembrarnos que a súa especialidade está na gorxa, acostuma a representarse agarrando, tocando ou sinalando o pescozo coa man.

Pero san Brais, a quen invocamos no día tres, tamén é o santo que, para arredar o culto romano a Luperco, o deus protector contra o lobo, foi quen camiño da prisión tivo a solicitude dunha boa muller que se lle queixou de que o lobo lle levara o bocariño que estaba criando, e entón el fixo que mesma fera, arrepentida, llo fose devolver á casa daquela, co que esta, agradecida, foi visitalo á cadea levándolle a cachola do porco, unha vela e unha bola de pan, e hoxe en día, como costume que se perde no pasado, no seu día bendícese o pan, nalgúns lugares pans especiais, e velas con forma de U que se colocan ó redor do pescozo, como se facía en san Paio de Antealtares (Santiago), onde o sancristán imploraba a fórmula: “Que san Brais che libre do mal da garganta e de todo mal”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario