mércores, 9 de xullo de 2014

As reliquias de san Cristovo




            San Cristovo, protector de conductores, automobilistas, recadeiros e barqueiros, era un home xigantesco, un fortachón que, arrepentido dos seus pecados decidiu dedicar a súa vida ós demais, e escolleu para tal oficio o de pasar ás persoas que necesitaban vadear un río, levándoas en brazos ou ás cachapernas. E un día houbo de pasar a un cativo que lle pesaba tanto que case non podía con el, e entón o rapaciño que pousaba sobre o seu ombro aclaroulle que todo aquel peso era porque levaba sobre si o peso do mundo.
            Aquel neno, que resultou ser o Neno Xesús, regaloulle a Cristovo unha vara para que lle servise de apoio, pero cando o bondadoso home, pola noite a deixou á porta da casa, esta apareceu pola mañá florida, chea de vida, e das flores saíu o froito con que o bo home deu de comer a moita xente necesitada.
             A súa festividade celébrase en España no 10 de xullo, mentres que no resto do mundo cristián é o 25 deste mes e en Oriente o 9 de maio.
            A un home de tanta bondade non podía menos que adorarse e tomalo como intercesor diante da divindade que tivo a deferencia de regalarlle aquela milagrosa vara, e as reliquias (anacos do seu corpo) foron recollidos e venerados en moitos lugares do mundo, pero sempre reliquias xigantescas, como corresponde á súa xigantesca persoa, reliquias que seguen venerándose e atribuíndoselle poderes especiais, aínda a pesar de que se descubriu que, na realidade, uns dentes atribuídos ó santo son na realidade dentes de dinosauro, e nós mesmos, nunha exposición sobre reliquias e relicarios que se amosou en Compostela, vimos nunha caixiña perfectamente tallada unha moa atribuída ó santo, unha enorme moa de cor escura, a cal, segundo un experto que viña canda nós, era na realidade un caprolito defecado por algún animal xigantesco, posiblemente tamén dun dinosauro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario