martes, 1 de xullo de 2014

MUSEO DAS RELACIÓNS DESTRUÍDAS

Por Pepe de Rocaforte
            A apertura de museos de diversas temáticas, así como de centros de interpretación de canto corresponda, esténdese cada vez máis como medio, creo eu, de atraer dalgún xeito ó turista, ó visitante, con algo en que pasar o tempo á parte das especialidades gastronómicas, a beleza paisaxística e a riqueza urbanística e monumental do lugar visitado.
            Á medida que proliferan estes museos, os seus promotores tratan de avivar o caletre na busca de novos motivos museables, e neste aspecto contaba aquí, hai cousa de seis meses, a miña visita a un museo nunha vila de Las Arribes del Duero onde me chamara a atención unha extensa colección de teléfonos móbiles alí expostos.
            Agora acabo de descubrir outro museo un pouco máis curioso, ou orixinal, en Zagreb. Alí tiveron unha oco­rrencia que dá un importante salto cualitativo na descuberta de material expoñible. Trá­tase do “Museum of broken relationships”, que poderiamos traducir por “Museo das relacións rompidas”.     
      A idea foi dos croatas Drazen Grubisic e Olinka Vistica, quen despois de catro anos de relación amorosa víronse na situación de poñerlle remate ó idilio e ó non saber que facer con tantos obxectos ata entón com­partidos, tiveron a idea de formar con eles un museo.
            Así, deste modo tan sinxelo, naceu a cousa: o Museo das Relacións Destruídas, instalado na capital de Cro­acia, onde o visitante pode admirar desde un vestido de noiva sen estrear a un ominoso machado, pasando por peluches, fotos, cartas e mesmo un consolador, obxectos todos eles coa súa historia correspondente alí explicada.
            A idea aporta, na miña opinión, un aspecto desdramatizador á hora de enfrentar esa situación traumática e suavizala en certa medida dándolle un aire máis civilizado, cun certo toque humorístico-festivo que tanto pode axudar nestes casos.
            Para o posible visitante aquí deixo a información, co desexo sincero de que ningunha parella lectora se vexa na situación de estar en condicións de aportar novo material a este curioso museo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario