domingo, 13 de xullo de 2014

HELENA E O SOL



Por Pura Tejelo




Qué batalla se librará, Deus, no cume das colinas
que escintilea salferindo de sangue
este ceo de vertixe e cólera.

Mañá baixarán de vermello os ríos
tinxindo a roupa das lavandeiras e as azas das lavercas,
voltando as terras ermas de sílice.

Quén recollerá as víctimas do fragor.

Flotarán no aire os lamentos mudos
deste sol de escudo e bronce
encabuxado en non esmorecer,
hoxe que estás, aí, queda,
como unha estampa,
voando as fitas brancas do teu pelo como velas daqueloutras naos,
nunha atmosfera cruenta.

Sei que loita, Helena, para agradarte
E prolongará a súa agonía intermitente
para que ti, extasiada, sigas contemplando
o solpor,
morrendo todas as veces que desexes.
Así te ama.

Este sol alucinado como un tolo
desangrándose,
perdido,
mentres bota bolas de fogo contra as altas torres da escuridade,
queimando madeiras de bidueiro e desatino,
boca en rebeldía
abre un oco imposible na noite, corredor de fondo e lava,
amándote como un sentenciado.


 Pero ti, Helena, na penumbra
es a auténtica luz,
darás a volta, andarás lentamente,
premerás o botón do teu ascensor,
entre as sabas do leito prenderás a lampadiña
e recordarás a beleza daquel ocaso,
na aínda encendida calor das túas meixelas,
logo durmirás,
e a fita do teu pelo caerá flotando, branca e vaposa como nas naos de
antano

Ningún comentario:

Publicar un comentario