Por Pepe de Rocaforte
Volvendo unha vez máis, e non será a
última, sobre o tema museístico, preséntaseme unha dúbida sobre se son
preferibles os grandes museos, coas súas impresionantes e case inabarcables
coleccións de arte, ou os de tipo digamos familiar, pequenos, de proporcións
máis asequibles para o visitante, que non se sentirá agobiado pola perspectiva
de verse obrigado a prescindir de ver a maior parte das obras expostas, pola
imposibilidade de lle dedicar un mínimo de tempo á contemplación de cada unha.
Recordo agora unha visita guiada ó
Ermitage de San Petersburgo, na cal, despois de toda unha mañá recorrendo salas
unha detrás doutra, a guía daba por finalizado o percorrido nun determinado
punto. Diante da miña queixa por marchar sen lle botar sequera unha ollada á colección
de “Mestres franceses do século XIX”, a guía (excelente, por outra parte)
indicoume as salas onde se atopaban e deume media hora para velas. Entre tanto
esperararíame na escalinata da entrada principal para ir xantar.
Posteriormente explicaríame que dada
a cantidade de obras existentes no museo (non lembro ben a cifra que me
proporcionou), se lle dedicase tan só un minuto á observación de cada unha
necesitaría tres anos e non sei cantos meses e días máis para velas todas, e
eso en xornadas de vintecatro horas, sen descansos de ningún tipo. ¡Demencial!
Noutro sentido certo
autor americano de quen non recordo o nome dicía que un home en boa forma
física podería pasar por diante de todos os cadros da “Gran Galería” do Museo
do Louvre en menos de quince segundos. E, certamente, eu faríao, se puidese,
sen sentir a mesma dor de ter que prescindir de ver os mestres franceses de San
Petersburgo, pero ese é outro tema.
Por certo, recorrendo o Louvre, un
fillo meu, daquela con doce anos, falaba do negocio de montar un servicio de
aluguer de cadeiras de rodas para que os visitantes non acabasen fartos e
cansos de patear salas e máis salas, moitas veces, como no caso da Gioconda,
sen oportunidade de ver cun mínimo de tranquilidade a obra de arte, neste caso
ocultada, máis que ofrecida a contemplación do visitante.
Ante todo esto, aínda que non sexan
obras famosas o que alí vai ver, ¿non será preferible un museo máis
proporcionado ás posibilidades humanas, como o poden ser os desas vilas de que
falei en comentarios anteriores?
Ningún comentario:
Publicar un comentario