xoves, 31 de xullo de 2014

OS FILLOS DE SÁNCHEZ



Por Pepe de Rocaforte
            Xusto cincuenta anos despois da súa primeira edición en castellano atrevinme por fin a ler “Los hijos de Sánchez”, do antropólogo norteamericano Oscar Lewis, un libro que no seu tempo foi unha especie de “best seller”, tal vez polo seu contido: a relación descarnada das propias vidas por parte de catro irmáns pertencentes ás clases máis baixas da sociedade na cidade de Mé­xico D.F. a mediados do século XX.
            A obra, no seu día, aportou unha forma novidosa de abordar as cuestións antropolóxicas, dándolle todo o protagonismo ás persoas estudiadas e pasando o investigador a un segundo plano na sombra, sen deixar constancia sequera das preguntas con que invitou ós seus entrevistados a esa especie de confesión case psicoanalítica na que dous homes e dúas mulleres se espiron sen pudor diante do mag­netófono.
            Este comentario escríboo cando levo lido algo máis das tres cuartas partes deste voluminoso libro e empezo a sentirme un tanto canso coa lectura pola reiteración, para min (non especialista) excesiva e algunhas veces superflua, pero ó tempo de escribir estas palabras non deixo de lembrar aquelas outras de Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata”.
Oscar Lewis
            E aquí vén a miña pregunta, referida neste caso a libros: Cando unha lectura se nos fai costa arriba, ou nos aburre, ou non nos gusta, ¿deberiámola deixar de lado sen máis, ou o correcto sería proseguir lendo ata o final?
            Cada vez máis xente opina que nos compre aprender a deixar de ler un libro cuxo contido nos parece infumable, ou vulgar, ou mal redactado, etc. Pero no meu caso resúltame practicamente imposible non chegar á última paxina. Sempre me parece necesario seguir porque, xa que alguén lle atopou mérito para publicalo, algunha cousa boa terá, aínda que sexa moi escasa e non apareza ata o derradeiro capítulo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario