martes, 1 de xullo de 2014

San Paio

   
         Paio era un cativo, un neno que foi usado como moeda de intercambio para liberar das prisións sarracenas ó bispo de Tui, seu tío, pero era tan bonitiño o rapaz, que segundo as lendas haxiográficas Abderramán III namorouse del, e como o neno se negou a favorecer os pecaminosos instintos do monarca granadino, foi decapitado e despezado.
            Os restos do cativo permaneceron agochados na casa dun fiel cristián que moraba en Granada, ata que unha embaixada galega os recuperou para traelo a terras cristiáns. Pero a viaxe era moi longa, a fama do rapaciño mártir moi grande e en cada lugar por onde pasaban, todos querían renderlle homenaxe a aqueles restos e pedían e pagaban grandes sumas por un anaquiño do seu corpo para ser venerado, polo que hoxe en día as súas relíquias están repartidas por todo o territorio do que outrora foi o reino galego-leonés, e en cada sitio é invocado para curar toda clase de traumatismos e tumores corporais.
            E con tal fin se venera en lugares como Morás en Arteixo, o primeiro domingo de xullo, onde os fieis pasan por debaixo das andas do santo, co fin de recibir a súa bendición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario