xoves, 28 de maio de 2015

Unha cruz solar en terras de Bergantiños



Esta cruz, de aparencia tan basta, dándolle as costas ós salseiros que baten nas abruptas e escarpadas ribeiras da Costa da Morte; semella marcar a fronteira entre o perigo e o sosego. A súa presencia quizabes naceu dunha fe sen propaganda ou dunha antiga crenza que despois bendiciu o cristianismo, e perdura sen máis folclore que o sentimento de cada quen. No seu centro non se representa ó fillo de Deus, senón ó mesmo Deus da eternidade, ó que lle deu vida a este mundo e lle dará a morte se algún día desaparece, o círculo do sol, a roda da vida; o máis omnipotente dos deuses, o que todo o perdoa, o que sempre está disposto a mandar unha raxeiriña que faga acougar despois da chuvieira, pero tamén o que castiga co sollazo abrasador como se mandase o mesmo lume do inferno.
Na linde dunha finca, ela marca a fronteira entre o doméstico e o salvaxe, entre o propio e o alleo lembrando que sempre hai algo que dura máis cos bens da terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario