martes, 2 de xuño de 2020

SOBRE A COMPAÑA – II

 

Por Pepe de Rocaforte

 

Vicente Risco, posiblemente o autor que mellor, ou polo menos o primeiro, sistematizou as informacións referentes á Santa Compaña, explica no apartado de Etnografía daquela inacabada Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo e publicada en Buenos Aires entre 1962 e 1973, que a crenza na Compaña é común en Galicia, Asturias e norte de Portugal. «Aínda que ten o feitío dun mito», opina o autor ourensán, «o seu senso cristiano é tan nidio, que non o podemos tomar coma unha crenza mitolóxica».

Murguía, en troques, consideraba clara a procedencia céltica da idea da Compaña. E Carolina Michaelis de Vasconcelos supuxo que se podería derivar do mito xermánico de Wotan, cando, andando polas nubes, asistía ás batallas e levaba na súa hoste as almas dos heroes que morrían combatendo. Nóvoa Santos adxudica o nacemento da Compaña á representación alucinatoria dun feito corrente naquel tempo: o paso do Viático pola noite, como feito real de conciencia e máis como posible realidade ultrafísica.

Como para respaldar esta hipótese temos un relato de Francisco Ramón Ballesteros, referido seica por unha súa parente, veciña de Corcubión, quen unha noite escoitou un forte balbordo na rúa e ó abrir as contras para ver o que sucedía, enxergou unha manchea de xente, nunha fila por cadanseu lado da rúa. Alguén da comitiva tocaba unha campaíña, mentres o resto do acompañamento camiñaba con velas acesas na man.

O primeiro pensamento da muller foi de que lle levaban o Viático a algún enfermo e decidiu esperar a volta da procesión para saber a quen lle foran poñer os sacramentos. Pero por máis que esperou detrás da fiestra, non había xeito de a comitiva regresar. Xa ía retirarse para o leito cando veu vir pola rúa un veciño, camareiro dun café da Praza, por diante do cal debería forzosamente ter pasado a procesión, quen lle dixo que el non vira comitiva ningunha. Aínda máis: aseguroulle que a porta da igrexa, visible desde o café, estivera pechada toda a noite e ninguén entrara nin saíra dela.

Naturalmente a muller foise para o leito convencida de ter visto a Santa Compaña.

Volvendo á opinión de Murguía, non é estraño que o noso autor matinase na orixe céltica da Compaña. Á parte de Asturias, norte de Portugal e Galicia, existen crenzas parecidas na Armórica, en Escocia, en Gales, e tamén en zonas da Suíza, na Baviera e no Tirol. Pero este feito non é probatorio de por si. Como opinaba Frazer referíndose á universalidade de certos ritos e crenzas, «a semellanza que puidese trazarse a este respecto, consiste só no que común aínda que incorrectamente chamamos unha coincidencia fortuíta, o efecto de causas similares actuando de igual xeito sobre a constitución semellante da mente humana nos diferentes países e baixo distintos ceus».

Chegado aquí decátome de aínda non ter dito o que en sustancia parece ser a Compaña. Segundo Risco, quen, como xa se dixo, foi unha das primeiras autoridades na materia, é unha procesión nocturna de ánimas en pena que percorre os camiños aldeáns. Cada parroquia ten a súa procesión, formada polos defuntos enterrados no adro, arredor da igrexa parroquial, que  a determinada (ou variable) hora da noite se reúnen diante ou dentro do templo para iniciar a súa marcha pola aldea. A hora máis estendida para esta reunión acostuma ser a das doce da noite, ou de aí para adiante. Así o afirma Risco, e tamén Antonio Fraguas, e Taboada Chivite, e Jesús Rodríguez López, e Francisco Ramón Ballesteros.

 

(Continúa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario