Dixeron sobre Montevideo…
O Curmán de Undochán
Einstein e Vaz Ferreira nunha praza montevideana |
Outra volta (ver Crón. 13) é o meu curmán Un quen vai cobrar esta, dado que é el quen a fai, seleccionou e traduciu a estoutros estranxeiros -a maioría do século pasado (dous deles coruñeses-, a opinaren, máis ou menos con xeito, do que lles parecéu esta cidade, moitas das veces estendendo esa opinión ao país todo… sen chegar a coñecelo. As versións galegas ben puderon evitarse pondo as citas no español orixinal, mais eu insistinlle ao Un que, por se trataren de frases soltas e non de textos literarios acabados, non ía sufrir perda a fasquía estética dos autores nestes textos breves e nada significativos na sua obra. Excepción feita do “nica” don Darío, cuxo sonoro soneto fora pecadento traducir.
E, por riba, os restantes, sen dúbida, a gozaren así o privilexio, nunca por eles soñado, de ser versionados na nosa lingua. Outros numerosos houbo –Madariaga, Blanco-Amor, Lorca…- dos que Un non ten textos a man e xa lle puxen pena para os procurar.
“Non fagamos caso dos que califican Montevideo como unha cidade “griste”, a combinaren o tristón co grisallo. Será que non souberon disfrutar da sua bahía, que se abre ao xigantesco Rio da Prata, das suas praias de auga doce, das suas librarías, das suas parrillas e o seu arsenal de lugares retro que lle outorgan identidade a esta cidade que decidíu non ter presa.” (Mercedes Cebrián, 2010).
“Unha tentadora visita a Montevideo sería a estritamente literaria, xustificada polo feito de que o Uruguai, un país de tres millóns e pico de habitantes, é, xunto con Irlanda, o que, no mundo todo, máis escritores ten producido por metro cadrado.” (Vicente Molina Foix, 2010).
“Cando nos vimos as caras pola primeira volta [1969], Montevideo, verdeabas polos catro pontos cardinais, e as rapazas se volcaban a dormiren na relva do parque Rodó. Gostei de ti desde o primeiro momento, mais foi despóis cando me namorei. Foi cando te exiliaron e te viñeche para a miña casa co posto. Aí, ollada tristeira, soños tortos, carnes torturadas; aí te coñecín, Montevideo, aí te sentín como algo meu, e aí foi que nos xuramos amor eterno.” (Joan Manuel Serrat, c. 2007).
Este filósofo uruguaio era neto dunha Freire de Andrade… brasileira… a bó entendedor… |
“Montevideo ten algo do sixiloso cosmopolitismo de Lisboa e tamén ese ponto de desgaste de capital antiga, xunto ao gran estuario dun río que é xa case o mar.” (Antonio Muñoz Molina, 1996).
“Nas ruas de Montevideo, unha bela cidade, segue habendo, por fortuna, árbores: as grandes avenidas e as suas transversais adovíanse co único que pode alegrar a desolación do asfalto, do cemento e da pedra. Por outra banda, prodíganse os monumentos escultóricos que, amáis de lembraren feitos e persoeiros, son motivos ornamentais.” (Ramón Patiño, 1971).
“Despóis de saborear a doce e desolada nostalxia de Montevideo…” (María Casares, nalgunha das suas duas presenzas, 1957 ou 1974).
“No Uruguai atopei unha cordialidade auténtica, como poucas veces na miña vida. Encontrei amor á terra propia, sen o menor delirio de grandeza. Que o diaño se leve aos grandes estados coas suas obsesións: eu os dividiría a todos en máis pequenos, se tivese o poder para iso.” (Albert Einstein, 1925).
“Montevideo. O ceo esplendoroso, cunha nitidez patética, moi rara en América: un ceo nada indio, máis ben clásico, mediterráneo. Paseei polo parque, abandonado e provincial…”. (José Ortega y Gasset, 1917).
“Outro engado máis que me fai singularmente simpática esta cidade [Montevideo] é a de aparentar unha reprodución, en tamaño seis veces maior e en edición correxida e aumentada, da miña cidade natal [Coruña]. Ambas son penínsulas e ás duas as arrola o mar… cando non as azouta.” (Adolfo Rey, 1914).
“Montevideo, copa de plata/ llena de encantos y de primores/ flor de ciudades, ciudad de flores/de cielos mágicos y tierra grata;/tus bravos héroes la Historia acata,/fervientes líricos dieron loores/a los centauros y a los pastores/cuyas proezas recuerda el Plata./Y ese tesoro de ritmo y gracia,/ rosas del pueblo o aristocracia/que en tus mujeres divinas veo/¡son con tus almas de poesía/de tu corona la pedrería,/maravillosa Montevideo!” (Rubén Darío, 1912).
Con esta poética cita máis que centenaria, o meu curmán deu por finalizado o seu labor e eu feliciteime de vacacionar por esta crónica…
Anécdota extemporánea: Otero Pedrayo estivo por duas veces nesta cidade (1947 e 1959). Nunha delas, por desencontro cos anfitrións no aeroporto, veuse forzado a dirixirse ao hotel céntrico pola sua conta. En achegándose ao Centro Gallego, de absoluto incógnito, perguntoulle ao porteiro: “Buen hombre, ¿es aquí donde va a hablar esta noche un profesor gallego?” Ao que o retranqueiro do home bó respostoulle: “Bóh… aquí falan tantos!”…
Ningún comentario:
Publicar un comentario