luns, 15 de xuño de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (75)

                                                Dous galegos “realistas”

                                                                                    O Curmán de Undochán

Autor: Fernando Aguerre Core

             De “realistas” ou “godos” falaban os “patriotas” ou “insurxentes” para se referir a aqueles españois que, no tempo emancipador, ficaban fieis á coroa, atopándoos non só no ámbito militar, senon en calquera outra actividade, particularmente comercial ou pecuaria; na colectividade galego houbo algún fidalgo, como Antonio Baltasar Pérez e Rodríguez del Villar (de Seavia-Coristanco, 1756), que se aderíu axiña ao movemento independentista, contrariamente a un “realista” de extracción campesina, cal foi Roque Antonio Gómez Pérez (de Tarela-Queiruga-Porto do Son, 1767)… Entre varios, entón, escollemos dous como foron Pampillo e Chaín.

            Benito Chaín Fernández (Lua-Valonga-Pol, 1762), emigrado mozote, incorporouse cedo á milicia colonial a combater os indíxenas indomábeis, inimigos dos terratenentes, terratenente el mesmo. No seu currículum compre salientar a  participación, como capitán de cabalaría, na derrota dos invasores ingleses de Buenos Aires (1807). Chegado 1811, casado e instalado cos seus en Montevideo, asiste ao sitio da capital polos patriotas, chegando a elaborar un plan contrarrevolucionario que non foi aceptado, e tendo el si que aceptar a entrega da breve capital do vicerreinado –como último reduto hispano no Rio da Prata, xa liberada B. Aires desde 1810- ás forzas independentistas (1814, asinándose a capitulación, precisamente na casa daquel Pérez citado máis en riba).

Joaquín de la Sagra y Périz coa filla Ramona

            Daí en diante voltou definitivamente a España, onde morrerá, en Medinasidonia, 1831, a un ano da fundación da república uruguaiana: deixara aquí toda a familia (¿!) –sua muller, Juana Troitiño, era filla de pai de Sarandón-Vedra-, con descendencia ata hoxe e cun estendido apelido que os montevideanos se empeñan en acentuar Cháin!

            Deixando de lado a outros “leais” –tal o caso do tamén estanciero Pedro Manuel García Rodiz, de Sorrizo-Arteixo, 1755-, temos que, vinte anos máis novo que Chaín, e tamén da zona luguesa (Piñeiro-A Pastoriza, 1782), foi Bernardo Pampillo Teijeiro, emigrado, con vinte anos, a Buenos Aires, onde, co grao de capitán, coincide con aquel na defensa da capital do vicerreinado. (Este Bernardo era curmán do célebre Xral. José Ramón Rodil Pampillo, Trobo-Begonte, 1789-1853, louvado por Bolívar cando o derrotou).

            1811 píllao xa en Montevideo, co grao de tenente coronel, e protagonizando unha acción pola que, sobrepóndose ao seu positivo accionar anterior, pasou á Historia miúda desta nación. A exemplo do que, séculos máis tarde, sería norma de parte da cregaxe galega, os eclesiásticos (curas, frades) da daquela posesión española norplatense, neste caso maioritariamente, uníronse e mesmo encabezaron por veces a causa antiimperialista. Tales eran os franciscanos do convento montevideano e iso non podía ser tolerado polo gobernador (e futuro efímero vicerrei) Elío, de tal xeito que delegou en Pampillo a expulsión dos frades da praza xa sitiada; ficou famosa a frase (disque apócrifa) do galego: -“¡Váyanse con sus amigos los gauchos!” dita con nocturnidade e alevosía.

Así o plasmou Diógenes Héquet (1866-1902)

            Morrerá Pampillo en 1854, deixando á posteridade algo ben máis memorábel para o devir nacional, cal foi seu fillo José Ramón Pampillo y Novás (1834-1894), primeiro taquígrafo no Parlamento uruguaio.

            Tamén facemos omisión doutro “realista” sonado, o noso ben coñecido Joaquín de la Sagra y Périz (Coruña, 1784), que, unha vez declarada a República, pasa a ser figura indispensábel na vida pública do nacente país (Cróns. 6 e 28).

            Pampillo e Chaín, ambos defenderon a coroa borbónica por duas veces: contra os ingleses e contra os crioulos independentistas: gañaron aos primeiro, perderon cos segundos… vindo a daren nos “malos da película”.

 

Frase extemporánea: “Dícese que o Uruguai e a Arxentina están separados por un río, o río Uruguai, e unidos polo idioma. Co Brasil úneo o territorio, e o separa o idioma. Mais o conto non vos é tan simple.” (Traducido de Mario Delgado Aparaín, escritor uruguaio contemporáneo).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario