martes, 23 de xuño de 2020

SOBRE A COMPAÑA – V

Por Pepe de Rocaforte

María del Rosario Castells Vila conta que en terras do Bolo os que teñen o privilexio de ver a Compaña fican sobrecollidos polo seu impresionante silencio. O bisavó da profesora, o notario don Ignacio Ramos, saía dun café da Gudiña unha noite a comenzos do século XX cando albiscou unha procesión con velas acesas e tocando unha lene campaíña. O señor notario quedou aterrado, aínda coa dúbida de se se trataría da Compaña ou simplemente do Viático, pois na aldea había un moribundo. Ó día seguinte foi á casa do enfermo e preguntoulle se lle levaran os sacramentos pola noite. Diante da súa negativa decatouse do obxecto da procesión nocturna e sabedor de que o enfermo era home valente, contoulle o que vira e pediulle que ó outro día da súa morte lle aparecese na eira para informalo sobre a vida de ultratumba. O moribundo accedeu á petición e, chegado o día e hora da cita, o morto aparecéuselle ó notario e murmurou unhas palabras que don Ignacio Ramos nunca revelou a ninguén, aínda que polo súbito envellecemento que experimentou, deberon ser estarrecedoras.

José María Castroviejo veu a Compaña no adro de Vaamonde, na Ulla. O comenzo da visión foi unha luz verdosa que avanzaba desde a reitoral cara ó adro. Coa luz mesturábanse voces, lamentos e misereres. Pouco a pouco empezaron a aparecer unhas figuras de rostros esbrancuxados, coa pel tensa coma a dun tambor, mesmo igual que se a fosen rachar os ósos da caveira. A procesión pasou por diante da igrexa e foise perder de vagariño entre os carballos.

Neste relato de Castroviejo, sospeitosamente literario, chama a atención o feito de que a aparición se produce nunha noite de lúa, mentres que na maioría das informacións sobre o particular observamos que é condición requirida a dunha noite moura coma alma de cacique. En Luaña, por exemplo, abonda con que brille algunha estrela para que xa non saia a Compaña.

Un dos relatos máis curiosos pola súa desemellanza coas descricións usuais da Compaña é o que no ano 1879 facía un tal E. Sobrino en “La Ilustración Gallega y Asturiana”. O narrador empeza referindo que por terras da Ulla certos días víanse unhas luces azuladas que se movían, ían e viñan, aparecían e desaparecían coma se buscasen algunha cousa indeterminada arredor da igrexa. Se temos en conta que nas igrexas aldeás case sempre estaban os cemiterios arredor do templo, no adro, unha explicación racional a este feito poderíase atopar no resplandor efémero dos fogos fatuos. A partir deste fenómeno a mentalidade labrega montaba a interpretación que mellor lle servise para asimilalo.

Os seres que formaban esta “hoste” eran enteiramente invisibles. Porén podían coller a calquera mortal que se cruzase no seu camiño, erguelo e arrastralo. E aínda máis: a vítima podía escoitar claramente as palabras que lle dirixían aqueles seres invisibles.

Na Ulla o home que se atopaba de noite coa Compaña sentíase co ánimo sobrecollido. Se botaba a andar, seguíano. Se corría, corrían tamén. Se paraba sen alento, tamén paraban onda el para a seguido poñérense a danzar arredor seu.

No medio desta procesión da Compaña pola Ulla levan unha caixa de morto, un escano, que é o ataúde, propiedade da igrexa, no que son conducidos ó cemiterio os pobres que non teñen caixa na cal ser enterrados.

(Continúa).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario