domingo, 28 de xuño de 2020

Ver non é crer


                  Un xa non distingue entre o real e a ficción. Hai uns meses aplaudíamos a Obama por dicir sobre Trump verdades como coma castelos, e tamén por chamarlle o que todos tiñamos en mente, pero logo soubemos que aquel vídeo do expresidente poñendo a caldo ó actual mandatario mundial era unha manipulación feita a propósito por un actor, para demostrar como se pode suplantar a imaxe e a voz de calquera sen que se note.

     Hoxe máis ca nunca, ver non é crer. A manipulación está á orde do día, ata tal extremo que aínda non se inventou o aparello capaz de descubrir a verdade ou polo menos de contradicir con rotundidade o que chamamos as deepfakes. Con estas tecnoloxías das trampulladas demóstrase que refráns tan certeiros como aquel de que se colle antes a un mentireiro ca a un coxo quedaron obsoletos. Calquera cun ordenador pode poñer nas redes as palabras máis sorprendentes renegando do divino e do humano. O meu amigo Afonso pasoume un vídeo seu tocando a gaita mellor que Carlos Núñez, pois desde que lle regalaron a táblet fai milagres que a ningún santo se lle ocorrerían.

     Esta pasada crise é un exemplo de bulos, trolas, mentiras e falso testemuño que nos obriga a comprobar cada noticia que lemos en todos os medios ó noso alcance, e tan ben feitas están estas trucaxes que a mentira, por disparatada que sexa, é máis doada de crer que calquera artigo selado e rubricado por un comité de expertos. Hai xa un par de anos que prestixiosas revistas científicas nos advertían contra isto, e a maiores afirmaban que a súa perfección é tal que crear programas para desmentilos será case imposible, polo que todo queda no noso libre albedrío, segundo o crédulos ou desconfiados que sexamos. Por iso non podo crer que Miguel Bosé e outros moitos, se fagan eco diso de que nos queren meter un chip coa vacina do coronavirus para controlarnos como se fósemos gatos á xaneira. Non podo crer que persoas aparentemente tan serias como o presidente da universidade Católica de Murcia, asegure que o covid-19 é obra "do anticristo" e que Bill Gates y George Soros son asalariados do demoño para propagalo. Non lle podo dar creto a ese outro vídeo en que todo un exministro nos conta como o papa emérito lle confirmou que sabía por boa tinta que o diaño quere destruír España, por ser os españois tan católicos como somos. Nin podo crer que todo un clérigo purpurado asegure desde Valencia que as vacinas son malas porque se fan con fetos de abortos. Pero se eles mesmos non o desmenten, será que o dixeron e o cren?. O cal me leva a lamentar que haxa tanto papán no mundo, do que se aproveita o malvado ser infernal para inxectar o virulento virus do descrédito, da insidia e do medo.

     Tócanos vivir a era das mentiras, fakenews e deepfakes. Sen ir máis lonxe, acaban de pasarme un vídeo de Lorca recitando un dos seus poemas, que me apurei a reenviar coa nota que poñían ó lado, “García Lorca recitando de viva voz”. Logo souben, por desmentido extraoficial, que do granadino non se conserva ningún documento sonoro, e ese marabilloso recitado é un de tantos deepfakes que se puxeron de moda hai un par de anos e floreceron como toxos en abril á sombra é á calor da pandemia.



Ningún comentario:

Publicar un comentario