Por Pepe de Rocaforte
Segundo un testemuño recollido en Mundil (Ourense) en 1928, por un alumno da Escola de Maxisterio ourensá, a procesión da Hoste empeza despois de cear, término un tanto indeterminado, pero que de todos os xeitos semella anterior á media noite. Mentres en Luaña, dun xeito aínda máis indeterminado, Andres Suárez só chega a afirmar que a Compaña non aparecía endexamais polo día. A “Huestia” asturiana, aínda que tampouco teña hora fixa, parece ser que sempre sae do adro da igrexa a altas horas da noite, o cal fai supoñer que se poñen en procesión despois de pasadas as doce.
Nalgúns lugares da beiramar e da Limia Baixa a Compaña tamén pode andar de día, pero daquela non se ve, só se oe o airiño que levantan ó pasar. En Laza corre este dito: «Desde as doce á unha / anda a mala fortuna», co cal xa se acouta un horario moi restrinxido. Segundo o testemuño do xa citado George Borrow, a Compaña móstrase como unhas luces que parecen aboiar no aire. «Son almas dos mortos que andan por riba da néboa con luces nas mans». Estas luces, segundo Barcia Caballero, son de “lanternas verdes”. Na bisbarra onde se atopa encravada Luaña, segundo Andrés Suárez, tamén se mostra a Compaña voando por riba das árbores e daquela para se librar de caír no seu poder compre deitarse boca abaixo e rezar tres painosos e unha avemaría sen rebulir ata despois de desaparecida a procesión dos defuntos.
Na Fisterra Francisco Ramón conta que cada un dos compoñentes da Procesión das Ánimas leva unha luz acesa. E aínda que non se distinguen ben os contornos físicos dos velóns, percíbese con nitidez o seu resplandor, así coma un forte cheiro de cera.
Rodríguez López afirma que a reunión das ánimas do purgatorio sae en procesión pola porta principal da igrexa, detrás da persoa viva que leva a cruz e o caldeiro, quen non pode, baixo ningún pretexto, virar a cabeza. Cada defunto leva unha luz que non se ve, pero da cal se percibe claramente o cheiro da cera a arder. A comitiva tampouco é visible, pero síntese o airiño que levanta ó seu paso. Este airiño, segundo Vicente Risco, é semellante ó do vento nas chamineas ou entre as canas do millo.
Na maioría dos sitios as ánimas son visibles, como por exemplo en Mundil, onde aparecen nas noites escuras do inverno e, sobre todo, no mes de Outubro, no cal se ven polos camiños que van cara ós cemiterios en procesión de pantasmas vestidas de branco cunhas luces azuladas nas mans. Estes vestidos brancos son en moitos casos sudarios, aínda que hai bisbarras onde tal aparencia téñena só por diante; por detrás están focas, “coma se fosen de cortiza”.
(Continúa)
En Arbo saían de día As Xans.
ResponderEliminarAs xans (xanas, estou eu afeito a ler)eran unha especie de ninfas dos ríos e das augas en xeral e non lle atopo maior relación cos compoñentes da Compaña. Agora ben, non sei que outra ocupación se lle podía atribuír por esa zona.
EliminarEu falei hai tempo delas
ResponderEliminarhttp://leoeosseus.blogspot.com/2010/01/terra-das-xans.html
Señor Paideleo: eu tamén acabo de aprender co seu comentario. Como lle dicía na miña contestación anterior, non coñecía o que eran as xans e supoñía que se trataba dunha leve variación do nome das xanas. Diante do que conta vostede no seu blog, xa o vexo doutra maneira e, máis que coas xanas galaico-asturianas ou as xacias galegas, o comportamento das xans parece gardar moita semellanza co da Compaña
Eliminar