mércores, 17 de xuño de 2020

Ulisíada (XX)

Por Far O'McKwoo

Poñendo orde na casa dos seus

     

           Do encontro e da conversa mantida entre Ulises e Eumeo

     Ulises recoñeceu a Eumeo no peirao, cando este subía abordo da dorna coa que cada día se despraza ata a batea que Laertes puxo ó seu cargo, onde ha de asegurarse de que o mexillón medra adecuadamente, cales cordas están listas para colleitar e deixar arranchado o que haxa que levar á depuradora, así como que ninguén alleo lle desgracie a propiedade. E falaron repousadamente sen que, como era de agardar, Eumeo recoñecese a Ulises, pois é ben sabido que só se recoñece o buscado, o agardado ou o desexado, pero non o que aparece por sorpresa; e neste caso, ademais, non era doado de recoñecer por vir disimulado tras unha barba medrada, unhas gafas de sol e unha gorra de viseira que nunca antes usara. De tal maneira que, como se fose un forasteiro perdido naquela terra, o acabado de chegar enceta a conversa con frases sen interese, preguntando polo tempo, polo negocio da pesca, polas cousas do día a día, ou polas xa moi próximas festas patronais, e pouco a pouco vaille gañando a confianza para que lle conte da xente da vila, e do amo, dono ou patrón da batea, sen revelarlle a súa propia identidade. Polo operario soubo que o seu vello sufre o acoso dalgunhas persoas que queren aproveitar a debilidade do hipotecado empresario para converter a batea e a depuradora na tapadeira dun arrevesado negocio de contrabandistas, que aínda non hai moito que se viron na obriga de chamar á policía porque, amarrada á cadea de fondeo, había media tonelada de coca pura, e ó cabo dunha semana, en reprimenda, picáronlle doce das cordas que tiña listas para colleitar, botándollas ó fondo. Evidentemente, ninguén sabe quen, pero todos sospeitan do mesmo. Tamén descubre durante esta conversa no peirao, que seu pai adoece por saber do fillo ausente, que de estar con el, sería o seu amparo, o seu relevo e o abeiro onde acubillarse contra quen pretende prexudicalo, contra os pretendentes do seu mal.

      -Pero o fillo foise buscando mellor vida e nin unha postal manda por Nadal. –Queixouse con duro lamento o fiel empregado de Laertes, e Ulises non se atreve a rosmar unha desculpa.

     O retornado sente a emoción puxando desde o fondo do peito cando Eumeo fala con amables palabras do seu patrón, que o acolleu coma se fose o fillo que lle falta e ata o favorece en moitas das circunstancias da vida, e emociónase aínda máis cando entende que o empregado é quen lle dá a Laertes as satisfaccións que non lle dá o ausente. Entón si, de súpeto, tal un chafariz sen billa, as bágoas velan os ollos do emigrante e os beizos tremen, pero resístese a descubrir a súa identidade.

     Prolónganse as falas e Eumeo, que ten máis cousas que facer, invítao a acompañalo á batea se quere seguir falando, que están a caer as festas e ten que ter todo preparado para as demandas que se produzan, mais el, que teme encontrar a seu pai antes do necesario, descúlpase, que non vaian pensar que é un ladrón ou algo semellante, que seguramente non sexa prudente subir á mesma dorna xuntos, mais Eumeo tranquilízao, que non vai haber problema xa que o xefe non irá pola batea ata o día seguinte, e hoxe el só ten que marcar as cordas que han de izar; e aínda a maiores invitarao a tomar unha mexilloada na mesma batea, onde ten un fornelo para cocer uns carabeiros.

     -¿E ti sabes que só hai dous sitios no mundo, e ambos a cada lado da ría, onde ós mexillóns se lles chama carabeiros?.

     -Si. Sabíao.

     -Daquela ti non es forasteiro.

     -É que eu leo moito.

     -Hai cousas que non veñen nos libros.

     Insiste Eumeo tratando de saber máis del e disimula Ulises, curioso e necesitado de máis respostas, para que lle fale de Penólope, dedicada a criar un fillo sen pai e pretendida por Antínoo, fillo dun conserveiro e dono do supermercado onde está empregada. “Pero non a pretende por ben”, xulga o empregado coa lingua pequena. E cóntalle como, dun tempo a esta parte, el lévaa a casa todas as tardes no seu convertible, cerran a capota e fican a falar durante un anaco, ata que ela entra na casa e, segundo se conta, para vencer a soidade desfai os nervios tecendo e destecendo un xersei de lá. Porque todos na vila saben que Antínoo non anda con ela só pola cara bonita.

     -¿Mais, tanta pregunta sobre esa xente...? –insiste Eumeo mirándoo de esguello e Ulises non contesta, baixa a vista, cala un pouco máis a gorra e pregunta:

     -¿Tamén está ela metida neses negocios?

     -¿Quen sabe? Os cartos doados de acadar sempre lle gustaron a todos, e ela, se non é por cobiza, pode ser polo fillo ou por non perder o choio. Se non caeu na tentación, pode caer, coma calquera.

     -¿Pero sábese algo... quero dicir...algo que non sexan só faladorías?

     -Non, non –atalla Eumeo-. Non se sabe nada de segurp, pero xa sabes, a liña está botada e o peixe na posta. So é cuestión de fame se pica ou non. Na vida real as cousas non acaban tan ben como nas novelas.

(Próximo capítulo: Do consello dado por Atenea a Telémaco).

Ningún comentario:

Publicar un comentario