martes, 16 de xuño de 2020

SOBRE A COMPAÑA – IV


Por Pepe de Rocaforte

 Segundo nos informa Carmelo Lisón Tolosana, falecido por certo no pasado mes de marzo, as ánimas, «espíritos dos que morreron», teñen a obriga de ir visitar a aquel sinalado para morrer. A procesión destes espíritos iníciase no cemiterio parroquial e diríxese á igrexa, de onde sairá para se achegar á casa do fregués chamado pola morte. Na porta da igrexa espéraos un veciño vivo, obrigado a encabezar a marcha do cortexo fúnebre coa cruz parroquial. Se algunha outra persoa viva se encontrase no traxecto desta procesión nocturna das ánimas, o home que leva a cruz tratará de lla traspasar e dese xeito librarse deste arrepiante traballo.

A Compaña debe estar formada por un mínimo de cinco compoñentes; e polo menos un deles ha ser forzosamente coxo, explica Antonio Fraguas. De aí vén o dito de «nunca faltou un coxo nunha compaña». Os indispensables son: o portador da cruz, o do estandarte, o do caldeiro da auga bendita, o da lanterna ou farol para acompañar o Viático, e o da campaíña.

Fraguas distingue claramente entre a Compaña e a Visión. Esta última está formada polas ánimas que representan o que vai suceder nunha morte. É dicir: “A Visión” é a comitiva fúnebre que vai cara ó cemiterio ou a igrexa. O que olla a Visión non sabe quen será o morto e ata hai quen ve o seu propio enterro. Nalgunhas ocasións “A Visión” súmase ó cortexo da Compaña, polo cal, neses lugares, unha e outra procesión son englobadas nunha soa denominación.

Chegado aquí, Francisco Vidal, titular deste blog no cal colaboro e home con moitos máis coñecementos ca min sobre o tema, infórmame que en Palmeira, e en varias outras zonas da Barbanza, hai unha procesión que nos dá toda a impresión de ser o equivalente da “Visión” de Antonio Fraguas. Chámanlle alí “A Gracia de Deus” e o seu cometido consiste en ir de noite a unha misa de defuntos.

Francisco explícame que a “Gracia de Deus”, da cal, como vimos, tamén dá noticia Lisón Tolosana, quen recolleu esa información na parroquia de Aldán (Cangas), é unha reunión de defuntos que, ou lle levan a Extrema Unción a alguén que goza de boa saúde, ou asisten a unha misa na cal todos os presentes son finados, oficiada por unha persoa que aínda non morreu. En ambos casos hai nela alguén vivo que será o encargado de dar testemuño do acontecido. Non se trata dunha procesión, é unha visión, e na Barbanza (coma no Morrazo) chámaselle “A Gracia de Deus”. Esta xuntanza non intenta traspasar a facha ou provocar dano algún, senón avisar que vai morrer un  veciño ou veciña da parroquia. O curioso é que a persoa viva que a observa non pode facer nada por remediar o que vai suceder, ou non entende ela mesma o que está vendo ou, cando o conta, os oíntes non lle toman en serio o que di.

Francisco ilustra a súa explicación con este relato: “Unha coñecida nosa, que andará agora polos setenta e cinco, tennos contado como en certa ocasión viu a unha coñecida, que estaba moi enferma, vindo de lavar do río. Saudáronse sen falarse e esta coñecida quedou gratamente sorprendida de vela tan recuperada, e así llo comentou a unha curmá daquela, quen con rostro serio non lle dixo nada. Ó día seguinte, cando a muller morreu, a curmá aclaroulle á que lle dixera que a vira, que xa no momento se decatara de non ter podido vela porque levaba na cama agoniando varios días”.

 (Continúa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario